A participación de Podemos nas municipais decidirase tras a asemblea da formación

Asemblea de Podemos nunha cidade galega © Podemos A Coruña

Podemos celebra esta fin de semana no Palacio de Vistalegre de Madrid o encontro presencial da súa Asemblea Cidadá, un longo proceso de debate organizativo e programático que comezou o pasado 15 de setembro e que rematará o 15 de novembro, unha vez que os máis de 130 mil afiliados e afiliadas voten as distintas propostas e candidaturas. Polo tanto, a cita desta fin de semana é tan só un paso máis no camiño, aínda que si servirá como demostración de forza (coa presenza de máis de oito mil persoas) dunha formación á que as enquisas conceden unha intención de voto superior ao 15% e cada vez máis próxima ao PSOE.

Servirá tamén para definir as distintas orientacións propostas para o partido, tanto a nivel organizativo (na que se centrará a segunda parte desta reportaxe, este venres) coma no que atinxe á forma en que Podemos se debe presentar ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio, ben coa súa marca, ben inserida nas distintas iniciativas municipalistas cidadás que están xurdindo en todo o Estado, dende o Guanyem barcelonés, o Ganemos orixinado en Madrid ou as Mareas formadas en Galicia.

A asemblea, que conclúe en novembro, definirá a forma en que Podemos se debe presentar ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio, ben coa súa marca, ben inserida nas distintas iniciativas municipalistas cidadás

O borrador de principios políticos de Claro que Podemos, impulsado entre outros por Pablo Iglesias, Íñigo Errejón, Juan Carlos Monedero, Carolina Bescansa e Luis Alegre, aposta por incorporarse ao traballo nestas candidaturas cidadás, baseándose na xuventude do partido e dos seus círculos, con poucos meses de percorrido, a preferencia por reservar a marca para as eleccións autonómicas e xerais, o respecto aos movementos sociais con traballo continuado a nivel local e a coincidencia xeral cos seus principios e obxectivos e, tamén, na precaución ante a posibilidade de que persoas de pouca "fiabilidade" se puidesen presentar dentro das listas de Podemos aproveitando o seu innegable atractivo electoral.

A proposta xerou un inmediato debate, e moitos círculos expresaron o seu desexo de participar directamente, coa marca electoral de Podemos, nestes comicios municipais. O eurodiputado Pablo Echenique alertou de que se finalmente se adoptaba a decisión de non participar como Podemos, isto podería provocar unha desilusión no traballo de base dos círculos existentes. Varios círculos locais e sectoriais, así coma as propostas Construíndo Pobo e Democracia Cidadá presentarán na asemblea iniciativas neste senso, apostando por "facer política sen medo", como sinalou un dos seus voceiros.

 

Eleccións municipais

"A nosa postura concreta ao respecto da Marea Atlántica será determinada polo voto popular tras rematar o noso proceso constituínte na Asemblea", sinalan dende A Coruña

Esta fin de semana non se adoptará unha decisión definitiva, pero si se poderá coñecer en parte a forma definitiva e a forza das distintas propostas. Será despois, co voto individual da afiliación cando se adopte unha posición. A esa votación remítense os distintos círculos locais galegos ao ser preguntados polas súas preferencias de cara á forma en que Podemos debe presentarse nas eleccións municipais: "A nosa postura concreta ao respecto da Marea Atlántica será determinada polo voto popular tras rematar o noso proceso constituínte na Asemblea", sinalan dende A Coruña. E, de igual xeito, en Ferrol afirman que "a decisión é totalmente individual e dependente da votación a nivel estatal. Cada quen votará como mellor lle pareza na asemblea estatal. 
As cuestións electorais téñense que discutir a nivel estatal. Non pode presentarse un círculo nun lugar e noutro non".

