A participación ás 14 horas crece medio punto en Galicia e cae lixeiramente no conxunto do Estado

Cabina de votación nun colexio de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Os primeiros datos de participación, que vén de ofrecer o Ministerio do Interior, amosan unha pequena caída da asistencia ás urnas no conxunto do Estado ás 14 horas, con respecto aos datos que se rexistraban en 2011 á mesma hora. En concreto, a participación sitúase no 37,02%, case un punto menos que hai catro anos (37,88%). Pola contra, hai máis votantes en Galicia, unha das únicas catro comunidades (xunto con Euskadi, Navarra e Madrid) nas que medra a participación: do 32,87% ao 33,43%. Tamén aumenta nas provincias de Valencia e Zaragoza. En cambio, descendo moito en Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha.

Dentro de Galicia, a asistencia ás urnas increméntase nas circunscricións da Coruña (do 32,01% ao 33,12%) e Pontevedra (do 33,17% ao 34,29%) e diminúe nas de Lugo (do 32,21% ao 31,72%) e sobre todo Ourense (do 35,67% ao 33,84%). 

En Galicia, a participación aumenta máis nas zonas urbanas. De feito, crece en cinco das sete grandes cidades: A Coruña (do 33,01% ao 34,4%), en Compostela (do 32,36% ao 33,48%), en Ferrol (do 34,65% ao 35,5%), en Pontevedra (do 34,25% ao 36,24%) e Vigo (do 34,76% ao 35,94%). Descende en Ourense (35,44% ao 34,69%) e Lugo (do 33,31% ao 33,07%), pero menos que no conxunto das súas respectivas provincias.

As espectativas para estes comicios apuntaban a un notable incremento da participación (en 2011 foi do 71,69% no conxunto de España e no 71,77% en Galicia). E este primeiro avance provocou xa unha certa sorpresa. Tradicionalmente calcúlase que ás dúas tarde vota ao redor do 52% ou 53% das persoas que o farán en total, polo que este primeiro dato situaría a participación ao redor do 70% (cando se chegou a especular cun incremento para estas elección ata o 76-78%). Con todo, haberá que agardar ao segundo avance, correspondente ás seis da tarde, para tirar conclusións. Tamén as referentes ás interpretacións sobre os efectos no resultado dunha maior ou menor mobilización, e das zonas e horarios nas que esta se produce (a media de idade nas persoas que votan pola mañá adoita ser superior á das que votan pola tarde).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.