A vitoria da liña oficialista en Podemos facilita a confluencia nas mareas

Asemblea de Podemos en Ferrol, o pasado mes de xuño Dominio Público Podemos Ferrol

A vitoria das listas e os candidatos afíns á dirección estatal de Podemos nas principais cidades galegas parece favorecer o camiño para a consolidación das candidaturas cidadás nas urbes do país de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Xa en outubro, a proposta de "apoiar e implicarse" nas iniciativas municipalistas que respecten os valores do partido foi elixida maioritariamente nas eleccións internas a nivel estatal nas que o equipo de Pablo Iglesias tamén resultou vencedor. A nova formación non se presentaría co seu nome.

Agora, constituídos os órganos locais, o apoio en Galicia a esta postura e á intención de implicarse nos movementos de unidade popular é tamén a maioritaria e as diferentes mareas ou proxectos de confluencia xurdidos agardan o momento de comprobar a dispoñibilidade dos círculos da formación a diluírse nestas plataformas.

Marea e Gañemos en Vigo son as dúas opcións para confluír nunha lista cidadá

En Vigo, son varias as iniciativas cidadás, aínda que a Marea de Vigo  e Gañemos parecen as máis asentadas. Unha e outra esperan chegar a un acordo para que ambas as dúas conflúan nunha soa, esa que apoiaría Podemos na cidade sempre que se cumpran uns requisitos que se repiten no resto dos casos: listas abertas, transparencia e voto directo. O equipo de Claro que Podemos e o novo secretario xeral da formación na cidade, José Manuel Prieto, teñen claro que iso sería o ideal.

Tamén parece que se chegarán a un acordo na Coruña. Membros do círculo de Podemos na cidade xa participaban de maneira individual nalgunhas xuntanzas da Marea Atlántica, que polo momento conta cun amplo apoio e disposición para unha lista de confluencia cidadá por parte de diversos partidos políticos e formacións. A lista de Claro que Podemos, tamén vencedora na urbe, xa amosou a súa intención de apoiar e se diluír na Marea e o produtor de cine Pancho Casal, un dos elixidos para o consello cidadán, xa manifestara en Praza. "Nós proporemos esa confluencia e eu sería partidario de confluír na Marea Atlántica sempre que se cumpran uns mínimos cos que creo que todos estamos de acordo", dixera.

A aposta das novas direccións de locais na Coruña e en Ourense é confluír coa Marea Atlántica e Ourense en Común

E en Ourense, onde os afíns a Podemos tamén ocupan o consello cidadán, o obxectivo é que sexa Ourense en Común a plataforma cidadá que aglutine esa marea de confluencia. A intención é que as reunións entre a dirección local da formación que lidera na urbe Alfonso Víctor Ferreiro e o proceso de converxencia se reunan nas vindeiras semanas.

En Lugo, onde o agromar de mareas e plataformas cidadás non tivo tal efervescencia e onde Javier Filgueira foi o único candidato, tamén se intentará confluír nunha agrupación cidadá. O mesmo en Pontevedra, onde a Marea alí formada pelexa nunha situación moito peor ante a fortaleza do goberno do BNG de Lores.

En Compostela, aínda que non baixo o nome de Claro que Podemos, a lista liderada por Víctor Casas tamén apoia as principais teses de Pablo Iglesias e do seu equipo. De feito, considérase unha das opcións oficialista máis. Compostela Aberta é a opción na capital galega para unha lista cidadá á alcaldía, unha posibilidade que tamén se terá que abordar na organización local en Ferrol, onde os resultados aínda non son definitivos á espera de que se resolva a investigación que está a realizar o partido ante a detención de posibles irregularidades.

Asemblea de Podemos na Coruña Dominio Público Podemos A Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.