A Pokemon: unha trama mafiosa que mancha o PP e o PSOE en Galicia

Rodríguez, Currás, Negreira e Orozco, nunha ofrenda © Concello de Lugo

A apertura de case todo o sumario máis amplo por corrupción instruído nunca en Galicia vén confirmar as graves acusacións contra os gobernos locais do PSOE en Lugo e Ourense e contra os do PP en Compostela e A Coruña. A operación Pokemon, pola que a xuíz Pilar de Lara xa imputou un cento de persoas, entre directivos do grupo empresarial Vendex, cargos políticos e funcionarios, mancha (e moito) a populares e socialistas, implicados supostamente nunha trama liderada por unha compañía que usaba sobres con cartos, reloxos de ouro, comidas ou contratacións de afíns para gañar concursos públicos nos concellos galegos. Funcionaba, segundo un informe do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) dun xeito moi semellante ao das "organizacións criminais do narcotráfico ou o branqueo".

Vendex funcionaba como as "organizacións criminais do narcotráfico ou o branqueo", segundo Aduanas

Así o aseguran as revelacións que varios medios publican este sábado e que descobren unha trama de corrupción que sitúa no seu centro importantes cargos locais do PPdeG e do PSdeG, tal e como se deduce das conversas intervidas por Aduanas. Segundo estas palabras, o alcalde socialista de Lugo, Xosé López Orozco, tería recibido presuntamento sobres  mensuais de 2.000 euros e tería ampliado o espazo da ORA para favorecer a firma, mentres que o ex rexedor de Ourense, o tamén socialista Francisco Rodríguez, tería sido agasallado cun Rolex de 6.000 euros. Ademais, tamén hai graves sospeitas de que supostamente se amañaron concursos públicos na capital ourensá e que esa era a intención en Compostela, tal e como revela El País.

No sumario tamén se revela como o actual alcalde de Compostela, Ángel Currás, se reuniu presuntamente cos responsables de Vendex para tratar as contracións dunha gardería municipal que fora adxudicada á compañía e dáse por feito que o rexedor enchufou cando menos unha persoa.

Os alcaldes de Lugo e Compostela, o ex rexedor ourensán e o número dous na Coruña son os peor parados na investigación

A Pokemon comezou investigando supostas irregularidades na concesión de contratos públicos no Concello de Ourense, para saltar de aí a Lugo, Santiago e ultimamente A Coruña, onde xa se imputaron 19 persoas. Entre elas está o número dous do goberno local, o concelleiro Julio Flores, de quen hai varias conversas intervidas nas que lle pide ao delegado de Vendex que contrate persoas nas filiais da empresa que traballaba para o Concello. Ademais, revélase tamén como a trama corrupta prepárase para conseguir a concesión da ORA en Compostela empregando "o mesmo mecanismo" co que unha filial da empresa tería acadado o millonario contrato na capital coruñesa. Era 2005 e gobernaba o PSOE.

A trama de Vendex salpica os dous grandes partidos. Ademais dos xa imputados, os directivos de Vendex presumen nas súas conversas dos seus contactos co actual alcalde popular da Coruña, Carlos Negreira, co ex rexedor Francisco Vázquez e co actual portavoz do PP no Senado, José Manuel Barreiro.

Os directivos de Vendex presumen tamén dos seus contactos con Carlos Negreira, Francisco Vázquez ou José Manuel Barreiro

Do amplo sumario dedúcese que o grupo Vendex funcionaba como unha trama mafiosa que repartiía paquetes cheos de cartos a través de empresas de mensaxería e que tiña en Lugo un dos seus contactos clave entre a clase política: Francisco Fernández Liñares, ex concelleiro de Economía, Urbanismo e Seguridade Cidadá na cidade das murallas e logo ascendido á presidencia da Confederación Miño-Sil. El foi unha das persoas máis investigadas pola xuíza Pilar de Lara. El sería quen controlaba as contratas municipais durante a súa etapa no goberno local lucense e favorecendo a Vendex, que o correspondería axeitadamente polos seus favores.

O ex concelleiro en Lugo e ex presidente da Confederación Miño-Sil sería un dos homes clave da trama corrupta

Así continuaría ata que deixou a Confederación Miño-Sil, no ano 2011, deixando amañando numerosos contratos para o grupo empresarial. Segundo revela El País, cando a trama fala nas súas conversas de "tomar un auga" estase a referir a unha cita con Fernández Liñares. Porque os responsables deste grupo empresarial empregaban palabras e nomes clave, quedaban en lugares afastados das cidades e usaban sistemas de contravixilancia. Entre os diversos alcumes, el Cura, el Pulpo, el Birollo, el Gordito ou Cachas Negras. Os cartos que destinaban aos subornos e que se enviaban a través de empresas de transporte urxente eran "prensa deportiva" ou "queixos".

Rodríguez, Currás, Negreira e Orozco, nunha ofrenda © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.