A nulidade das escoitas desmonta o caso no que o alcalde de Cee se enfrontaba a 20 anos de cadea

Ramón Vigo, alcalde de Cee, nunha entrevista con 'Que pasa na Costa' Dominio Público quepasanacosta.gal

A Operación Orquesta foi considerada dende o seu inicio o maior caso de presunta corrupción na historia recente da Costa da Morte. Estourou en 2011 cun espectacular despregamento policial en Fisterra, Mazaricos e Cee con rexistros e múltiples detencións, pero a súa orixe estaba no ano 2009, en escoitas policiais nun caso de narcotráfico. A Audiencia da Coruña vén de anular esas escoitas e con esa decisión desmonta, a efectos prácticos, un caso no que o alcalde de Cee, Ramón Vigo (da formación independente IxCee) se enfrontaba a unha petición de cadea de 20 anos por parte da Fiscalía.

A Operación Orquesta estourou a partir de escoitas ligadas a outro caso de presunto narcotráfico; a Fiscalía baseaba nelas acusacións de delitos como falsidade, prevaricación, suborno ou exaccións ilegais

Esta semana o rexedor, un concelleiro, dous empresarios e un representante de orquestras chegaron a sentar no banco dos acusados para seren xulgados na peza da operación que atinxe a Cee. No inicio do procedemento as súas defensas reclamaron que a Audiencia valorase a anulación das escoitas telefónicas, porque nelas se baseaban as acusacións de delitos como falsidade, prevaricación, suborno, infidelidade na custodia de documentos ou exaccións ilegais. 

Do escoitado nas conversas telefónicas entre os acusados e dos rexistros domiciliarios practicados a partir desa información a Fiscalía chegou á conclusión de que existían supostos acordos do alcalde cun empresario e axente de orquestras para "redactar de común acordo" facturas "nas que non se reflectía a contía real dos conceptos", toda vez que eran inchados os importes reais. Sinalaba tamén o alcalde e os empresarios presuntamente implicados por, entre outros feitos, a suposta adxudicación irregular de obras como as da casa da cultura da localidade.

O alcalde de Cee, Ramón Vigo, nunha imaxe de arquivo © Concello de Cee

O alcalde, que sempre negou a acusación de "actuar movido polo ánimo de obter un indebido aproveitamento do seu cargo", como afirmaba a Fiscalía, aseguraba dende hai anos querer chegar canto antes a xuízo para probar a súa inocencia. Agora en boa medida xa non terá que facelo, porque as probas que sustentaban o caso non van poder ser tidas en conta.

A Audiencia sinala que, ao non constar no caso 'Orquesta' as resolucións xudiciais das escoitas do primeiro caso non é posible valorar a súa "lexitimidade". Ao anulalas quedan tamén sen efecto os rexistros domiciliarios e o caso fica, a efectos prácticos, en nada

Tal e como sinala o auto ditado pola Audiencia coruñesa este 14 de marzo, dado que as escoitas nas que os investigadores souberon deste caso viñan doutro "procedemento distinto", pode "xurdir a necesidade de analizar a validez no primeiro procedemento" para determinar se son válidas tamén "no segundo". Pero sucede que no sumario do caso Orquesta "non están incorporadas nin a solicitude inicial" das escoitas no caso de presunto narcotráfico "nin a resolución xudicial que acorda a intervención" nin ningunha das vinculadas.

Ao non constar nesta causa as ordes da outra o tribunal que ten que xulgar o alcalde de Cee e o resto dos acusados viu "furtada" a "posibilidade de valorar" a "lexitimidade" das escoitas no seu conxunto. Por iso tendo en conta que as intervencións telefónicas foron "a fonte de información" que deu lugar ao caso e aos rexistros domiciliarios da operación, anula como probas tanto as escoitas como os posteriores rexistros, xa que estes pasan a ser probas ilexítimas.

O alcalde de Cee e o resto de acusados, daquela, volverán sentar no banco dos acusados pero non haberá probas contra eles. O caso queda, a efectos prácticos, en nada. Máis aínda tendo en conta que parte da documentación do caso, como consta no propio auto, está entre a afectada polo asolagamento dos arquivos da Audiencia da Coruña no pasado 2018.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.