A oposición prepárase para acadar un cambio político en Galicia

Pachi Vázquez e Francisco Jorquera, candidatos de PSdeG-PSOE e BNG Dominio Público Praza Pública

Non haberá primarias do PSdeG-PSOE, pero aínda está aberta a posibilidade de que se presenten outros candidatos. No Comité Nacional do partido a comisión executiva proporá a Vázquez como candidato á presidencia da Xunta, pero podería ter rivais se alguén é quen de reunir o apoio do 20% dos 400 membros do Comité Nacional. Porén, Xosé Blanco xa anunciou que non se presentará e expresou o seu apoio "incondicional" para o actual secretario xeral do partido en Galicia. O mesmo fixo Francisco Caamaño, que tamén anunciou que non competirá con Vázquez por ser candidato. En calquera caso, o anuncio de Feijoo motiva a anulación das primarias previstas, para ben ou para mal, pois fronte ás vantaxes que este sistema de elección ten para o lanzamento dun candidato, existía o perigo de que os socialistas fixesen visibles as súas divisións.

Pachi Vázquez tamén recibiu o apoio de Alfredo Pérez Rubalcaba, que salientou a súa "completa afinidade" con el. Rubalcaba manifestou, ademais, o seu "temor" a que a decisión de adiantar as eleccións en Galicia signifique o anuncio de novos recortes de gasto no Estado a partir do 21 de outubro. O líder do PSOE puxo como exemplo as declaracións de Luis de Guindos ao Herald Tribune, nas que afirmaba que o Goberno central estaba disposto a novos recortes se o BCE de decidía a mercar débeda española.

Xosé Blanco xa anunciou que non se presentará e expresou o seu apoio "incondicional" para o actual secretario xeral do partido en Galicia. Barállase que Francisco Caamaño faga o mesmo ao longo deste luns

Na rolda de prensa posterior á xuntanza da Executiva do PSdeG-PSOE, Vázquez afirmou que as eleccións do 21 de outubro supoñen "unha grande oportunidade" para acadar "o cambio político en Galicia". Dixo estar preparado para asumir a candidatura á Presidencia da Xunta e asegurou que "hoxe é o día no que comeza un novo tempo para restituir os dereitos sociais conculcados por este goberno". Conluíu que “hoxe ábrese a porta do cambio e renace a esperanza dunha Galicia distinta” e prometeu que os socialistas cambiarán a “senda de sufrimiento pola do crecemento”.

 

Jorquera: "O de Feijoo foi o peor goberno que Galicia tivo na súa historia”

De igual xeito, o candidato do BNG, Francisco Jorquera, afirmou que "o BNG está preparado para liderar o cambio que Galiza precisa". Jorquera salientou que a convocatoria de eleccións anticipadas "venlle ditada" a Feijoo, o que supón "un novo exemplo da súa submisión aos ditados do Goberno Central”. O líder dos nacionalistas cualificou os tres anos e medio de xestión de Núñez Feijoo como "o peor goberno da historia" e afirmou que era un "goberno esgotado". Jorquera concluíu que se comportou como "o delegado do Goberno central en Galiza”. 

Para Jorquera a convocatoria de eleccións anticipadas "venlle ditada" a Feijoo, o que supón "un novo exemplo da súa submisión aos ditados do Goberno Central”

Así mesmo, Jorquera confirmou que nas vindeiras semanas presentará a súa dimisión como deputado no Congreso dos Deputados para dedicarse "en corpo e alma" á campaña das eleccións ao Parlamento Galego. Jorquera será substituído por Rosana Pérez Fernández, concelleira na Pobra do Caramiñal, e que foi a número 2 da lista do Bloque ás eleccións xerais pola provincia da Coruña.

O BNG afirma congratularse de que se adianten as eleccións porque Galicia necesita "un cambio de políticas" e di que "precisamos de políticas que planten cara aos recortes, que aposten por outro modelo, que aposten por unha saída social á crise e que defendan a democracia e o autogoberno fronte á recentralización do Estado que estamos vivindo e á degradación da democracia polo feito de que as políticas veñan impostas polos grandes poderes económicas”.

Ante as preguntas dos xornalistas Jorquera non quixo opinar sobre as formacións políticas nacidas en parte con grupos escindidos do BNG, como Compromiso e Anova. O candidato do Bloque reafirmouse en que o BNG é o "referente" e que as elección non o collen "co pé cambiado".

 

Esquerda Unida: "Os futuros recortes que aplicará o Partido Popular serán dramáticos".

Pola súa banda, Esquerda Unida considera que o adianto das eleccións se debe á "frustación e incapacidade de Feijóo para desenvolver políticas que permitan a Galicia saír da crise". A formación interpreta que a decisión foi ditada polo Goberno central: "o goberno galego non é soberano, é Madrid quen decide”, e cre ver no adianto electoral un indicio de que "os futuros recortes que aplicará o Partido Popular serán dramáticos". 

EU reafírmase no seu chamamento a conformar unha fronte ampla de esquerdas

En calquera caso, Yolanda Díaz, candidata de Esquerda Unida á Presidencia da Xunta, sinala que xa esperaban o adianto electoral, polo que teñen "moito traballo adiantado", coma a elaboración dunha proposta de listas e do programa electoral, xa aprobados.

Así mesmo, a coalición de esquerdas reafírmase no seu chamamento a conformar unha fronte ampla de esquerdas "que sexa quen de acadar unha maioría hexemónica que permita aplicar políticas alternativas a prol das familias traballadoras" pois, din, "as traballadoras e traballadores galegos precisan dunha política económica, social e medioambiental diametralmente distinta". Yolanda Díaz afirma que o adianto "non modificará nin un ápice a actitude de Esquerda Unida para seguir pulando pola procura desa fronte".

 

Anova augura "a fin da Brigada de demolición que representou a Xunta do PP"

A formación nacionalista Anova manifestou a súa confianza en que as eleccións do 21 de outubro supoñan "a fin da Brigada de demolición que representou a Xunta do PP". Anova cre que Feijoo se viu forzado a convocar eleccións "no seu peor momento, cando a cidadanía está máis mobilizada contra tres anos desgoberno e medidas contra a calidade de vida da maioría social e o TSXG vén de poñer en evidencia o uso espúreo do poder para entregar as autorizacións eólicas aos seus amos". Así mesmo, consideran que "o PP non se podía permitir sufrir antes das eleccións galegas unha nova desfeita nas eleccións vascas tras do acontecido en Andalucía".

 

Compromiso: "As portas están abertas ata que rematen os prazos legais"

De igual xeito, os responsables de Compromiso por Galicia manifestaron este luns que están "preparados para as eleccións" e que o adianto non modifica os seus plans. En canto á posibilidade de chegar a acordos con outras forzas políticas para presentarse aos comicios, nomeadamente o caso de Anova, Xoán Bascuas afirmou que "as portas estiveron abertas, están abertas e estarán abertas ata que rematen os prazos legais".

Francisco Jorquera, este luns en rolda de prensa © BNG
Pachi Vázquez, en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.