O alcalde de Cee enfrontarase a máis de 20 anos de cadea no xuízo do caso 'Orquesta'

Ramón Vigo, alcalde de Cee, nunha entrevista con 'Que pasa na costa' Dominio Público quepasanacosta.gal

Falsidade, prevaricación, suborno, infidelidade na custodia de documentos ou exaccións ilegais. Estes son, resumidamente, os delitos que a Fiscalía atribúe ao alcalde de Cee, Ramón Vigo, ás portas do xuízo da peza ceense da Operación Orquesta, o caso de suposta corrupción que estourou en 2011 en varios concellos da Costa da Morte a raíz de escoitas dun caso de narcotráfico e que, en xaneiro daquel ano, estourou cun espectacular despregamento nos concellos de Fisterra, Mazaricos e no propio Cee, rexistros e detencións dos seus rexedores. Á espera de que se resolvan o resto de pezas separaradas en que foi dividida a operación Vigo, que volveu á alcaldía tras as eleccións de 2015, xa sabe que terá que facer fronte a peticións de cadea que suman máis de vinte anos por presuntas contratacións irregulares e, segundo a investigación, por adxudicar ilegalmente obras a empresas que despois sufragaban parte das festas do concello.

Nun auto xudicial ditado a pasada semana e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal a xuíza de Corcubión Pilar Prieto atende as peticións do Ministerio Público e dá o último paso para enviar a xuízo na Audiencia da Coruña unha presunta trama que, como detalla no propio auto, constitúe unha presunta arañeira que os investigadores comezaron a explorar a finais de 2009, cando Ramón Vigo (do partido independente IxCee) solicitou unha subvención de 30.000 á Consellería de Cultura para "cubrir os gastos" das festas da Xunqueira da vila, ás que aseguraba que destinara algo máis de 135.000 euros.

O caso estourou en 2011 a partir de escoitas dun caso de narcotráfico e atinxiu a varios concellos da Costa da Morte

Sempre segundo o relato da Fiscalía as conversas e contactos para tentar lograr aquela subvención -que a Xunta non concedeu por non estar correctamente xustificada- destaparon os supostos acordos do alcalde co empresario e axente de orquestras Jorge Luis L., tamén acusado na causa, para "redactar de común acordo, na sede do Concello de Cee", facturas "nas que non se reflectía a contía real dos conceptos polos que foron emitidas", "faltando á verdade e con grave dano para a seguridade do tráfico mercantil", di o auto. A modo de exemplo a xuíza cita unha factura da empresa de López Lago por 42.000 euros por supostamente exercer de representante do grupo Mägo de Oz, que efectivamente actuara na vila, pero por 10.000 euros e representado por outra empresa.

Os pagamentos de orquestras e grupos musicais son, sempre segundo a investigación, un dos aspectos máis significativos dun caso no que, no entanto, sitúan a súa cerna na presunta adxudicación irregular de obras como as da casa da cultura ceense ao construtor Daniel O. mediante estratexias como "a preponderancia dos criterios de adxudicación que requirían un xuízo de valor", o "fraccionamento de proxectos" ou o uso do procedemento negociado sen publicidade coa compañía do construtor e outras dúas "con cuxos responsables previamente acordara que non formulasen oferta ningunha", para así obter a adxudicación. Os contratos de obras vinculados a esta infraestrutura e sinalados como irregulares suman máis de 1,2 millóns de euros, di a investigación.

A investigación atribúe ao rexedor de Cee adxudicacións irregulares de obras a unha construtora que, acusan, despois pagou parte das festas da vila

O alcalde, di o auto, "actuou do xeito descrito movido polo ánimo de obter un indebido aproveitamento do seu cargo", toda vez que "en pagamento das súas maquinacións para a adxudicación de todas as fases da casa da cultura a prol" das empresas de ogando "arredor do 12 de agosto de 2010" recibiu no seu despacho da alcaldía "a cantidade de 29.000 euros en efectivo de mans de Daniel O.", fillo do propietario da construtora. Ademais, di, "Ramón Vigo esixiu á empresa construtora o pago de parte dos gastos orixinados polas festas populares da localidade", nas que ademais o rexedor "ordenou, consentiu e xestionou con total perversidade a recadación dos postos e barracas", esixindo "nalgúns casos, pagos por importe superior ao que constaba oficialmente", neste caso tamén para pagar as propias festas.

Vigo, que volveu á alcaldía tras as eleccións de 2015, nega os feitos e vén manifestando a súa vontade de chegar canto antes ao xuízo

Por todos estes presuntos delitos o fiscal pedirá no xuízo ata 23 anos de cadea para Vigo, ademais da súa inhabilitación. Xunto a el, a xuíza senta no banco dos acusados ao empresario López, para o que pide dous anos, a un arquitecto municipal, aos construtores e a outro edil ceense, Juan Bautista Areas. No mesmo auto decide arquivar as acusacións que pesaban sobre a tamén concelleira e dona de Ramón Vigo, Pilar Iglesias, así como para varios traballadores do Concello.

É así como chega ao seu treito final a que é considerada peza central da Operación Orquesta, a de Cee. A que se desenvolvía en Fisterra, que atinxía entre outros ao ex-alcalde da localidade, José Manuel Traba (PP), foi arquivada, mentres que segue adiante a póla de Corcubión, na que para o antigo rexedor socialista, Francisco Lema, solicitan dous anos de cadea e nove de inhabilitación. No caso de Cee, o propio Vigo negou sempre que incorrese en conduta delitiva ningunha e optou por non recorrer ningún dos pasos do proceso para poder, afirmou en diferentes declaracións públicas, defenderse canto antes no xuízo.

Ramón Vigo, alcalde de Cee, nunha entrevista con 'Que pasa na costa' Dominio Público quepasanacosta.gal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.