A oposición en Vilagarcía mantén as dúbidas sobre a relación do edil dimitido con Dobre Espacio e RGM

Cartaz da Xira Galega Karting © RGM Producciones

O abandono, o pasado 20 de agosto, de Francisco González do seu cargo de concelleiro de Cultura do goberno local de Vilagarcía foi a culminación de meses de críticas á súa xestión por parte dos grupos da oposición municipal. O seu mandato estivo marcado pola polémica, e polo malestar cidadán, que estoupou tras a súa decisión de establecer un canon polo uso das instalacións culturais pertencentes ao Concello. Despois do seu cese, o BNG quixo deixar clara a súa valoración da súa xestión, caracterizada pola "falta de ideas, confrontación e falta de dialogo, de corrupción, exclusión do noso e dos nosos, ataque sistemático aos nosos colectivos e creadores". E realizoulle unha serie de preguntas e interpelacións concretas sobre decisións adoptadas polo seu departamento.

Entre elas destaca unha relativa á función da asociación xuvenil Dobre Espacio, da que Francisco González fora presidente, na organización do circuíto urbano de karting da Xira Galega, realizado en Vilagarcía. Xira Galega Karting é unha actividade da empresa RGM Producciones (aínda que ás veces figrura como RGM Eventos), da que é responsable a irmá de Francisco González, e que leva anos rotando por varias cidades e vilas (Ferrol, Santiago, Padrón, Ortigueira, Narón, Ourense, A Coruña, Vilagarcía de Arousa ou Vigo). En Vilagarcía este ano celebrouse a mediados de xullo.

A asociación Dobre Espacio recibiu axudas públicas das deputacións da Coruña (5.796 euros en 2011) e de Pontevedra (905 euros ese mesmo ano) para a organización da Xira Galega Karting

A asociación Dobre Espacio recibiu axudas públicas das deputacións da Coruña (5.796 euros en 2011) e de Pontevedra (905 euros ese mesmo ano) para a organización da Xira Galega Karting. E en varias comunicacións explícase que RGM Produccines, "a través do seu labor de responsabilidade social da empresa, colabora coa Asociación Xuvenil Dobre Espazo, a Deputación da Coruña e a de Pontevedra no proxecto, iniciado en 2008 para favorecer a inclusión social e promover a educación a través do deporte".

Cómpre lembrar que Francisco González xustificou parte do custe do Feirón Solidario organizado por Dobre Espacio cunha factura a nome da empresa Rgm Producciones, que ademais ten o mesmo domicilio fiscal (a residencia dos pais de ambos os dous irmáns) que a sede social da asociación xuvenil. As páxinas web de Fexuga, RGM Producciones e Xira Karting, activas antes do verán, deixaron de funcionar hai unhas semanas. A este respecto, o BNG preguntou nun pleno municipal celebrado en maio pola relación entre a asociación, a empresa e o concello, unha relación "que aínda a día de hoxe ninguén aclarou", segundo denunciaban os nacionalistas.

Cartaz da Xira Galega Karting © RGM Producciones

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.