A preocupación pola corrupción política disparouse en Galicia dende 2009

% de galegos e galegas que cren que a corrupción está 'moi' ou 'bastante' estendida Dominio Público Praza Pública

A corrupción converteuse nunha das principais preocupacións da cidadanía. Vén de reflectilo o Centro de Investigacións Sociolóxics (CIS) no seu barómetro (aparece citado como o segundo maior problema de España, detrás do paro) e ocupa o tempo e as páxinas dos medios de comunicación e tamén as conversas nas rúas, fogares e lugares de traballo. Un dos ámbitos nos que a sociedade detecta unha maior incidencia da corrupción é a política, e esta percepción non deixa de aumentar, unha progresión que podemos analizar a través das propias preguntas do CIS, que todos os anos incorpora unha pregunta sobre a percepción da cidadanía sobre o grao de "extensión" da corrupción en distintos ámbitos políticos.

De 2009 a 2012 a porcentaxe de persoas que cre que a corrupción está "moi" ou "bastante" estendida na política local, autonómica e estatal creceu con forza en España. Porén, aínda o fixo con máis intensidade en Galicia. En 2009 as porcentaxes de galegos e galegas que percibían esta corrupción en cada ámbito eran entre 8 e 12 puntos inferiores ás medias estatais. No último dato publicado polo CIS, correspondente a finais de 2012, a proporción de galegos e galegas que advirten esta forte presenza da corrupción na política supera a media do conxunto de España.

Gürtel, Palau, Brugal, Noos, Malaya, Mercasevilla..., eran escándalos que tiñan o seu epicentro lonxe de Galicia e que, mesmos naqueles nos que afectaban a políticos, empresarios ou administracións galegas, facíano en menor medida que noutras comunidades autónomas, como Valencia, Baleares, Madrid, Andalucía ou Cataluña, onde -a priori- se detectaba unha corrupción máis estendida. O mesmo sucedera anos atrás cos casos Filesa, Naseiro ou Guerra. Isto explica, seguramente, que a percepción da corrupción en Galicia se situase ata o 2009 moi por debaixo da media, compartindo esta posición coa maior parte das autonomías da cornixa cantábrica. Se cadra, si podía haber unha preocupación e unha análise do funcionamento da política galega marcada por casos de nepotismo e aproveitamentos persoais a pequena escala que non sempre eran definidos como corrupción, como tamén revelan algúns estudos do CIS.

Entre 2009 e 2012 a porcentaxe de galegos e galegas que cren que existe "moita" ou "bastante corrupción" na política local pasou do 49 ao 72 por cento

Porén, chegaron os casos Orquesta (2011), Campeón (2011), Pokémon (2012) e, máis recentemente, as noticias ligadas á Operación Zeta (2014) e semella que a percepción xeral da corrupción en Galicia mudou radicalmente. Entre 2009 e 2012 a porcentaxe de galegos e galegas que cren que existe "moita" ou "bastante corrupción" na política local pasou do 49 ao 72 por cento; na política autonómica, do 46 ao 79 por cento; e na política estatal, do 53 ao 85 por cento.

Outros indicadores confirman esta tendencia. Preguntados os galegos e galegas en 2010 sobre os tres principais problemas do momento, tan só o 1,3% citou a corrupción e un 9,2% a clase política. Nese mesmo estudo, a nivel estatal as cifras eran superiores (2,9% e 10,7%). En 2012 a corrupción xa era unha das principais preocupacións para o 4,5% dos habitantes de Galicia e os políticos para o 16%. Unhas cifras, con todo, inferiores ás do conxunto de España (6,7% e 20,4%). No último barómetro do CIS, que se vén de publicar este mércores, a corrupción é xa o segundo maior problema social no Estado Español, sendo citado polo 42,3% dos entrevistados. Durante todo o ano 2014 esta cifra vén roldando o 40%, superando outras preocupacións coma "a situación económica" ou "os políticos". Foi nos últimos meses de 2012 e nos primeiros de 2013 cando a corrupción se asentou como unha preocupación maioritaria para a cidadanía española, pasando de ser citada polo 9,2% en novembro de 2012 a chegar, en febreiro de 2013, aos actuais niveis de 40%, coincidindo coa publicación da existencia dunha contabilidade b no Partido Popular.

