Nos primeiros días de decembro de 2014 os corredores da sede do Parlamento Europeo en Bruxelas acolleron unha imaxe pouco frecuente. Unha delegación de mariñeiros galegos da arte tradicional do xeito amosaban a altos cargos da UE unha das súas redes, tan grandes na súa extensión como finas no seu tecido, para demostrar que a súa ferramenta de traballo non era perigosa para os fondos mariños e por iso non tiña por que ser prohibida. A rede facturáraa nunha maleta a voceira do BNG nas institucións comunitarias, Ana Miranda, que acompañou os xeiteiros nunhas xuntanzas nas que os cargos da UE revelaron ademais que tanto a Xunta como o Goberno de España os informaran ao respecto mal e tarde. Así e todo, os últimos pasos da normativa europea confirman que o xeito non será prohibido.
O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea tivo este xoves sobre a mesa a nova proposta de regulamento do Parlamento Europeo e do Consello sobre a conservación dos recursos pesqueiros. O documento discutido non foi o orixinal, senón unha nova versión que non outorga ao xeito o mesmo tratamento que a outras redes de arrastre que, polas súas características, agreden os fondos mariños e poñen en perigo outras especies, caso dos golfiños. O primeiro texto foi retirado a finais de 2015 polo comisario de Pesca, Karmenu Vella.
Tejerina: "Manterase a posibilidade de seguir pescando co xeito"
A ministra de Agricutura e Pesca, Isabel García Tejerina, admitiu en declaracións aos medios na capital comunitaria que todo apunta a que o xeito xa non ten nada que temer. "Afecta a algunhas artes, como xeito en Galicia", pero "foise perfecccionando" e por iso "estamos en condicións de pasar á seguinte fase da negociación", di. "Á espera de que o regulamento remate a súa tramitación", di Tejerina, o Goberno de España "entende que a normativa será favorable" e "se manterá a posibilidade de seguir pescando co xeito". Tejerina avanzou ademais que o Ministerio "solicitará" á UE "máis flexibilidade para os decartes".
Erros e demoras na información a Bruxelas
A Comisión admitira que a súa postura non mudou ata que recibiu información directa dos xeiteiros
Bruxelas recuou e fíxoo, segundo admitiu por escrito o propio comisario, fundamentalmente grazas á información obtida na devandita visita do sector en compaña de Miranda. Naquela visita autoridades como o director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión, Hubert Gambs, explicou aos xeitos que trataran o xeito como unha arte de arrastre máis fundamentalmente por falta de "información". "Cando se estaba preparando a proposta a Comisión Europea non recibiu ningunha información sobre o xeito", explicara, nun contexto no que a base de datos da propia Comisión amosou durante meses que a Xunta non participara na fase de alegacións.
O Goberno central indicara que os barcos do xeito eran 25, cando realmente son 427
A Xunta informou, pero fíxoo tarde, e o Goberno de España achegou datos distorsionados sobre o impacto socioeconómico do xeito en Galicia. Non en van, as xuntanzas do sector na Eurocámara servirán tamén para coñecer que o gabinete de Mariano Rajoy indicou que o número de barcos dedicados ao xeito eran 25, cando realmente son 427. Se as explicacións españolas fosen as axeitadas no primeiro momento, explicara o eurodeputado Marco Affronte, un dos relatores da norma, sinxelamente "non se chegaría a facer a proposta" na súa redacción orixinal.
Miranda (BNG): "Se non fose porque nos movemos, os gobernos galego e español non reaccionaban"
O último movemento ratifica, así, o xa avanzado hai máis dun ano coa retirada da proposta inicial. Daquela Miranda dera por demostradao que a Comisión "cedera" grazas á "presión exercida polo BNG e polo sector do xeito", que "tivero os seus froitos e logrou conseguir o obxectivo de que os mariñeiros poidan seguir pescando coma sempre. "Se non fose porque nos movemos, os gobernos galego e español non reaccionaban", afirmara, nun contexto no que chamaba a ter en conta o "enorme impacto socioeconómico" que tería en vilas como Rianxo, Redondela ou Cambados o veto a esta arte que "non é "unha pesca expansiva, senón tradicional". A fin do risco do veto ao xeito fora tamén aplaudida polo eurodeputado socialista José Blanco, que considerara "unha irresponsabilidade e unha inxustiza" a eventual prohibición.