A UE endurecerá o control para evitar atascos na AP-9

Vehículos detidos a máis dun quilómetro da peaxe de Teo, preto de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europa está a preparar unha normativa para obrigar ás concesionarias de autoestradas a cumprir a directiva que xa en 2004 impuña aos Estados a obriga de que cando menos a metade do tráfico aboase as peaxes con dispositivos telemáticos. Así o vén de anunciar Compromiso por Galicia (CxG), logo de que así se lle comunicase á súa formación en resposta a unha pregunta formulada ante a Comisión Europea e realizada pola eurodeputada Izaskun Bilbao, do PNV, partido co que a formación galeguista acudiu en coalición ás últimas eleccións europeas.

"A medida é básica, pero iremos máis aló porque os usuarios seguimos nunha situación de indefesión", di Paulo Carlos López

"Esta medida é básica para evitar os atascos que vivimos na AP-9 durante o verán, pero imos ir máis aló, xa que os usuarios seguimos nunha situación de indefensión”, asegurou o secretario de iniciativas políticas no Parlamento Europeo de CxG, Paulo Carlos López.

Neste sentido, Compromiso por Galicia vén de respostar cunha nova pregunta a esta información da comisión, “na que nos interesamos polas medidas que poden adoptar os condutores para compensar este flagrante incumprimento para parte de Audasa”. En concreto, sobre os prazos que manexa a Comisión para redactar a súa nova iniciativa sobre peaxes, e pregunta se “é posible unha suspensión ou rebaixa da peaxe en caso de saturacións previsibles en áreas de pago”, apunta López.

Ademais, Izaskun Bilbao interésase sobre se as reclamacións puideran ampararse na Directiva sobre Dereitos dos Consumidores 2008/0614 (art 30-38) e as previsións para “castigar as neglixencias das concesionarias na prestación dos servizos descritas na lexislación dos Estados”.

A Comisión tamén está analizando unha nova iniciativa para fomentar aínda máis a telepeaxe baseada na distancia percorrida

O xa ex comisario de transportes recorda que os Estados membros nos que se producen estes problemas están incumprindo claramente o artigo 2, apartado 5, da Directiva 2004/52/CE, “que impoñía aos Estados membros a obriga de velar por que polo menos o 50 % do tráfico que pase por cada área de peaxe poida utilizar sistemas de telepeaxe”, apunta López.

A Comisión tamén está analizando unha nova iniciativa para fomentar aínda máis a telepeaxe baseada na distancia percorrida. Con iso responde á petición que lle formula o Parlamento no seu informe sobre un plan estratéxico para un servizo europeo de telepeaxe e un sistema de viñeta para vehículos particulares lixeiros en Europa (o denominado informe Higgins).
 

Fileiras de vehículos na peaxe da AP-9 en Teo CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.