Con todo, no último Barómetro Autonómico publicado, un 16% dos galegos e galegas seguían considerando que en Galicia había menos corrupción que no resto do España, fronte a un 7% que pensaba que había máis. A opinión amplamente maioritaria (70%) consideraba que o número de casos de corrupción era semellante.

  2009 2010 2011 2012
Política local 49 54 65 72
Política autonómica 46 54 70 79
Política estatal 53 67 66 85

Grao de extensión da corrupción en cada nivel. % de persoas en Galicia que consideran que está moi ou bastante estendida. Fonte: CIS

  2009 2010 2011 2012
Política local 57 61 74 64
Política autonómica 58 65 76 75
Política estatal 64 76 72 82

Grao de extensión da corrupción en cada nivel. % de persoas en España que consideran que está moi ou bastante estendida. Fonte: CIS

 

Que é corrupción para os galegos e galegas

No último barómetro do CIS, que se vén de publicar este mércores, a corrupción é xa o segundo maior problema social no Estado Español, sendo citado polo 42,3% dos entrevistados

Resulta interesante, igualmente, analizar nos estudos do CIS o que os galegos e galegas entenden por corrupción, e ata que punto identifican con este concepto algunhas prácticas irregulares que moitas veces son perdoadas ou situadas nunha categoría menor. En 2009 o Centro de Investigacións Sociolóxicas preguntou, por exemplo, se se podía considerar como corrupción o feito de que "un político contrate para traballar na Administración pública a familiares ou amigos, á marxe da súa preparación profesional". No conxunto do Estado o 74% respondeu que isto era "claramente" un "acto de corrupción". Porén, en Galicia esta porcentaxe descendía até o 63%.

O mesmo sucedía con outras situacións, como que un político ou funcionario acepte cartos dunha empresa para favorecela nun concurso público (considerado corrupción por un 89% dos españois e un 82% dos galegos). Ou que un político use o seu coche oficial para os seus desprazamentos privados (un acto de corrupción para o 53% dos españois e un 41% dos galegos). Ou que "se recualifique un terreo protexido pola Lei de Costas para xerar riqueza nun concello" (corrupción para o 75% dos españois o 59% dos galegos). Ou que un político "acepte agasallos de valor" (sinalado por un 62% en España e un 56% en Galicia).

A "non declaración" de ter recibido "agasallos de valor" era considerada en 2011 "corrupción" por un 74% dos galegos e galegas, 18 puntos por riba da cifra rexistrada dous anos antes

Dous anos máis tarde, cando o CIS realizou estas mesmas preguntas nun estudo de finais de 2011, a opinión pública, tanto en Galicia coma no resto de España era moito máis sensible a todas estas prácticas. A evolución fora moito máis salientable en Galicia, acadando cifras que achegaban a percepción dos actos de corrupción á media española. Por exemplo, a porcentaxe de galegos e galegas que identificaba como corrupción a contratación de amigos ou familiares á marxe da súa capacitación crecera catro puntos en dous anos, ata o 67%. E o mesmo sucedía coa aceptación de cartos para favorecer unha empresa nun concurso público (pasara do 82 ao 87 por cento), co uso de vehículos oficiais para actos privados (do 41% ao 51%). E, sobre todo, a "non declaración" de ter recibido "agasallos de valor", que era considerada en 2011 "corrupción" por un 74% dos galegos e galegas, 18 puntos por riba da cifra rexistrada dous anos antes. 

% de galegos e galegas que cren que a corrupción está 'moi' ou 'bastante' estendida Dominio Público Praza Pública
Percepción dunha corrupción moi ou bastante estendida no ámbito local Dominio Público Praza Pública
Percepción dunha corrupción moi ou bastante estendida no ámbito autonómico Dominio Público Praza Pública
Percepción dunha corrupción moi ou bastante estendida no ámbito estatal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.