A oposición ve no adianto electoral unha mostra do "desgaste" de Feijóo e unha oportunidade para o cambio

Imaxe do pleno do Parlamento celebrado o pasado 5 de febreiro © Parlamento de Galicia

PSdeG-PSOE, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea celebran a convocatoria dos comicios como unha forma de propiciar un cambio da Xunta e "reverter os recortes"

Os partidos da oposición recibiron con alegría o anuncio da convocatoria de eleccións ao Parlamento galego realizada por Alberto Núñez Feijóo, un adianto electoral que varias formacións atribúen ao "desgaste" provocado pola mobilización social e no que se destaca que Galicia camiña pola "axenda" marcada por Euskadi e a convocatoria anunciada previamente polo lehendakari Urkullu. PSdeG-PSOE, Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea celebran a convocatoria dos comicios como unha forma de propiciar un cambio da Xunta e "reverter os recortes".

 

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, atribuíu a decisión de Feijóo de chamar ás urnas o 5 de abril a que “ten un proxecto agónico, que só dá problemas”.  “Está admitindo que Galicia non pode soportar a agonía dun goberno sumido na inacción e na apatía”, engadiu.

Caballero subliñou que a convocatoria amosa que “Euskadi marca a axenda de Feijóo” e criticou que o presidente da Xunta “non ten palabra” despois de dicir que “non había motivos” para adiantar os comicios.

"Estamos preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita”, di Gonzalo Caballero

O líder dos socialistas galegos afirmou que na súa formación "estamos preparados para darlle a Galicia o cambio de goberno que necesita”. “Imos falar coa Galicia real: a que sofre as consecuencias dos recortes de Feijóo nos servizos públicos e a que padece a falta de oportunidades que nos deixa en Galicia”, concluíu.

Gonzalo Caballero fixo estas declaracións despois de reunirse coa ministra de Industria, Reyes Maroto, coa que abordou o estatuto para as empresas electrointensivas que sae a exposición pública. "En Galicia tamén fai falla un goberno progresista que poña a súa prioridade na maioría social”, indicou.

Gonzalo Caballero e Reyes Maroto © PSdeG-PSOE

Grupo Común da Esquerda

Polo Grupo Común da Esquerda, Luca Chao destacou que o adianto electoral amosa "que o proxecto do presidente está esgotado", engadindo que “canto antes poida expresarse a maioría social que quere un cambio, mellor”. 

Para Luca Chao, o adianto electoral amosa "que o proxecto do presidente está esgotado", engadindo que “canto antes poida expresarse a maioría social que quere un cambio, mellor”

Ademais, Chao interpreta que a decisión de convocar os comicios en abril obedece á presión exercida pola mobilización social das últimas semanas e meses, dende as manifestacións que tiveron lugar en Verín contra o peche do paridoiro ata a recente marcha pola sanidade pública que este domingo ateigou as rúas de Compostela. 

“A reapertura do paridoiro de Verín foi a primeira rectificación de Feijóo, a primeira gran vitoria da cidadanía. Onte tiña que producirse a segunda e efectivamente, así ocorreu”, dixo a deputada, que engade que "o berro das rúas obriga a Feijóo a convocar as eleccións. Para Luca Chao, este adianto da convocatoria electoral “é unha vitoria da cidadanía, que onte dixo con claridade que non vai permitir que sigan desmantelando a nosa sanidade pública, e que con ela non se negocia”.

A deputada Luca Chao, este luns © Grupo Común da Esquerda

BNG

"Canto antes mellor". Esa é a valoración que realiza a deputada Olalla Rodil dende a formación nacionalista, que ve as eleccións como unha oportunidade de pechar a “década negra” do Goberno de Alberto Núñez Feijóo,, que cualifican de "esgotado e fracasado".

“Aspiramos a facer historia e que por primeira este país estea presidido por unha muller e por unha nacionalista da man de Ana Pontón”, di Olalla Rodil

O BNG chama a "abrir un tempo novo" que “aspiramos a liderar" porque "temos un proxecto sólido a favor do país". “Aspiramos a facer historia e que por primeira este país estea presidido por unha muller e por unha nacionalista da man de Ana Pontón”, engade Rodil.

O BNG tamén salientou que "unha vez máis é Urkullu quen volve convocar as eleccións en Galiza, quen volve marcarlle o paso a Feijóo, de novo a rebufo do que lle marcan desde fora, pese a que onte mesmo dicía que a convocatoria das eleccións galegas se ía decidir en Galiza. É evidente que a súa palabra non vale nada”, criticou Rodil.

Ana Pontón e Olalla Rodil, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA BNG

En Marea

O voceiro de En Marea, Luís Villares, afirmou que a lexislatura "remata cun presidente da Xunta deixando que os demais lle marquen o paso" e engadiu que "tivo que ser o Partido Nacionalista Vasco quen decidise a data das eleccións en Galicia sen que o presidente fixese uso da soberanía das galegas".

Villares considera que "está moi claro que está chegando un tempo de cambio a Galicia"

Villares considera que "está moi claro que está chegando un tempo de cambio a Galicia" e celebrou que "a cidadanía teña a palabra para facer nas eleccións o mesmo que fixo na rúa e abrir o vindeiro 5 de abril unha primavera para a cidadanía galega, unha primavera democrática que traiga a Galicia a primavera feminista, climática e de xustiza social".

"Onte vimos como a cidadanía de Galicia saíu a derrotar na rúa a política sanitaria de Feijóo, rexeitando frontalmente os recortes e as políticas de privatización da sanidade pública", concluíu.

Luís Villares, este luns © En Marea

Anova

Anova destacou que "dentro de 55 días os galegos e galegas remataremos nas urnas coa década negra neoliberal de Alberto Núñez Feijóo" e sinalou que dende a formación "traballaremos con xenerosidade e altura de miras para sumar como levamos facendo dende 2012 e poder rematar canto antes coas políticas anti-sociais do Partido Popular". "Estaremos presentes o 5 de abril co obxectivo de abrir a nova etapa que Galicia merece", engadiron.

 

Esquerda Unida

"A candidatura de confluencia que estamos a traballar co resto de forzas da esquerda alternativa vai ser absolutamente decisiva para que a dereita perda dunha vez por todas o goberno", di Eva Solla

Para EU, a decisión de Alberto Núñez Feijóo de adiantar as eleccións responde "ao medo do Partido Popular a perder o goberno de Galicia". Eva Solla sinalou que "tras tres lexislaturas de recortes laborais, sociais e de servizos públicos, quedou patente o pasado domingo que a xente xa non aguanta máis esta situación”.

"Estamos certas que esa candidatura de confluencia que adianteramos nas vindeiras semanas e que estamos a traballar co resto de forzas da esquerda alternativa, vai ser absolutamente decisiva para que a dereita perda dunha vez por todas o goberno e se comecen a facer políticas sociais para a maioría e que loiten contra a perda de dereitos da clase traballadora que sufrimos nestas tres lexislaturas”, afirmou a coordinadora nacional da formación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.