A Pokémon condiciona a estratexia municipal dos grandes partidos a un ano das eleccións

Envíos de cartos de Véndex, fotografados polos investigadores © Vixilancia Aduaneira / Sumario do caso

Dentro dun ano faltarán menos de tres meses para as eleccións municipais. Será a primeira gran proba nas urnas dos concellos galegos tras o estourido da operación Pokémon, a presunta trama que, con orixe en Lugo, levou a xuíza Pilar de Lara a enfiar unha investigación sobre casos de suposta corrupción que xa se estende por quince concellos, once deles galegos. A longuísima instrución, cun sumario que supera os cincuenta tomos, preocupa especialmente en Galicia aos dous grandes partidos políticos, PP e PSdeG, toda vez que toca de cheo ás súas principais prazas municipais: Lugo, A Coruña, Ourense e Santiago.

A madeixa da Pokémon comeza a ser desenrolada a partir da declaración como testemuño de José Luis Álvarez, un corredor de seguros residente en Asturias que é socio de Cechalva, unha empresa que optou á concesión do servizo de guindastre na capital lucense e á que tamén está vinculado Javier Reguera, funcionario do Concello lugués que segundo o sumario "non podía figurar" como copropietario da compañía por estar ao servizo desta Administración municipal. Reguera, á súa vez, tiña unha "excelente relación" con Francisco Fernández Liñares, ex concelleiro lucense e antigo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS).

A implantación de Cechalva en Lugo, o seu "falseamento de contas", a súa "dupla contabilidade" e, sobre todo, os seus presuntos "subornos" a políticos locais, son o xermolo dunha operación que se estende polo país a causa da relación de Reguera con Doal, empresa propiedade do grupo Véndex, e coa chegada de Liñares á CHMS, con sede en Ourense. As ligazóns de Véndex con Aquagest a través de, entre outros seu responsable en Compostela, José Luís Míguez, levan a investigación á capital galega, a Ourense e a outros concellos de menor dimensión como Boqueixón e O Carballiño. Posteriormente, chegaría tamén á Coruña coa póla alcumada Pikachu.

A madeixa da Pokémon comeza a ser desenfiada en Lugo, a partir da declaración dun dos socios da empresa Cechalva, relacionada á súa vez con Véndex

As primeiras detencións, practicadas apenas un mes antes das eleccións autonómicas de outubro de 2012 precipitaron as primeiras repercusións políticas do caso, como foi a dimisión do alcalde ourensán, Francisco Rodríguez, e do rexedor de Boqueixón, Adolfo Gacio, así como do concelleiro santiagués Albino Vázquez Aldrey. Alén da marcha de Vázquez Aldrey en Santiago o atribulado goberno municipal, daquela en pleno estado de recomposición tras a caída en desgraza de Gerardo Conde Roa, permaneceu impasible aos avatares da operación malia á imputación do propio alcalde, Ángel Currás, chegando ao punto de ter baixo a lupa da Xustiza a 10 dos 13 membros do equipo de Goberno.

Na Coruña as persoas imputadas son doce, entre elas o número dous do gabinete de Carlos Negreira, Julio Flores, quen chegou a asegurar que non se recoñece nas conversas telefónicas intervidas por orde da xuíza. O mapa da Pokémon complétase con catro municipios máis: o asturiano de Cangas de Narcea e os cataláns de Sant Hilari, Figueres e Sabadell.

Condicionamento das listas municipais

Este é o contexto no que as forzas polítícas galegas terán que afrontar a confección das candidaturas municipais, con todas as miradas postas en PP e PSdeG -o BNG tamén tivo un edil presuntamente implicado, o ourensán Fernando Varela, que dimitiu nada máis ser imputado-. A situación máis complexa para a formación de Alberto Núñez Feijóo está aparentemente en Compostela, toda vez que a xestión do caso realizada no consistorio ten a máis da metade do goberno local ao bordo do banco dos acusados. Feijóo, que este mércores chegou a deslizar dúbidas sobre o xeito de proceder da Xustiza, terá que fiar unha lista na que se dá por seguro que non estará á cabeza o imputado Currás e que estará condicionada pola posibilidade de ter que intervir directamente no Concello se se abre xuízo oral contra os edís.

Aínda que con menos ruído que en Compostela, o caso politicamente máis comprometido para o presidente é o da Coruña

Aínda que con menos ruído que en Compostela, o caso politicamente máis comprometido para o presidente da Xunta é o da Coruña. As posibles irregularidades en contratos públicos como os do Aquarium Finisterrae e os enchufes que se lle atribúen a Flores complican a situación na capital da provincia na que se asenta boa parte do poder de Feijóo no seo do PP e na corporación que preside un dos seus piares políticos, Negreira.

Feijóo e Besteiro xa admiten que o caso condicionará as listas das municipais de 2015

Pola banda do PSdeG a principal pataca quente semella ser Ourense, onde como en Compostela aos casos de presunta corrupción se une a profundísima división no seo do goberno local. O alcalde, Agustín Fernández, deixa entrever a súa aposta por concorrer aos comicios, se ben podería verse abocado a unha batalla polo cartel electoral co ex secretario xeral do partido, Pachi Vázquez. Mentres, en Lugo a principal incógnita é se Xosé López Orozco tentará recuncar por quinta vez -ante a xuíza declarou que este é o seu último mandato- e se José Ramón Gómez Besteiro asume o posible custe político de que o faga.

Tanto Feijóo como Besteiro xa admitiron publicamente que a Pokémon vai condicionar a elaboración das listas. "Podemos admitir erros pero non delitos", afirma o líder socialista, mentres aposta pola celeridade na resolución do caso. Pola súa banda, Feijóo asegura que promoverá a destitución dos cargos públicos aos que se lles impoñan medidas cautelares. Sexa como for o certo é que os xulgados volverán marcar, unhas eleccións máis, o ritmo da política galega.

Seguimento a Conde Roa, Currás e a presuntos membros da trama © Axencia Tributaria
Rodríguez, Currás, Negreira e Orozco, nunha ofrenda © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.