A vaga expansiva de Conde Roa some no descontrol o Concello de Santiago

Conde Roa entrégalle o bastón de mando a Currás © Concello de Santiago

"Hoxe hai en Compostela un ciclo político que se acaba, uns gobernantes cuxo horizonte é a resistencia, e unha parella mal avida que se limita a soportarse". "Todo iso é dabondo para unha cidade que se conforma, non para unha sociedade que segue camiñando, por iso en Santiago hai que pasar páxina e darlle entrada a un aire novo". Estas reflexións, que ben poderían saír na actualidade dun membro da oposición municipal en Compostela, escoitáronse o 11 de maio de 2011 nun hotel da capital de Galicia. Quen as pronunciaba era Alberto Núñez Feijóo que, nun acto electoral, pedí ao voto para Gerardo Conde Roa, un candidato con "experiencia, ideas e, sobre todo" un aspirante para quen "ser alcalde" non é "un oficio estable, senón un reto apaixonante". Menos de dous anos despois aquelas verbas poderían ser consideradas premonitorias, pero cuns protagonistas ben diferentes.

As críticas que o líder conservador lles lanzaba daquela a PSdeG e BNG son as mesmas que, con matices, recibe agora o PP local, que ostenta o goberno no Concello con maioría absoluta, gañada por algo menos de vinte votos. Tras aquelas eleccións Conde Roa logrou o bastón de mando e, efectivamente, a Alcaldía non foi para el un "oficio estable". Non en van, nove meses despois abandonaba o poder pola porta de atrás, empurrado polas súas débedas con Facenda, que contraera por financiar a súa empresa con cartos que lle cobrara á clientela en concepto de IVE. Podería "resistir" pero Santiago "non merece un alcalde que estea na situación na que estou", declaraba ante a prensa ao anunciar a dimisión, o 16 de abril de 2012.

Con Conde Roa fóra de xogo, todas as olladas se dirixiron a quen era considerada a súa substituta natural, Paula Prado

Co alcalde fóra de xogo todas as olladas se dirixiron a quen era considerada a súa substituta natural, a edil e tamén deputada Paula Prado, quen fora número dous na candidatura municipal e quen ademais semellaba lanzada cara á cadeira da Alcaldía no caso de que a controversia política, económica e persoal do seu xefe de filas rematase en dimisión. Pero Conde Roa xogou as súas cartas na sucesión ante Alberto Núñez Feijóo. El marchaba, pero facíao deixando no posto non a Prado, senón ao edil de Educación e ex xerente da Cidade da Cultura, Ángel Currás. Ese foi o pacto e, malia á precariedade dos seus apoios no seo do grupo municipal do PP, Currás tomou posesión como novo rexedor o 17 de abril.

Sen erguer entusiasmo ningún entre os propios e moito menos entre os alleos, o baixo perfil político de Currás permitiulle ir navegando dende o poder local ata o 3 de xaneiro deste ano, cando a xuíza Pilar de Lara o convocou a declarar no seu xulgado de Lugo en calidade de imputado na operación Pokémon. A maxistrada cre que Currás podería ter beneficiado a empresa Vendex, centro da investigación, na adxudicación dunha escola infantil xestionada por unha das súas filiais. Despois de coñecerse a imputación o rexedor descartou deixar o posto. Fíxoo nunha rolda de prensa na que só estivo apoiado por catro dos doce edís que, ademais del mesmo, forman o grupo municipal popular.

 

Perda de apoios e declaración

Coa posición política de Currás aínda máis debilitada chegou o día da declaración, fixada para este xoves, 17 de xaneiro. Antes de partir a Lugo o rexedor compostelán almorzou coa noticia de que La Voz de Galicia defendía a existencia dun informe amañado sobre pagamentos á filial de Vendex por parte do Concello. Segundo esa mesma información, Currás supostamente tentara forzar que Rebeca Domínguez, a concelleira que o substituíu como responsable municipal de Educación, asinase ese documento, pero ela negouse.

Currás asegura que non pensa en dimitir malia á febleza política que implica a falta de apoios internos

Malia todo isto, tras prestar declaración Currás explicoulles aos xornalistas que agardaban por el que "xa manifestei no seu día que considero que non fixen ningunha irregularidade, nin nada que sexa delitivo". "Teño a conciencia tranquila" e por iso "non me planteo dimitir", explicou. Pouco antes, dende Compostela, Feijóo amosábase "convencido" de que o alcalde ía "poder explicar as cousas" ante a xuíza e recomendáballe declarar "con intensidade, con tranquilidade e dicindo a verdade de todo o que lle pregunte". "O partido -subliñaba- actuará en consecuencia unha vez que teñamos coñecemento do alcance e contido desa declaración" ou, o que é o mesmo, unha vez que se soubese se a xuíza impuña ou non medidas cautelares, algo que finalmente non sucedeu.

En calquera caso, Feijóo defende que "o goberno de Santiago está funcionando" e os seus responsables "están gobernando". Así e todo, no entorno do presidente non se oculta a preocupación polo bloqueo institucional do Concello da capital, logrado por primeira vez polo PP tras case tres décadas de intentos fallidos. A continuidade de Currás, cuxa febleza política está acentuada coa imputación, pode derivar nun enfrontamento aínda maior no PP local. A súa marcha implicaría o inédito episodio de que a cidade teña tres alcaldes do mesmo partido en menos de dous anos.

Currás fai acenos durante a toma de posesión de Conde Roa, en xullo de 2011 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.