A poboación estranxeira que queira poder votar nas eleccións municipais do 26 de maio ten que ter en conta dúas datas inminentes para realizar os trámites. A primeira, a do 15 de xaneiro.
A Oficina do Censo Electoral remitiu nos últimos meses de 2018 unha comunicación por correo postal á cidadanía de países cos que España asinou acordos recoñecendo o dereito ao sufraxio nas eleccións municipais (Bolivia, Cabo Verde, Chile, Colombia, Corea, Ecuador, Islandia, Noruega, Nova Zelandia, Paraguai, Perú e Trinidad e Tobago). Todos eles teñen ata 15 de xaneiro para facer inscribirse no censo electoral.
A Oficina do Censo Electoral remitiu nos últimos meses de 2018 a documentación para que a poboación estranxeira que queira participar nos comicios poida votar
Nesta comunicación, enviada por correo postal, detállanse os datos persoais, as instrucións para que poidan votar nas próximas eleccións e unha clave de tramitación telemática (CTT) que haberá que usar no caso de realizar o rexistro por Internet. No entanto, quen non recibisen esta comunicación poderán tamén solicitar a súa inscrición ao censo electoral a condición de que cumpran os requisitos acordados.
Para poderen realizar a inscrición estas persoas deben ser maiores de 18 anos e ter en regra a inscrición no Padrón municipal. Ademais, deben ter residencia legal dun mínimo de cinco anos -3 para a poboación orixinaria de Noruega- . A quen non lles faciliten o código CTT por non constar na Oficina do Censo o seu Número de Identidade de Estranxeiro (NIE), terán que inscribirse por correo postal ou, presencialmente, no seu Concello.
Cidadanía doutros Estados da UE
Vigo é o concello galego que ten rexistrada máis poboación procedente da UE, seguido da Coruña, Ourense e Lugo
Tamén tiveron que recibir esta comunicación nas últimas semanas as persoas procedentes doutros Estados da UE se non a recibiron en anteriores comicios. No seu caso, teñen ata o día 30 de xaneiro para manifestaren a vontade de votaren.Así mesmo, tamén tiveron que recibir esta comunicación cada unha das persoas de procedencia dos países que forman parte da Unión Europea (UE) e que residen en España, que dispoñen de prazo até o 30 de xaneiro para manifestaren a súa vontade de votar nas eleccións.
No caso de Galicia a Oficina do Censo Electoral ten datos de cidadanía procedente doutros Estados da UE en todos os concellos agás Rairiz de Veiga. O que máis persoas orixinarias do espazo comunitario ten rexistradas é Vigo, con algo máis de 1.000, seguido da Coruña, Ourense, Lugo, Oímbra e Santiago.
O trámite para poder votar
Para que a cidadanía estranxeira con dereito a voto poida participar no 26M ten que inscribirse no censo por unha destas vías:
- Por internet
Deeberán acceder á Sede Electrónica do Instituto Nacional de Estatística (INE), https://sede.ine.gob.é e no menú de arriba elixir a pestana ' Trámites'. Alí terán que seleccionar Inscrición no Censo Electoral de Estranxeiros Residentes en España de cidadáns nacionais de países con Acordos'.
- Por correo postal
As persoas interesadas deben remitir a declaración formal que recibiron na casa á súa Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral. A data límite é o devandito 15 de xaneiro.
- No Concello
Identificándose co seu documento de identidade de estranxeiro e achegando unha copia do mesmo. No caso de persoas con nacionalidade norueguesa ou islandesa é tamén válido o seu DNI. Tamén cómpre achegar un certificado de residencia.
Estas opcións son as mesmas para a cidadanía da Unión Europea que desexe participar dende España nos comicios ao Parlamento Europeo, que se celebran o mesmo día. No caso da cidadanía do Reino Unido, a posibilidade de que participe ou non nas municipais e nas propias eleccións europeas depende do Brexit.
O pasado outubro a Xunta Electoral Central decidiu que non fosen excluídos a priori e iniciou os trámites para eles con normalidade. Advertiunos, non obstante, de que esta é unha previsión cautelar que deixará de ter efecto se se consuma a separación de Reino Unido o 30 de marzo de 2019, como polo momento segue estando previsto.