A UE "premia" a xestión de axudas na Deputación de Lugo cun novo investimento

Acto dun dos programas financiados pola UE CC-BY-SA Deputación de Lugo

En tempos de estreiteces e recortes cando menos unha administración pública galega vai dispoñer de máis cartos dos que contaba. A Deputación de Lugo vén de facer público que a Unión Europea "premiou" a súa "xestión" das axudas que vén recibindo e faino "cun novo investimento de 1,4 millóns de euros" que, segundo avanza o presidente da institución, José Ramón Gómez Besteiro, serán dedicados "á xeración de emprego, a nosa máxima prioridade".

O 'premio' das autoridades comunitarias é, en rigor, o reparto dos remanentes que quedaron da convocatoria das axudas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, unha distribución que se realiza baseándose "nos resultados dos proxectos de desenvolvemento local e urbano das entidades locais" que se beneficiaron neste fondo durante o ano 2007. A Deputación luguesa, subliña Besteiro, é "a entidade local de Galicia que máis remanentes recibe".

A UE reparte estes cartos baseándose na xestión de axudas anteriores

Para o ente provincial lucense este recoñecemento é resultado da "reorientación das políticas da Deputación, apostando polo campo, o medio ambiente e as novas tecnoloxías", a cal "fixo posible captar máis de 20 millóns da UE" no devandito ano 2007. Eses cartos serviron para iniciar programas como Lug02, Innova-TE ou o Pacto Provincial polo Emprego, que deron como resultado, entre outros proxectos, unha plataforma de comercio electrónico, marcas de calidade para establecementos e produtos, a extensión da banda larga ou a inserción "de 700 desempregados" no mercado laboral.

Acto dun dos programas financiados pola UE CC-BY-SA Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.