O rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo a celebración do pleno municipal deste luns a pesar de que o pasado venres confirmouse o positivo por Covid-19 dun dos asesores da Alcaldía. Os tres grupos da oposición -PSdeG, BNG e Ciudadanos- reclamaran durante toda a fin de semana a suspensión da xuntanza por motivos de seguridade e a adopción de medidas para garantir a protección do persoal do Concello. Porén, o alcalde ourensán optou finalmente por manter o pleno, ao que non asistiu ningún concelleiro da oposición, acudindo unicamente os edís de Democracia Ourensana e PP.
O PSdeG solicitou publicamente a intervención da Consellería de Sanidade ante a "inacción" e a "irresponsabilidade" no Goberno municipal ourensán
O PSdeG solicitou publicamente a intervención da Consellería de Sanidade ante a "inacción" e a "irresponsabilidade" no Goberno municipal ourensán. Os socialistas reclaman “medidas urxentes” que garantan a saúde "dos funcionarios e persoal dependente do Concello e de todas as persoas que poidan acudir ás dependencias municipais", a través da “desinfección dos espazos públicos" e a toma de temperatura. O PSdeG acusa a Gonzalo P. Jácome de “non adoptar ningún tipo de medidas preventivas" e de “fuxir cara adiante, xogando coa saúde dos funcionarios do concello e da cidadanía”.
O BNG denuncia que non se garantía "a seguridade sanitaria dos asistentes ao pleno, e por extensión de todos os seus contactos" xa que "ningún membro do goberno se someteu ás probas PCR pese a estar en contacto en días pasados co asesor contaxiado"
Pola súa banda, o BNG explicou a súa renuncia a participar no pleno sinalando que non se garantía "a seguridade sanitaria dos asistentes ao pleno, e por extensión de todos os seus contactos" xa que "ningún membro do goberno se someteu ás probas PCR pese a estar en contacto en días pasados co asesor contaxiado". "Éramos conscientes de que estábamos diante dun goberno incompetente, incapaz e desde hoxe sabemos tamén que é altamente irresponsable, tanto, que é capaz de xogar coa saúde das persoas con total frivolidade e sen importarlle o máis mínimo", afirmou o voceiro nacionalista.
O alcalde da cidade xustificou a súa decisión de manter o pleno en que, despois de realizar "consultas" ante a Consellería de Sanidade, chegouse á conclusión de que no ámbito laboral "non hai necesidade de activar ningún tipo de protocolo", xa que "non houbo contactos estreitos" entre o traballador infectado e o resto do persoal.
Os grupos da oposición esixiron a publicación do informe no que se baseou a decisión de non suspender o pleno e de non adoptar medidas especiais de protección
Os grupos da oposición esixiron a publicación do informe no que se baseou a decisión de non suspender o pleno e de non adoptar medidas especiais de protección. O PSdeG reclámalle á Consellería de Sanidade un “pronunciamento público” ao respecto para comprobar se a Xunta “dá por boas” as actuacións seguidas polo grupo de goberno con concello de Ourense e “pode acreditar o cumprimento dos protocolos sanitarios” a raíz do caso detectado.
Os tres grupos da oposición tampouco acudirán ás Xuntas de Área convocadas polo goberno municipal para este martes día 25 e o PSdeG solicita a súa suspensión, xa que se trata de “comisións informativas que teñen por obxecto informar á oposición dos asuntos relacionados con cada área”.
Os tres grupos da oposición tampouco acudirán ás Xuntas de Área convocadas polo goberno municipal para este martes día 25
Dende o grupo socialista pregúntanlle ao Partido Popular se tamén “comparte ese xeito de actuar” e cal é a mensaxe se lle transmite á cidadanía nun momento no que a xente está confinada e se “anuncian uns protocolos nos que os responsable públicos debemos ser os primeiros en dar exemplo”. De igual xeito, o BNG subliñou que "nestes tempos de pandemia, onde se lles están pedindo constantemente esforzos á cidadanía para que cumpran as medidas e protocolos sanitarios vixentes, os representantes públicos deben dar exemplo e actuar en consecuencia, pois do contrario, as mensaxes enviadas á veciñanza son contraditorias".