"O caso é colocar ben os marcos". Un veterano militante nacionalista resumía hai poucos días deste xeito o proceso aberto tras a pasada Asemblea Nacional do BNG cuxo primeiro estourido foi a escisión do Encontro Irmandiño e que tivo como segundo episodio relevante a decisión de Máis Galiza, xa constituída en partido, de seguir o mesmo camiño aínda que sen parte das súas cabezas visibles ata o momento, a comezar polo ex voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich. "Novo proxecto común", "alianza de base ampla" ou, simplemente, "algo novo" son algunhas das expresións que se están dando en empregar para definir a posible confluencia de varias liñas políticas en forma de partidos organizados, correntes de nova creación e militantes individuais que, polo momento, avanzan paralelamente se ben dan sinais de teren vontade de converxer.
Pero, quen está a falar con quen? Non existe, cando menos aínda, unha mesa multipartita na que uns e outros dirixentes discutan os posibles puntos de encontro. Formalmente o único que xa comezou foron os encontros abertos organizados polo Encontro Irmandiño, concibidos como "grupos de base" nos que, en palabras do portavoz nacional da formación, Xosé Manuel Beiras, "se empece a reflexionar e se poida ir encarreirando ata configurar a nivel nacional unha alternativa, tanto no plano dos contidos" como no que atinxe ás "regras de convivencia". Malia esta organizados polo EI, a eles están a asistir persoas sen adscrición política, ex militantes do BNG e tamén integrantes de Máis Galiza, segundo se recoñece dende a dirección do partido liderado dende mediados de marzo por Xoán Bascuas.
Non existe, cando menos aínda, unha mesa multipartita na que se procuren puntos de encontro, aínda que se admite que está a haber diálogos
É precisamente en +G onde se aposta máis claramente por un diálogo formal entre formacións e así o formularán a partir do vindeiro día 31, cando ficará constituído o seu novo Consello Político Nacional. Con todo, os dirixentes do partido non ven con malos ollos a participación nos encontros abertos do EI ou noutros semellantes que puidesen xurdir nas próximas semanas. Non obstante, dende +G coidan tamén necesario non estender indefinidamente estas asembleas, dada a proximidade das eleccións autonómicas. Aínda que nas filas dos irmandiños se desbota que a convocatoria electoral "condicione" o proceso tampouco a perden de vista e descartan que os "grupos de base" dilaten a súa actividade sen chegaren a puntos concretos nun tempo "razoable".
Coas dúas formacións saídas do BNG predispostas ao acordo ambas miran tamén ao exterior. Ata o momento, o EI admitiu a vontade de contactar con grupos do nacionalismo e o independentismo de esquerdas alleos ao Bloque, como por exemplo a plataforma Causa Galiza. Ademais, dende outras correntes, como o acabado de nacer Espazo Ecogaleguista, admítese abertamente que a súa opción é a "cooperación" de cara a elaborar unha "nova fórmula", que non pase pola fronte, pero si pola confluencia de forzas distintas. O propio Beiras, inicialmente o máis partidario da vía frontista, sinalaba hai poucos días, nun coloquio en Compostela, que, unha vez fóra do Bloque, a súa vía é "unha organización que sexa de afiliación individual" e que "estruture a diversidade".
Ao encontro celebrado en Ourense foi convocado "un grupo de xente" cunha opinión semellante "do que debería ser o país"
Pero a calibración da anchura desa posible nova forza non se cingue só a estes grupos. Como mostra serve, por exemplo, o encontro celebrado esta mesma semana en Ourense ao que foi convocado, en verbas dun dos asistentes, "un grupo de xente" cunha opinión semellante "do que debería ser o país". Nesa xuntanza participaron representantes de sectores "sociais e económicos" diversos e, segundo transcendeu, na mesa dende que a que se dirixiu o encontro sentaron a ex conselleira de Vivenda e ex deputada do BNG Teresa Táboas, o ex senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza e o empresario Rafael Cuiña.
No entorno dos participantes deste encontro non se desliga a dinámica alí iniciada da que veñen desenvolvendo o Encontro Irmandiño, Máis Galiza ou os Ecogaleguistas, entre outros. Ben ao contrario, vese posible unha confluencia á que poderían achegarse non só ex membros do nacionalismo organizado, senón tamén integrantes doutras forzas políticas, tamén de ámbito estatal, que "non se sentiron representados" ou "ben tratados" nelas. En calquera caso, os contactos e xuntanzas multilaterais seguirán nas próximas semanas e, agás no caso dun adianto electoral cada vez máis improbable, os resultados das múltiples conversas poderían concretarse, a máis tardar, a finais da primavera ou comezos do verán.