Superados os dous meses de folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia, con ducias de milleiros de trámites e xuízos suspendidos, con máis de dous millóns de euros en salarios perdidos polos traballadores e unha nova exhibición de forza e unidade na última manifestación, o conflito permanece enquistado.
O conflito mantense enquistado e a Xunta segue sen convocar a outra reunión; a última celebrouse hai xa dúas semanas
O Goberno galego teima en non mudar a súa actual proposta de suba de entre 135 e 105 euros ao mes para cada traballador en función da súa categoría. O comité de folga, que comezara reclamando unha suba de 225 euros, mantense no incremeno de 180 euros. Pero a última reunión celebrouse hai dúas semanas e a Xunta segue sen convocar a outra. O tempo pasa e o persoal recibe o apoio de xuíces e fiscais, que empezaron tamén coas súas reivindicacións e ameazan cunha folga a partir do 22 de maio.
Desde a Unión Progresista de Fiscais (UPF), o seu destacado membro --e anterior presidente-- Álvaro García Ortiz, responsabiliza a Xunta da pervivencia do conflito e insta o Goberno galego a que sente dunha vez. Pola súa banda, Sandra Piñeiro, coordinadora de Xuíces e Xuízas para a Democracia (XpD) en Galicia, insiste no apoio que xa amosara o seu colectivo ao paro, chama á "responsabilidade" e advirte dunha "complicada" situación que se agravará moito máis co paso dos días.
"A responsabilidade de solucionar o conflito é da Xunta que, paradoxalmente, dilata os prazos para reunirse", di Álvaro García Ortiz, da Unión Progresista de Fiscais
"Sobre quen recae a responsabilidade de solucionar o conflito é a Xunta, que é quen debe senta a negociar; no entanto, paradoxalmente, a Administración está dilatando os prazos para reunirse", explica García Ortiz, fiscal de Medio Ambiente en Galicia, que advirte que, "desde o principio da folga", o Goberno "empraza o persoal con períodos de tempo moi longos".
"Negóciase un luns e a Xunta, en lugar de volver negociar o martes, convoca o comité de folga para unha semana ou quince días despois; ademais, mantén que non vai negociar, pero sempre presenta outra proposta, polo que si hai materia sobre a que falar", explica García Ortiz, que cre que o Goberno "contradise" coas súas actitudes.
"Calquera usuario da Xustiza cre que se debe negociar ata chegar a un acordo e é o que pedimos, que a Xunta negocie e negocie todo e que as dúas partes non se levanten da mesa ata que se chegue a unha solución ou a unha ruptura", insiste quen cre que "os aprazamentos" continuos das xuntanzas "non teñen sentido".
García Ortiz cre que a Xunta dilata o conflito "para que os traballadores non aguanten" e lembra que a Xunta "aforra' cartos coa folga"
Preguntado sobre os posibles motivos desta dilatación e dos aprazamentos, García Ortiz teno claro: "Para que os traballadores non aguanten". "Son os que menos cobran da Administración de Xustiza, con soldos baixos, e cada día de folga deixan de cobrar", insiste quen lembra, tamén, que a Xunta, "entre comiñas, está aforrando cartos con cada xornada de paro". "Non sentar a negociar ten un peso moi importante porque estás a prolongar un conflito colectivo e a túa responsabilidade é rematar con el", insiste.
A Unión Progresista de Fiscais destaca que a folga "é moi dura e cun amplo seguimento" entre os traballadores
Respecto dos efectos da folga, desde a UPF advirten que "foi moi dura e cun amplo seguimento", o que provoca "a case total paralización de todos os servizos" e un atasco que será "aínda pero máis adiante". No fondo, segundo García Ortiz, o conflito encádrase nun problema xeral: "A Xustiza non é prioritaria para ninguha administración". E lembra que os letrados irán á folga en xuño, que xuíces e fiscais xa empezaron as protestas ou que no territorio Ministerio xa se prepara unha folga parecida á galega. "O orzamento que se dedica no Estado á Xustiza non chega nin ao 0,7% e ese dato explica bastante ben todo", remata.
Da mesma opinión é Sandra Piñeiro, coordinadora de XpD en Galicia, que recorda que maxistrados e fiscais xa se uniron nunhas reclamacións que poden acabar o vindeiro 22 de maio cunha folga indefinida tamén. "Reclamamos melloras na nosa situación, maior independencia ou máis medios... Somos a administración máis pobre dentro dos servizos públicos", coincide.
Xuíces e Xuízas para a Democracia reafirma o seu "apoio e solidariedade" ás reivindicacións do persoal de Xustiza
Así, Xpd aclara que "non modifica" a postura expresada hai xa unhas semanas respecto da folga do persoal de Xustiza, á que amosara o seu apoio e "solidariedade" coa súa loita para que sexa "dignamente retribuído". "As súas peticións son xustas", insiste Piñeiro, que fai tamén unha "chamada á responsabilidade" ás dúas partes para "chegar a un acordo o antes posible". "Canto máis se alongue, máis complicado vai ser", advirte.
Así, asegura que a situación é "moi complicada" ao estarse "atrasando milleiros de xuízos", o que incie no "atasco" dalgunhas xurisdicións. "Cando o conflito finalice, a situación seguirá moi complicada porque hai que poserse ao día e non sabemos como se vai afrontar ou solucionar iso", di quen cualifica de "preocupante" a cantidade de expedientes sen resolver e, sobre todo, a situación en xulgados de instrución como no que ela traballa. "Pode haber situacións nas que non se complete a instrución", conta.
E mentres as advertencias e chamadas ao diálogo continúan, a Xunta segue sen convocar os traballadores para reunión ningunha. Este mesmo luns, o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, volveu pedir aos sindicatos que "consideren" a última oferta e asegura que a Administración segue "aberta ao diálogo".
Ademais, Vicepresidencia reduce o seguimento do paro ao 29% neste luns, asumindo no entanto que case 800 persoas continúan sen acudir ao seu posto de traballo, cifra á que habería que engadir 174 con baixa xustificada e 775 que participaron nos servizos mínimos.