A oferta dun grupo arxentino achega esperanza á agonía do Centro Gallego de Bos Aires

Fachada da entrada principal do Centro Gallego de Bos Aires © CGBA

Hai xa algo máis dun ano, unha asemblea extraordinaria de representantes de socios do histórico Centro Gallego de Bos Aires autorizaba case por unanimidade activar as negociacións para a venda do histórico edificio e da xestión do emblemático hospital. O grupo sanitario privado español Ribera Salud, en colaboración coa Fundación Favaloro arxentina, manifestara oficialmente o seu interese nunha operación que deixaría a emigración galega sen o seu maior símbolo sentimental e patrimonial pero que era visto polas asociacións e a inmensa maioría dos seus asociados como única solución posible e alternativa á quebra dunha institución en grave crise.

Un ano despois de autorizarse a venda, o Centro Gallego segue a esperar unha oferta firme que evite a quebra e salve o patrimonio cultural

Intervido desde hai seis anos polo Estado arxentino, o Centro Gallego, que chegou a superar os 100.000 socios e que foi considerado un dos mellores centros hospitalarios de Suramérica, conta hoxe cuns 3.500 asociados e unha enorme débeda de entre 40 e 50 millóns de euros. Un ano despois daquela asemblea, a oferta formal de Ribera Salud non chega e o novo presidente electo elixido nas eleccións do pasado setembro aínda non asumiu o seu cargo.

Pero hai unha nova opción: a proposta lanzada polo grupo arxentino BASA (Buenos Aires Servicios de Salud), que aposta por asumir a xestión do hospital, sen esixir a adquisición do histórico edificio, aínda que si incluíndo unha opción de compra das instalacións para o futuro. 

O grupo arxentino BASA propón explotar e xestionar o hospital sen necesidade de adquirir o histórico edificio, aínda que gardando unha opción de compra

Segundo fontes sindicais, a oferta do grupo BASA consistiría en achegar xa fondos para arranxar a grave situación dos traballadores (400 en activo e máis de mil acollidos a un retiro voluntario) aos que se lles adebedan imporantes cantidades, así como atender os socios nalgúns dos hospitais da súa rede en Bos Aires mentres leva a cabo unha rehabilitación do edificio para poder explotalo axiña. 

Ademais, o quinto andar quedaría destinado en exclusiva para os asociados do Centro Gallego, ao igual que o teatro, a biblioteca e os espazos dos que sempre gozaron. A operación, que parecía máis que factible, está agora paralizada, segundo as mesmas fontes por orde do Goberno arxentino, que achegou fondos para cancelar parte das débedas co persoal do hospital. Outras fontes atribúen ás presións de Ribera Salud o freo a esta alternativa para a casa da emigración galega.

Protesta do persoal do CGBA contra Mauricio Macri, presidente da Arxentina CC-BY-SA Praza Pública

Pero mentres, a situación do persoal sanitario, que ocupa o hospital en protesta, agudízase. O escaso salario que recibe vaise reducindo e sitúase mesmo nuns 600 pesos semanais (menos de 15 euros) entre reivindicacións laborais, un edificio que sofre á vista a deterioración e o desleixo das institucións e unha atención aos doentes mínima e precaria. 

O vindeiro 11 de febreiro hai convocada unha nova asemblea para que os representantes dos socios autoricen de vez unha venda que seguirá paralizada de non haber unha proposición oficial e por escrito. 

Dous socios votan no Centro Gallego de Bos Aires © CGBA

Ramón Suárez, o presidente elixido o pasado 10 de setembro con case o 70% dos votos dos socios, insiste en que non tomará posesión do seu cargo tampouco mentres non haxa unha oferta formal e en papel para a venda ou asunción da xerencia do hospital do Centro. E advirte de que só unha operación deste tipo pode salvar a histórica institución da quebra e, xa que logo, evitar calquera risco para o seu importante patrimonio cultural.

"A situación é absolutamente insostíbel, sen dúbida. Se chegamos aló, a solución non pode pasar de comezos de 2019", advirte Suárez sobre a situación dun dos maiores emblemas da emigración galega e do exilio económico e político do país. 

O novo presidente electo insiste en que non tomará posesión ata que haxa unha oferta normal de compra ou de xestión do hospital

Uns 34.000 metros cadrados, seis plantas e dous sotos que acolle agora a grave problemática dos socios e a súa atención médica e o negro futuro dun cadro de persoal apremado polos impagamentos. Dentro, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro. Un inmenso patrimonio cultural en risco cuxa xestión esixen para a futura mutual do Centro Gallego todas as alternativas formuladas por asociados ou directivos, entre críticas ao nulo apoio chegado desde a Xunta ou o Goberno de España. Será esa a institución que garde o legado de milleiros de emigrantes e figuras históricas de Galicia, pero a solución é urxente.

Pancarta de protesta na entrada principal do Centro Gallego CC-BY-SA Praza Pública

Con todo, as condicións impostas pola nova dirección e polos asociados –que son os que teñen sempre a última palabra para activar a venda, que debe ser aprobada por dous terzos da asemblea dos seus representtantes– son claras: que o comprador cancele todas as débedas existentes e as que poidan agromar, garantir unha atención sanitaria axeitada e a perpetuidade para os socios actuais e que o panteón social, as instalacións anexas do Centro e todo o patrimonio cultural sigan sendo propiedade exclusiva da mutual da histórica entidade. Para conservar todo este legado, lembran, non sería suficiente coa proposta do grupo BASA, que fala de reservar o 10% das cotas dos socios para destinalo a este mantemento.

Calquera operación debe cancelar todas as débedas, garantir a atención sanitaria dos socios e manter nos emigrantes a propiedade do patrimonio cultural

Por iso, Ramón Suárez advirte de que a salvación estaría en Ospaña (Obra Social dos Inmigrantes Españois e os seus Descendentes Residentes na República Arxentina), da que formaba parte o Centro Gallego, que quedou excluído logo dunha polémica operación da Xunta e do Goberno central que foi duramente criticada por membros da actual directiva desde hai tempo.

Un ano despois de autorizarse a venda, a solución non chega e o tempo esgótase. En xogo, centos de postos de traballo, a atención sanitaria de milleiros e un inxente legado cultural e histórico para Galicia.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.