"A noticia non é unha carga policial, é que os mariñeiros loitamos polo noso traballo"

Mariñeiros agardan a liberación dos detidos no serán do martes CC-BY-SA Praza Pública

A Praza Roxa de Compostela era no serán deste martes unha mestura de indignación, loita e desesperanza. Un heteroxéneo grupo humano formado por mariñeiros, armadores e parte das súas familias agardaba pola liberación dos catro traballadores detidos tras os enfrontamentos cos antidisturbios da Policía Nacional. Nunha das marxes da praza Andrés García, voceiro da Asociación de Armadores e unha das caras visibles da mobilización, lamentaba que a súa loita chegase por fin ao titulares pero non para explicar os problemas da frota galega, senón para recoller as violentas cargas policiais.

"A noticia non é un colector queimado ou catro porrazos, parece mentira", di, convidando a poñer o foco en que "os mariñeiros, por primeira vez na historia, estamos na rúa para reivindicar o noso traballo". "Só queremos que a nosa maneira de vida siga cara a adiante" e isto implica poder seguir a pescar. "Non somos guerrilleiros nin nada, somos traballadores" e ademais, "honrados". "Se non fosemos honrados iríanos mellor", ironiza, xusto despois de confesarse "abatido e indignado", como a maioría dos seus compañeiros.

"Só queremos que a nosa maneira de vida siga cara a adiante"

Minutos despois a praza estouraba en berros, desta volta de ledicia, para recibir os catro mariñeiros detidos durante a mañá. Mario, un deles, explicaba como os antidisturbios "entraron no bar" no que se refuxiara durante a carga e "leváronme a min só". "Non te resistas", conta que lle dicían. "Como me ía resistir se tiña catro policías encima?", pregúntase, ao tempo que explica que el foi un dos que estivera advertindo os seus compañeiros máis exaltados de que "non tirasen botellas". Isaac, pola súa banda, quitaba a camisola para amosar as marcas dos porrazos nas súas costas e berrar por "un reparto xusto" das cotas de pesca. Porque esta, como lembraba Andrés García, é a cerna da cuestión.

Un reparto baseado en dereitos históricos e non en barcos

Ese reparto ao que aludían Isaac e Andrés é o que se bosquexou nunha xuntanza no Ministerio de Agricultura o pasado 20 de decembro. Segundo ese principio de acordo a flota vasca poderá quedar co 48,6% da xarda do Cantábrico, Galicia co 24,8%, Cantabria co 23,6% e Asturias, co 3%. O acordo non satisfacía en exceso os profesionais de Galicia, que o rexeitaron por completo ao coñecer a letra pequena, isto é, o que lle tocaría finalmente a cada barco. Esta distribución, explican dende a asemblea de Portosín, implica que un porto como o de Malpica, con 14 barcos, quede con 92 toneladas de xarda e 846 de xurelo mentres que o vasco de Getaria, con só dous barcos máis, disporá de máis de case 1.400 toneladas de xarda e 2.200 de xurelo.

Proposta de reparto de cota de xarda (Fonte: asemblea de Portosín)
  Cota Barcos Tripulantes Cota en Kg. Cota por tripulante
Cantabria 24,03% 44 615 1.857.759,3 3.020,75
A Coruña 15,11% 78 705 1.168.154,1 1.656,96
Lugo 2,19% 8 90 169.308,9 1.881,21
Pontevedra 7,57% 67 585 585.236,7 1.000,40
Gipuzkoa 38,89% 47 705 3.006.585,9 4.264,66
Bizkaia 9,22% 22 330 712.798,2 2.159,99
Asturias 3% 11 130 231.930 1.784,08

A distribución que defende o Goberno central e contra a que loita a frota galega baséase nos datos históricos de capturas de entre 2002 e 2010, un período no que os barcos galegos apenas faenaban no Cantábrico porque as cotas das que dispuñan en augas galegas eran dabondo. "Antes a historia era nosa, non das frotas do cantábrico, porque quen pescaba a xarda éramos nós", subliña o voceiro dos armadores, quen reitera que a proposta galega non é outra que un reparto "liñal" da metade da cota do cerco tanto para a xarda como para o xurelo e a outra metade, baseándose en criterios como o número de barcos e tripulantes e os dereitos históricos de cada embarcación.

A frota galega defende un reparto liñal das cotas

Estas reivindicacións serán as que poñan sobre a mesa os mariñeiros na súa xuntanza co Goberno galego, encontro que lograron concertar tras regresar na mañá do mércores á sede do Parlamento. Tras rexeitar atoparse coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, por denominalos "vándalos", o Executivo comunicoulles a través do voceiro de pesca do PP, José Manuel Balseiro, que o vicepresidente Alfonso Rueda estaba disposto a recibilos. 

CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.