A Mesa do Parlamento veta a iniciativa popular de Compromiso contra a corrupción

Membros de CxG, na presentación da ILP CC-BY-SA CxG

Veto á iniciativa lexislativa popular de Compromiso por Galicia. A Mesa do Parlamento decidiu o pasado día 11 non admitir a trámite a ILP coa que o partido que lidera Xoán Bascuas apostaba por implantar "medidas de prevención contra a corrupción política", baseadas nas propostas do fiscal superior de Galicia na materia. Na súa resolución, o órgano reitor da Cámara galega considera "evidente" que as propostas de CxG "afectan ao marco competencial estatal" e á normativa que "atinxe o desenvolvemento básico do Estatuto de Autonomía ou aspectos materiais que requiren o voto favorable dunha maioría cualificada para a súa aprobación". E por este motivo nin sequera a tramitará.

Con este razoamento a Mesa argumenta que a ILP de Compromiso bate coa lexislación que regula as ILP e, polo tanto, non é posible admitila a trámite. A argumentación xurídica do lexislativo galego é, a xuízo de Bascuas, "moi feble", xa que "se ampara en que a proposición pretende lexislar materias non atribuídas á competencia da comunidade autónoma" ou do "desenvolvemento básico do Estatuto" cando "a ILP non entra nas competencias do Fiscal nin nas do Consello de Contas, polo que non entra no ámbito reservado a leis de desenvolvemento básico nin na competencia estatal".

Bascuas: "PP e PSOE escóndense un por tras do outro para non falar de corrupción"

Tampouco, como argumenta a Cámara, di, "entra en bases da contratación administrativa, senón en "cuestións de desenvolvemento -como a publicidade dos contratos da Administración, entre outros aspectos- que pode regular o dereito autonómico". Así as cousas, a xuízo do secretario xeral da formación galeguista, o rexeitamento "é unha cuestión máis política que xurídica" da que responsabiliza, a partes iguais, a "PP e PSOE", formacións que forman parte da Mesa.

Populares e socialistas, di Bascuas, "non queren que se debata a fondo no Parlamento sobre como evitar a corrupción nas administracións públicas" e por iso se "esconden un por tras do outro" cando "se fala de medidas de prevención da corrupción". "Por algo será", ironiza, nun contexto no que considera que "lle teñen medo ás propostas da cidadanía" nun contexto no que, ademais, di, contan "coa complicidade de AGE e BNG, que prefiren pasar o tempo nunha comisión de estudo que non serve para nada". "Ao PP está claro que non lle interesa e os outros son incapaces de pasar das palabras aos feitos", conclúe".

Membros de CxG, na presentación da ILP CC-BY-SA CxG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.