A voz da oposición volve minguar no Parlamento

Un intre do pleno de investidura © Parlamento de Galicia

Facer do Parlamento o "centro da vida política" ou mesmo a "caixa de resonancia" dos problemas da cidadanía dende o respecto á "pluralidade". Estes son algúns dos lugares comúns máis estendidos e repetidos nos argumentarios das forzas políticas que teñen ou tiveron a responsabilidade de dirixir a Cámara galega por ostentaren a maioría de escanos nel. A concreción destas promesas variou en función dos tempos e das persoas pero, en xeral, estes principios adoitan estar no caixón das materias pendentes, especialmente no que atinxe ao respecto á "pluralidade" ou, o que é o mesmo, ás voces diferentes á da forza ou forzas que sustentan o Goberno. Isto vén de acontecer de novo, paradoxalmente no incio dunha lexislatura no que o arco parlamentario foi ampliado -de tres a catro forzas- por primeira vez na última década.

A irrupción de AGE no lexislativo levou ás restantes forzas e moi especialmente ao PP á aposta por mudar, cando menos parcialmente, as regras do xogo. Coa reforma do Regulamento eternamente adiada todo o que signifique interpretar as normas parlamentarias nun sentido estrito ou flexible depende unicamente da vontade do grupo maioritario e así está a contecer outra vez. Antes da celebración do primeiro pleno ordinario do mandato, que comeza este martes, a Mesa -órgano reitor da Cámara- e a Xunta de Portavoces -na que están representados todos os grupos- trataron o número de iniciativas que van a cada sesión plenaria e o xeito de discutilas. E a resultante foi unha retallada á voz da oposición.

Nas interpelacións ao Goberno fica suprimida a quenda de posicionamento dos grupos distintos do interpelante

Sen ningunha comunicación institucional ao respecto a primeira información oficial do acordado chegaba este luns por boca do voceiro do PP, Pedro Puy. O conservador detallou ante a prensa que "o que fixemos foi manter o cupo das iniciativas de impulso", isto é, das proposicións non de lei (PNL) -dúas por grupo en cada pleno-. Non obstante, para a súa discusión recórtanse os tempos: os voceiros terán cinco minutos para posicionarse sobre a iniciativa "en vez dos 10 de antes" e a persoa autora da PNL pechará o debate en tres minutos e non en cinco, coo ata agora. 

Pero xunto a este axuste, que podería ser considerado máis técnico, chegou outro de matiz máis político aplicado á figura parlamentaria das interpelacións, isto é, a iniciativa mediante a cal os grupos cuestionan un membro do Goberno sobre un tema concreto dunha certa entidade. A práctica habitual nestas iniciativas consistía en que o grupo interpelante cuestionaba o conselleiro ou conselleira que correspondese, este respondía e, a continuación, o resto de grupos posicionábanse sobre a cuestión. Deste xeito interpretábase o Regulamento no seu sentido máis amplo, xa que a normativa di que "despois da intervención de interpelante e interpelado, poderá facer uso da palabra un representante de cada grupo parlamentario agás daquel do que proceda a interpelación, por termo de dez minutos para fixar a súa posición". Pero isto non acontecerá.

Só se poderán incluír tres interpelacións por pleno, aínda que o Regulamento permite ata dúas por grupo

As restricións tamén chegan ao número de interpelacións por pleno; mentres que o Regulamento di que "en ningunha orde do día se poderán incluír máis de dúas interpelacións dun mesmo grupo parlamentario", Puy confirma que unicamente se tratarán "tres por pleno", distribuídas entre os grupos en función da súa representatividade. Segundo o popular este foi o único punto de discordancia entre a oposición, xa que "BNG e AGE solicitaron que constase en acta que eles solicitaban que tivesen máis capacidade de interpelar". Así e todo, outras fontes parlamentarias ratifican que especialmente pola banda de AGE -representada na xuntanza por Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz- se manifestou o fondo desacordo coa eliminación da quenda de posicionamento.

Os outros 'recortes'

As restricións nas interpelacións non son a primeira medida que limita a capacidade dos grupos para controlar ou cuestionar o Goberno, tanto na lexislatura acabada de comezar como nas precedentes. Así, como vén informando Praza Pública, é práctica habitual que o PP rexeite sistematicamente todas as comparecencias de membros do Executivo que solicita a oposición, xa sexa en solitario -só o PSdeG ten, polo seu número de deputados, a capacidade regulamentaria para facelo- ou agrupada. Mostra disto é que o presidente da Xunta non comparece fóra das sesións obrigatorias dende xullo de 2010. Ademais, no inicio do novo mandato, os conservadores evitan que os conselleiros e conselleiras acudan a explicar as liñas mestras do seu mandato ata, cando menos, o mes de febreiro -a explicación é que antes cómpre tramitar os Orzamentos-.

PSdeG e BNG non recibiron seis de cada dez documentos que lle reclamaron ao Goberno na pasada lexislatura

Con todo, non só as reformas normativas e as reticencias a comparecer reducen a marxe de manobra da oposición. Tamén as reticencias do Goberno para facilitarlles aos grupos os documentos que lles piden. Así, segundo os datos oficiais do Servizo de Asistencia Parlamentaria, ao longo da pasada lexislatura PSdeG e BNG non recibiron seis de cada dez documentos que lle reclamaron ao Goberno, aínda que este ten a obriga de achegárllelos ou, en caso contrario, de xustificar xuridicamente a imposibilidade de facelo. Todas estas prácticas semella ademais que non mellorarán nesta lexislatura, na que por primeira vez en lustros a Mesa é bipartita, con tres membros do PP e dous do PSdeG.

Reunión da Xunta de Portavoces, coa oposición en primeiro termo © Parlamento de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.