A nova alcaldesa popular de Rairiz de Veiga foi designada nun pleno ilegal

Asunción Morgade, entre Baltar e Feijóo © PPdeOurense

O pleno do pasado 15 de decembro, no que Asunción Morgade foi designada nova alcaldesa de Rairiz de Veiga, foi ilegal. "Non cumpriu coa legalidade esixida e, polo tanto, non é axustado a dereito", segundo o informe elaborado pola secretaria municipal. A nova rexedora accedeu ao cargo logo da sentenza firme que inhabilitaba ao daquela alcalde, Xosé Xaquín Rodríguez, condenado por prevaricación. 

O informe da secretaria municipal alcara que o pleno "non cumpriu coa legalidade esixida e non foi axustado a dereito"

Foi o PSdeG local quen reclamou un informe sobre a legalidade do pleno para que logo a secretaria aclarase que o pleno tería que terse celebrado despois de que o concelleiro que debía substituílo -en desacordo coas decisións do seu partido- tomase posesión. Pero non foi así. "En orde a que a elección reflicta a vontade de toda a corporación na súa totalidade, resulta procedente que se cubran previamente as vacantes", di o texto. 

Agora, o grupo municipal do PSOE pedirá que se repita o pleno por terse vulnerado a lexislación e os servizos xurídicos do partido analizan o caso para ver se se tería comido un delito de prevaricación. Porque naquel pleno, ante a ausencia do que era alcalde ata daquela, foi presidida pola número dous Asunción Morgade. Como lembran os socialistas, varios concelleiros solicitaron que a secretaria dese a súa opinión sobre o procedemento a seguir, algo que foi impedido pola agora alcaldesa. Esa é a razón pola que o PSdeG non descarta acudir á xustiza. 

O informe aclara que, xa que a "primeira tenente de alcalde era candidata á alcaldía, o pleno tiña que ter sido presidido polo concelleiro de maior idade". Tampouco foi así, polo que a secretaria ditamina que o pleno non cumpriu coa legalidade esixida. 

Asunción Morgade afiliouse ao PP nove días despois de xurar o cargo

O grupo municipal do PSOE lembra que Asunción Morgade, que se afiliou ao PP nove días despois de xurar o cargo e que era unha recoñecida simpatizante socialista, foi avalada tanto polo presidente provincial do PP e da Deputación, José Manuel Baltar, como o propio Núñez Feijóo. Ambos os dous posaron nunha foto con ela en campaña. 

"O Partido Popular nunca deixou de amparar o goberno de Rairiz, nen sequera o seu anterior alcalde, inhabilitado por prevaricación", lembra Pablo Lorenzo, concelleiro do PSOE. Porque o anterior alcalde, que nos últimos comicios se presentou como independente nas listas do PP, foi alcalde durante varios anos en Rairiz de Veiga polo BNG. Gobernou en minoría en 1999, gañou por maioría absoluta en 2003 e repetiu resultado en 2007, en todos estes comicios nas listas do Bloque. Abandonou a formación nacionalista en 2009 e en 2011 foi fichado por Manuel Baltar para pasar a encabezar a candidatura do PP, obtendo unha maioría absoluta que renovou en 2015, ata que a sentenza por prevaricación foi firme e foi substituído por Asunción Morgade. 

"O PP nunca deixou de amparar o goberno de Rairiz, nen sequera o seu anterior alcalde, inhabilitado por prevaricación", di o PSdeG local

No tenso pleno do 15 de decembro, agora declarado ilegal, catro membros do grupo do PP apoiaron a nova alcaldesa, pero os dous concelleiros socialistas da oposición e dous populares e do seu mesmo grupo, abstivéronse. "Teño tapado moita merda e non vou tapar máis", declarara daquela Manuel Ferreiro, concelleiro popular. "Levo 24 anos no partido e esta tía, con seis meses, é a alcaldesa e eu e o meu compañeiro, que leva 17 anos, quedamos a velas vir. O que pasou é unha vergoña", dixera José Antonio Fernández, outro edil do PP. 

Porque nas listas do PP non hai unidade, nin moito menos. Moitos deles chegaron das antigas listas do Bloque, como independentes, e a agora alcaldesa era unha coñecida simpatizante socialista. A mesma que asegura que "ningún alcalde de Rairiz estará á altura do anterior", en referencia ao rexedor condenado por prevaricación. 

Dous edís do PP abstivéronse na elección da nova alcaldesa. "Teño tapado moita merda e non vou tapar máis", dixo un deles

Desde a oposición destácase que tanto Manuel Baltar, como Feijóo e Miguel Ángel Viso, candidato electo ao Congreso por Ourense, avalan unha alcaldesa elixida nun pleno ilegal. E apostan, ademais, por unha rexedora que é moi discutida entre o PP local. 

"O PP é cómplice de toda esta situación, posto que acollen na súa lista a persoas que se escudan en que pediron unha suposta baixa de militancia e a unha alcaldesa que se di independente pero que segue a usar as mesmas siglas para chegar ao poder. Solicitamos que o PP provincial aclare, dunha vez por todas, quen pertence e quen non á candidatura que, inicialmente, presentaron como partido en Rairiz”, di Pablo Lorenzo, voceiro socialista en Rairiz. 

Asunción Morgade, entre Baltar e Feijóo © PPdeOurense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.