A participación crece de forma homoxénea en toda Galicia e achégase ao nivel de 2009

A participación crece algo máis de dous puntos Dominio Público Praza Pública

Ás 12 horas votara o 14,97% dos e das galegas, dous puntos máis que en 2012 (12,74%), pero aínda por debaixo de hai sete anos (16,1%). Por provincias, Ourense rexistra a maior actividade a primeira hora (18,24%), mantendo a tendencia dos últimos anos. En Lugo votara o 15,08%, mentres que na Coruña o fixera o 14,68% e en Pontevedra o 14,22%. A mobilización medra de forma semellante nas catro provincias, que rexistran un incremento semellante de electores e electoras (2.45 puntos Ourense, 2.27 A Coruña, 2.26 Pontevedra e 2.06 Lugo).

Por comarcas, a participación crece en todas elas, agás en Quiroga e Terra de Trives, con lixeiros descensos. A Limia, A Baixa Limia, Meira, O Ribeiro, A Paradanta, Betanzos ou Verín están entre as zonas nas que a moblización é maior con respecto ao dato de 2012, como se pode ver neste gráfico. Pola contra, Fisterra, A Barcala, O Sar, Terra de Caldelas ou A Mariña Oriental medran menos dun punto.

Obsérvase un maior incremento nas comarcas rurais, aínda que as diferenzas -fóra dos casos comentados- son pequenas. Nas cidades, a participación crece a un nivel semellante ao do conxunto do país: 2.60 puntos no Concello de Pontevera, 2.28 no da Coruña, 2.27 en Lugo, 2.20 en Compostela. En Vigo (+1.81 puntos), Ourense (+1.75) e Ferrol (+1.72) o aumento da mobilización si é algo menor.

Cómpre ter en conta, finalmente, que a participación en 2012 ao mediodía fora especialmente baixa, cun descenso de 3.36 puntos con respecto a 2009. Se comparamos o dato de hoxe co das eleccións de 2009 a esta hora, só cinco comarcas presentan unha mobilización maior.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.