O proxecto de hospital tecnolóxico para Ourense 2050, financiado con cargo a fondos comunitarios, non está aprobado pola Comisión Europea. O centro hospitalario, chamado a ser una referencia en Europa, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non conta co visto bo de Bruxelas, tal e como se desprende dunha comunicación oficial asinada polo comisario de Política Rexional, Johannes Hahn.
O comisario de Política Rexional, Johannes Hahn comunicou que“os proxectos Innova Saúde e Hospital 2050 aínda non recibiron o apoio da UE no marco do programa operativo FEDER 2007-2013 para España”
Esta comunicación, emitida o 30 de marzo de 2012, e á que tivo acceso Praza Pública, sinala que “os proxectos Innova Saúde e Hospital 2050 aínda non recibiron o apoio da UE no marco do programa operativo FEDER 2007-2013 para España”. O mesmo escrito, sen embargo recoñece que “a Dirección Xeral de Transferencia de Tecnoloxía e Desenvolvemento Empresarial e o Sergas están negociando a axuda a estes dous proxectos”. A declaración do comisario Hahn remata dicindo que “Se as negociacións en curso conclúen con éxito, os detalles publicaranse na base de datos oficial da UE”. De resultar finalmente aprobado sería a primeira vez que a Unión Europea destina fondos de cohesión á construción dun centro sanitario.
Porén, o presidente da Xunta anticipouse e anunciou o pasado 15 de decembro un calendario de actuacións e compromisos concretos. Feijóo, ao remate dun Consello da Xunta, celebrado na capital das Burgas, e acompañado pola daquela conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, sinalou que o centro sería unha realidade no 2013. Durante a rolda de prensa ofreceu datas concretas para detallar o procedemento administrativo e deu conta do orzamento que alcanza os 90 millóns de euros.
De cumprirse o calendario marcado polo titular do Executivo galego este mes de marzo debía estar adxudicado o proxecto, para comezar as obras un ano despois, aínda que segundo distintas fontes consultadas por Praza só está licitada a redacción
De cumprirse o calendario marcado polo titular do Executivo galego este mes de marzo debía estar adxudicado o proxecto, para comezar as obras un ano despois, aínda que segundo distintas fontes consultadas por Praza só está licitada a redacción.
Os grupos da oposición solicitaron información sobre a execución da obra e de momento non recibiron ningunha resposta por parte da consellería. Só o deputado Miguel Santalices lles asegurou que xa contaban con 20 millóns de euros, aínda que non aclarou a súa procedencia, nin tampouco a onde foron ou van ir destinados.
Progama INNOVA Saúde
O programa Innova Saúde, que ten como finalidade promover a realización de proxectos de innovación na prestación de servizos asistenciais e conta con financiamento europeo, pode ser desnaturalizado por parte do goberno galego. Segundo puido saber Praza, a actual conselleira, Rocío Mosquera, presentará o luns próximo na Cidade da Cultura o desenvolvemento deste programa.
Os profesionais temen que a conselleira aproveite para presentar o anel radiolóxico, co que se dotarían aos hospitais comarcais de terminais informáticas para o envío de distintas probas feitas por técnicos de raios sen a presenza do médico
Distintos profesionais da saúde consultados por Praza temen que a conselleira aproveite para presentar o anel radiolóxico, co que se dotarían aos hospitais comarcais de terminais informáticas para o envío de distintas probas feitas por técnicos de raios sen a presenza do médico, coa conseguinte eliminación de prazas para facultativos especializados.