A nova rexedora de Melide, á alcaldía dende o número 8 da lista

Concello de Melide © BNG

Dalia García Couso será a nova rexedora de Melide, en substitución de Ángeles Vázquez, designada conselleira de Medio Rural a pasada semana. A particularidade do nomeamento da nova alcaldesa da vila está en que nas eleccións do pasado 24 de maio figuraba no oitavo posto da lista do Partido Popular, o que para o BNG converte o seu acceso ao cargo nunha "fraude democrática" e "unha gran mentira".

O BNG di que “este nomeamento non é só unha burla aos votantes do PP, senón a toda a veciñanza"

Xosé Igrexas, portavoz municipal do Bloque sinalou a este respecto que “este nomeamento non é só unha burla aos votantes do PP, senón a toda a veciñanza, xa que os e as melidenses foron votar o pasado 24 de maio pensando que votaban a unhas persoas en concreto para que fosen alcalde ou alcaldesa, e despois de catro meses vemos que o Partido Popular non so defraudou senón que se burlou do pobo, cambiando de alcaldesa pola persoa que ocupaba o número oito da lista”. Os nacionalistas consideran que, no caso de que os populares non optasen por situar na alcaldía á persoa que ocupaba o número 2 da súa candidatura, deberían "convocar eleccións para escoller un alcalde ou alcaldesa que teña realmente o respaldo democrático da veciñanza e non a dedo".

A elección de Dalia García Couso, actual concelleira de Xuventude, é, en calquera caso, completamente legal. No sistema electoral español non existe a elección directa de alcalde ou alcaldesa, senón que se escollen concelleiros e concelleiras e, entre eles votan o rexedor ou rexedora. O artigo 196 da lei electoral si especifica que na consitución dos concellos serán candidatos aqueles que encabezaran as listas, pero se -ao longo da lexislatura- hai que buscar un substituto ou substituta, non se esixe que sexa o ou a número 2, pois o artigo 198 permite que este ou esta renuncie á candidatura: "a vacante na Alcaldía resólvese conforme ao previsto no artigo 196, considerándose a estes efectos que encabeza a lista na que figuraba o Alcalde o seguinte da mesma, a non ser que renuncie á candidatura".

A Lei Electoral permite que os candidatos/as que seguen á cabeza de lista renuncien á opción de ser escollidos para ocupar a alcaldía 

Nos casos en que o alcalde ou alcaldesa elixidos en primeiro termo deben abandonar o seu posto (por exemplo, por mor dun nomeamento para outro cargo, como vén de suceder en Melide) o máis común é que a seguinte persoa na candidatura ocupe o seu posto, pero en cada lexislatura prodúcense varias excepcións. Na pasada, por exemplo, Agustín Fernández (número 3 do PSdeG-PSOE nas listas en Ourense) substituíu a Francisco Rodríguez. E en Compostela, Agustín Hernández chegou a ser alcalde a pesar de ser o número 25 da lista. Neste caso as manobras espertaron máis polémica, pois 7 dos 13 edís do grupo de goberno non foran escollidos pola cidadanía. 

Concello de Melide © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.