A reforma laboral chega á loita contra o lume

Brigadistas de Medio Rural, coas súas fundas de traballo © Xunta

O Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) do pasado 2011 prevía o despregamento de 6.052 persoas nos montes no período de máximo risco, 3.013 con risco medio e 2.223 en épocas de risco baixo de lume. A apenas unha semana de que chegue o 1 de xullo e, polo tanto, de que se inicie a temporada na que o dispositivo contra as lapas se ten que poñer en marcha o volume de persoal contratado polo Goberno galego, directa ou indirectamente, é aínda unha incógnita. O Pladiga de 2012 pasou este xoves polo Consello da Xunta e, á espera de que a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, dea conta del oficialmente o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feijóo, evita confirmar unha cifra de traballadores que todo semella indicar que será rebaixada. Unha das causas principais, admite o xefe do Goberno, é a aplicación da reforma laboral.

Malia á insistencia dos xornalistas presentes na sala de prensa de San Caetano o presidente mantivo o mutismo sobre o número concreto de persoas e limitouse a reiterar a que semella ser a clave do novo despregamento. "Mantemos practicamente o dispositivo de vixilancia e extinción" e "incrementamos o carácter estrutural do operativo", di Feijóo. Isto quere dicir, explica, que "as xornadas" laborais "efectivas" do persoal no monte serán "similares ás do ano pasado", porque "a lexislación laboral do ano pasado e a deste, mudou". Así as cousas, é posible tirar a conclusión de que, para manter o dispositivo, os brigadistas que protexerán os montes e apagarán o lume cando se produza terán que realizar xornadas laborais máis longas ou descansar menos días ao longo do verán.

Feijóo evita concretar o número de persoas que traballarán nos montes galegos este verán

A única cifra concreta que ofrece Feijóo é a referida ás prazas de persoal "fixo discontinuo". Fronte ás 626 persoas contratadas con esta modalidade en 2011 desta volta serán 936 "que se veñen engadir ás 1.500 prazas destas características xa existentes na actualidade, explica a Xunta. A intención, di, é "profesionalizar" un dispositivo que, avanza, estará formado por persoas contratadas pola propia Xunta, pola empresa pública Seaga e tamén por outra compañía de carácter público, Tragsa. A incorporación de Tragsa era, precisamente, un dos temores dos representantes sindicais dos traballadores do servizo contra incendios xa que, din, contribuirá a "fraccionar" o despregamento, no canto de simplificalo para mellorar a coordinación. 

"Comprendo o interese que poden ter os de Seaga, os de Tragsa e os do Pladiga [persoal contratado directamente pola Xunta]" en coñecer a cifra concreta, di Feijóo, en cuxa opinión o cerne da cuestión é que "estamos falando dun número similar ao do pasado exercicio" no que ás xornadas laborais se refire. "Garantimos a cobertura de todos os concellos e de toda a xeografía" coa "mesma vixilancia por terra e aire", mantén, nun contexto no que ademais o "orzamento global" sobre en 1,4 millóns de euros e a prevención, di, en 3 millóns. Do mesmo xeito, di, haberá "melloras organizativas e técnicas".

Cámaras e condena os actos "vandálicos" que feriron un funcionario

O presidente censura os "actos vandálicos e violentos de persoas cheas de intolerancia" e que lle provocaron feridas a un funcionario

Dentro do capítulo de melloras técnicas introduce o presidente a instalación "por primeira vez" dun "sistema de cámaras de videovixilancia nos montes galegos". Trátase, explica, dun "sistema de control permanente" e "eficaz", "capaz de localizar os focos de lume e as fontes de calor", pero tamén "os presuntos autores dos lumes forestais". Non obstante, este sistema non estará en marcha no inicio da campaña, o 1 de xullo, xa que "nas próximas semanas" os técnicos da Xunta "irán completando o estudo" para "determinar as ubicacións óptimas" desta "arma de control e disuasoria". Descoñécese, tamén, cal será o número de cámaras e a súa ubicación: "non estou autorizado a dar esa información", aclara Feijóo.

O presidente da Xunta aproveitaba ademais as preguntas da prensa sobre o Pladiga para transmitirlle o seu apoio "ao funcionario ferido" o pasado mércores "por actos violentos e vandálicos de persoas que participaron, cheas de intolerancia, nunha concentración nas inmediacións de Seaga", di, en referencia ao lanzamento dunha bengala ao interior do complexo de San Caetano que lle causou importantes feridas a un traballador. "Puido haber lesións graves, incluso desgrazas persoais irreversible", sinala, e por iso "gustaríame que todo o mundo condenase o acontecido, especialmente as persoas que convocaron este tipo de actos, que ao final foron violentos e vandálicos". "Os culpables disto non son a maioría dos brigadistas de Seaga" que, sinala, están "avergoñados do que onte fixeron algunhas persoas que puxeron en risco a integridade física de empregados públicos que cumprían co seu traballo".

Brigadistas no incendio das Fragas do Eume © Brif de Laza, Ministerio de Agricultura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.