A trama Zeta anotou agasallos para Feijóo e altos cargos da Xunta

Listaxe de agasallos atopada pola Policía nos ordenadores de Azetanet CC-BY-SA Praza Pública

"Permanente concorrencia de relacións entre Gerardo Crespo con políticos e funcionarios especialmente relacionados coas subvencións e adxudicacións" das que o seu grupo empresarial "podía ser e era destinatario". Así resume a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Policía Nacional os "constantes" contactos do empresario coruñés que presuntamente, liderou a fraude de subvencións da Operación Zeta. A investigación resalta a "importancia" desta "relacións de confianza con políticos e funcionarios locais e da Xunta" para obter subvencións que, na súa maior parte, ían parar ao seu peto. Se cadra por iso Crespo e as súas empresas coidaban os seus contactos con agasallos e mesmo sumas de cartos en metálico.

Segundo consta en informes incluídos no sumario do caso, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, os axentes atoparon nos ordenadores de Azetanet, unha das empresas de Crespo claves na suposta trama fraudulenta, unha folla de cálculo na que, baixo o nome regalo clientes, se anotaban os agasallos a distribuír entre diversos cargos da Xunta e do PP co gallo do Nadal de 2010. A lista está encabezada pola conselleira de Traballo, Beatriz Mato, quen un ano antes fora nomeada Coruñesa del año por unha das asociacións de Crespo. A Mato, segundo esta listaxe, corresponderíalle "lotaría" máis un bolso que lle serían remitidos á súa casa.

A Policía resalta a "importancia" da "confianza" de Crespo con "políticos e funcionarios" para obter contratos e subvencións

A lotaría é o obsequio máis común nunha lista na que, non obstante, a determinadas persoas se lles asigna, como á conselleira, un agasallo adicional. A Joaquín Vila, na altura xefe de servizo de Emprego na Consellería, corresponderíalle tamén unha cesta de Nadal -Vila declarou hai escasos días que Crespo enviaba "constantemente" agasallos pero que non influían na súa acción na Xunta-, o mesmo que a Odilo Martiñá, director xeral de Traballo ata o pasado setembro. Xunto á lotaría, sempre segundo esta lista, enviouse "viño" para o presidente de La Voz de Galicia, Santiago Rey, e un xamón para unha persoa identificada como "Manolo Barral", da que non se especifica responsabilidade.

Os envíos unicamente de lotaría foron, segundo a investigación, moito máis numerosos e chegaron dende ao presidente da Xunta ata ao alcalde da Coruña, na altura na oposición, Carlos Negreira. Igualmente, figuran como receptores Diego Calvo, actual presidente da Deputación coruñesa, José Manuel Álvarez Campana, que na altura dirixía Portos de Galicia, e outros cargos e xefes de servizo da Consellería de Traballo.

Os presuntos pagamentos ao PP

Estes e outros agasallos de maior valor económico -sufragados, cando menos en parte, coa "caixa B" de Crespo, segundo os investigadores- eran empregados por Crespo como unha vía máis para tentar "remover os obstáculos" que se lle presentasen para obter cartos públicos. A Policía ve de "especial interse no ámbito penal" as "evidencias" de que "algúns" destes "políticos e funcionarios" recibían "cantidades económicas ou agasallos" mentres, paralelamente, eran "presuntamente amañados" varios "concursos públicos" para outorgarlle adxudicacións a Crespo.

A contabilidade de Azetanet reflicte 17.000 euros pagados aos populares, 15.000 deles "dúas semanas antes" das xerais de 2011

Neste contexto, os axentes ven claro que Gerardo Crespo "daba conta a responsables políticos dun partido ou doutro da súa participación" nos concursos e convocatorias de subvencións, xa fose "de maneira directa ou meidante a intermediación de persoas, ás que encargaba a realización de xestións con responsables do Partido Popular, remunerando a execución das mesmas". Así, a Policía observa na contabilidade de Azetanet "anotacións do pagamento de importes económicos a responsables públicos encargados da concesión e control de subvencións, así como o abono en metálico dunha cantidade cifrada en 17.000 euros ao PP", dos cales 15.000 foron presuntamente pagados "dúas semanas antes das últimas eleccións xerais", en 2011.

Imaxe dunha das cestas de Nadal, atopada nos ordenadores de Azetanet CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.