"Vemos con interese e simpatía a aparición de movementos de empoderamento popular de carácter municipalista, moitos dos cales comparten ADN con Podemos. Aínda que persoas do Círculo Compostela viñeron participando activamente en Compostela Aberta dende a súa creación, a decisión do Círculo respecto ás eleccións municipais non será tomada ata despois do remate do proceso asembleario de Podemos", indican dende o Círculo de Santiago. En termos semellantes exprésase o Círculo da Coruña: "Podemos sente o máximo respecto por toda proposta de manifestación colectiva cidadá que convida á participación de todos e todas e ao empoderamento cidadán". E o de Ourense: "toda iniciativa cidadá na que a poboación estea empoderada, organizada en plataformas e participando activamente en política é benvida en Podemos Ourense. O xurdimento destas plataformas nunca as veremos como rivais", que tamén sinala que "o integrarnos ou non nalgunha delas para o proceso municipal dependerá do que decidamos na Asemblea e posteriormente do que valoremos e decidamos nunha Asemblea Aberta de ámbito local".

Unhas opinións que comparte o círculo de Lugo, que introduce algunhas das condicións que a formación lle pon a esas candidaturas cidadás: "a nosa visión das candidaturas cidadás é positiva sempre e cando sexan verdadeiras candidaturas de unidade popular que busquen transformar a sociedade e na que haxa primarias abertas e non haxa lugar para os vellos pactos ocultos tan típicos da vella política á hora de conformar candidaturas".

Dende Vigo tamén se sinala que "calquera candidatura que busque o empoderamento cidadán só podemos saudala con simpatía", pero lembran a importancia de concordar en dous aspectos: metodoloxía e programa

Dende Vigo tamén se sinala a importancia de concordar en dous aspectos: metodoloxía e programa: "Calquera candidatura que busque o empoderamento cidadán só podemos saudala con simpatía. É cedo para falar de alianzas, pois non debemos esquecer que estas candidaturas son moi novas e aínda están en proceso de formación, pero como sempre se dixo, se existe converxencia en fondo e forma, se terá en conta chegado o momento". 

Viejo Vinhas: "Hai espazos constituídos que cumpren co ADN de Podemos: procesos abertos participativos nos que o protagonismo é cidadán, con primarias. O que ten que facer Podemos é cartografiar o mapa e ver cales son as candidaturas municipalistas"

A respecto da forma en que Podemos debe participar nas eleccións municipais, Raimundo Viejo Vinhas, profesor de Ciencia Política e activista en Guanyem, aposta polo traballo neste tipo de candidaturas cidadás: "Hai espazos constituídos que cumpren co ADN de Podemos: procesos abertos participativos nos que o protagonismo é cidadán, con primarias. O que ten que facer Podemos é cartografiar o mapa e ver cales son as candidaturas municipalistas". Raimundo Viejo sinala que "Podemos non inventa a política nova, en Catalunya temos procesos municipalistas anteriores a Podemos e cos que Podemos claramente podería identificar espazos de confluencia e participación. E o mesmo sucede en Galicia con Marea Atlántica ou Ourense en Común, por exemplo, e aí non ten sentido presentar outra lista e entrar nunha liorta de siglas". Si alerta de que "estas candidaturas o que non poden ser é unha agrupación de partidos" e lembra que "Podemos non é unha fronte de unidade das esquerdas, é un proxecto cidadán de ruptura co réxime do 78". 

De igual xeito, Brais Fernández Romanino (Esquerda Anticapitalista), cre que "Podemos ten que estar presente nas eleccións municipais, pero hai que ver caso por caso como debe  estar presente" e sinala que "hai forzas políticas que comparten as aspiracións de Podemos, e pode haber proxectos posibles mentres sexan articulados dende abaixo". Porén, tamén afirma que nalgúns lugares "si que sería positivo presentarse como Podemos, porque a candidatura tería unha proxección superior, e ademais impediría que o réxime se reconstruíse".

Brais Fernández propón artellar "mecanismos" que permitan que os círculos "decidan dentro dun marco regrado e acordado colectivamente se se poden presentar ou non"

Brais Fernández propón artellar "mecanismos" que permitan que os círculos "decidan dentro dun marco regrado e acordado colectivamente se se poden presentar ou non". Estes "mecanismos de control dende abaixo", ademais, poderían evitar un dos riscos -sinalados dende distintas posicións- aos que as candidaturas de Podemos poderían estar expostas: "a posibilidade de que xente que sae dos vellos partidos do réxime entre en Podemos como unha forma de recolocarse".

