Á espera de que o presidente Feijóo desvele a incógnita sobre a data concreta que elixirá para celebrar as eleccións autonómicas do outono, a oposición dá por feito que os comicios serán o 25 de setembro, coincidindo cos vascos fixados este venres polo lehendakari Urkullu.
O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, pediu este venres a Feijóo que anuncie “xa” a data para “eliminar a incerteza”. Segundo o socialista, “parece razoable que se vai haber dous procesos electorais coincidentes nun mesmo período, non pasa nada porque haxa coincidencia coas campañas”, que ao seu ver “son independentes e non están conectadas”. Leiceaga asegura que os socialistas están “preparados” para liderar unha alternativa a Feijóo e salienta que “canto antes sexan as eleccións, antes procederemos a un cambio de goberno na Xunta”.
Desde o BNG a súa candidata á Xunta, Ana Pontón, considera “lamentable” que as eleccións galegas acaben sendo fixadas polo lehendakari vasco. Pontón tamén vinculou a data das eleccións co interese que o PP tería, ao seu xuízo, de que a campaña electoral non coincidira co inicio do primeiro xuízo do caso Gürtel sobre corrupción nas filas populares, que comezará o 4 de outubro. En clave interna, Pontón lembrou que o BNG é a primeira formación que xa ten aprobadas as súas listas electorais e está por tanto preparada para a campaña.
Na contorna das mareas, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, de Anova, tamén amosou este venres o seu convencemento de que Feijóo fará coincidir as eleccións galegas coas vascas. Noriega asegurou que nas mareas estarán “preparados”, malia que aínda non remataron a planificación do seu proceso de construción da candidatura. Noriega lembrou que en 2012 el mesmo participou na formación da candidatura de AGE, composta pola súa Anova, Esquerda Unida e outras formacións de esquerda e nacionalistas, que se inscribiu pouco antes do remate do prazo legal para concorrer ás autonómicas e que, malia esa demora, se converteu na terceira forza política.
Pola súa banda, desde o PP o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou tamén este venres, antes de que Urkullu desvelase a súa decisión, o seu convencemento de que Feijóo manterá a súa promesa de convocar os comicios galegos “en outubro”.