A plataforma de afectados pola anulación do PXOM de Vigo dille ao Concello que “os atallos non serven para nada”

Vista parcial de Vigo, dende a ría CC-BY-SA Merixo

Esta semana o Consello Consultivo de Galicia botou abaixo a opción defendida por Abel Caballero para recuperar o PXOM de 2008 por vía de urxencia, a través dun trámite ambiental que subsanase as eivas sinaladas polo Tribunal Supremo o pasado ano. O Concello de Vigo deberá levar a cabo o proceso de redacción dun novo plan dende o comezo, o que adiará a súa aprobación dous ou tres anos.

Para a entidade, a estratexia que o Goberno local que dirixe Abel Caballero pretendía poñer en marcha "suporía unha aberración xurídica e desembocaría, tarde ou cedo, en novos problemas de legalidade e de inseguridade xurídica"

A Plataforma de Afectadas e Afectados pola Anulación do PXOM de Vigo e en Defensa da Legalidade Urbanística - SOS PXOM salienta que, á vista da Resolución do Consello Consultivo, "os responsables de conducir o urbanismo do Concello de Vigo fracasaron estrepitosamente ao intentar buscar un atallo tramposo para intentar saltarse a Avaliación Ambiental Estratéxica". Para SOS PXOM, "a escusa esfarrapada que consideraba impracticable ou imposible o trámite da Avaliación Ambiental Estratéxica desembocou de xeito determinante na definitiva nulidade do plan impugnado e iso porque, no seu momento, non se puideron demostrar os motivos esgrimidos para a exoneración da devandita Avaliación Ambiental Estratéxica".

Para a entidade, a estratexia que o Goberno local que dirixe Abel Caballero pretendía poñer en marcha "suporía unha aberración xurídica e desembocaría, tarde ou cedo, en novos problemas de legalidade e de inseguridade xurídica". Para SOS PXOM, como salienta o Consello Consultivo de Galicia, "non nos atopamos ante un vicio de legalidade (anulabilidade), senón de nulidade radical". A plataforma comparte polo tanto a visión de que se produciu un vicio de nulidade da Lei 30/92 que implica a nulidade de pleno dereito do PXOM de 2008.

SOS PXOM pídelle ao Concello de Vigo que "abandone as manobras de prestidixitación urbanística e se poña ao choio para redactar un novo Plan Xeral"

SOS PXOM pídelle finalmente ao Concello de Vigo que "abandone as manobras de prestidixitación urbanística e se poña ao choio para redactar un novo Plan Xeral". "Non podemos perder máis tempo", di. A plataforma considera, en resumo, que "os atallos xurídicos e as argucias legais non serven para nada e en consecuencia non pode ser amparada legalmente -baixo ningún concepto- a emisión, mediante nova decisión da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da pretendida declaración de inviabilidade da Avaliación Ambiental Estratéxica do Plan Xeral e por iso hai que ser extremadamente escrupulosos na redacción e aprobación do futuro PXOM que a cidade necesita".

 

Vista parcial de Vigo, dende a ría CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.