"Se alguén ten capacidade para formar un círculo Podemos nunha vila, ten capacidade para presentar un proceso municipalista con outro nome". "Por que a necesidade da marca Podemos?", pregúntase Viejo Vinhas

Viejo Vinhas concorda nesta cautela: "Na descomposición do réxime político hai oportunistas de toda caste, xentes corruptas. E un partido que nace contra as elites económicas e políticas e contra a casta, non pode permitir que esta mesma casta entre a saco no proxecto de Podemos". En calquera caso o politólogo reitera a súa preferencia polas candidaturas cidadás: "Se alguén ten capacidade para formar un círculo Podemos nunha vila, ten capacidade para presentar un proceso municipalista con outro nome". "Por que a necesidade da marca Podemos?", pregúntase. "Esa xente ten que facer política e non agardar que veña unha fórmula máxica, unha marca, a facer o traballo que eles teñen que facer nas súas vilas. Non se pode substituír con iconas o que debe ser a política: corpo social, xente organizada, procesos participativos, que é o que é o ADN de Podemos", conclúe.

 

A organización dos círculos galegos

A organización varía en cada un dos círculos, que de momento ten un funcionamento moi autonómo, aínda que comparten a realización de asembleas de xeito semanal e a conformación de grupos de traballo

Os círculos de Podemos nos distintos concellos de Galicia comezaron a organizarse pouco antes do verán. Un percorrido moi curto mais de intenso traballo organizativo, que serviu para conformar en tan poucos meses dinámicas e grupos de traballo. Podemos conta con case 133 mil persoas inscritas en toda España, e aínda que non hai datos oficiais por comunidades autónomas, pódese facer unha estimación de máis de seis mil afiliados e afiliadas en Galicia, cun gran peso sobre todo nas cidades. En Vigo e na Coruña a cifra achégase ao milleiro de activistas en cada caso, e no resto o número é de varios centos (en Lugo e Ferrol manexan cifras superiores a 300).

A organización varía en cada un dos círculos, que de momento ten un funcionamento moi autonómo, aínda que comparten a realización de asembleas de xeito semanal (ou mensual nalgúns casos) e a conformación de grupos de traballo. Tamén o uso que fan de ferramentas de comunicación en rede: dende unha intensa utilización das redes sociais (sobre todo Facebook) para a difusión de mensaxes, posicionamentos e convocatorias (ademais de,obviamente, o correo electrónico), até outros instrumentos máis específicos, coma os grupos de whatsapp, ou o uso de Reddit ou Appgree para a adopción colaborativa de decisións de forma colectiva, non presencial e instantánea (un uso que foi moi destacado por medios de comunicación de todo o planeta). Ou tamén outras ferramentas como Loomio, útil especialmente para o traballo dos grupos e comisións.

Os círculos son autónomos, aínda que comezan a manter un contacto frecuente entre si, tanto entre os grupos galegos como coas estruturas centrais de Podemos. "Os círculos foron xurdindo en toda Galicia dende abaixo: persoas que se reúnen na súa vila ou cidade, intentando aglutinar inquietudes e establecer un espazo común para o debate político e a participación. En moitos casos o traballo aínda se centra en consolidar o propio círculo e o seu funcionamento. É agora, pouco a pouco, cando comezamos a erguer a mirada", destacan dende Vigo. Neste senso celebráronse xa algunhas xuntanzas informativas en Compostela e ás que acudiu xente de todo tipo de círculos "nas que compartimos experiencias e informacións e debatemos sobre como coordinar mellor as nosas actividades", afirman.

"Os círculos foron xurdindo dende abaixo: persoas que se reúnen na súa vila ou cidade, tentando establecer un espazo común para o debate político e a participación. É agora, pouco a pouco, cando comezamos a erguer a mirada", destacan dende Vigo

Dende Lugo explican igualmente que "mantemos relación cos demais círculos, que esperamos que cada vez sexan máis fluídas a medida que vaiamos perfeccionando as vías de comunicación". E dende Coruña indícase que o contacto coas restantes cidades galegas é "diario" e que "axudámonos todos e todas na medida das nosas capacidades". Engaden que "o contacto co Equipo Promotor é fluído e proveitoso, aínda que non maior en volume que cos restantes círculos".

Asemblea de Podemos en Ferrol, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Ferrol
Mesa informativa de Podemos en Compostela Dominio Público Podemos Compostela
Acción de Podemos en Vigo, na campaña electoral do 25M Dominio Público Podemos Vigo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.