A nova xestora do PSOE vén de retirar á do PSdeG as competencias para convocar primarias e un congreso nacional en Galicia. A dirección galega recibiu este pasado martes a notificación de Ferraz na que se lle informaba de que quedaba sen estes poderes, tal e como lle confirmaron a Praza fontes da formación galega.
Ferraz retira ao PSdeG as competencias para convocar primarias e un congreso en Galicia
A guerra interna que abrangue todo o socialismo -e que conta cos seus declarados bandos en Galicia- afecta agora de cheo a xestora provisional, que desde o pasado marzo dirixe o partido no país ao mando de Pilar Cancela e tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro. A tamén provisional dirección estatal, dirixida por Javier Fernández logo da marcha de Pedro Sánchez, manobra para controlar as federacións menos afíns e vén de dar un primeiro paso coa galega, á quen retira a potestade pola que foi basicamente creada.
Segundo fontes de Ferraz, a dirección do PSOE decidiu tamén este pasado martes prorrogar todas as xestoras, pola que a do PSdeG manterase ata que se celebre un congreso federal. Dous meses despois, celebraríase o congreso nacional en Galicia, pero desde a xestora estatal decidiron antes retirarlle as competencias para evitar que as primarias e o congreso nacional se adianten. Revogaron así unha resolución federal que, tras a dimisión de Besteiro, lle aribuía a Galicia esa capacidade.
A dirección do PSOE prorrogou todas as xestoras para mantelas ata que se celebre un congreso federal
Desde a dirección do PSdeG sospéitase que as intencións de Ferraz son controlar antes a dirección e colocar nela os seus afíns, atendendo así as peticións continuas de dimisión ou de disolución da dirección galega actual por parte dos críticos. Ademais, lembran que Pilar Cancela xa pediu hai semanas unha reunión con Fernández que non lle concederon. "A xestora naceu precisamente para organizar e acabar convocando un congreso e primarias; o que fan é quitarnos xustamente esa función, a razón de ser", engaden fontes socialistas. En definitiva, deixan sen apenas funcionalidade unha dirección xa minorada polas críticas internas e os malos resultados electorais.
Coñecida xa a noticia, a comisión xestora do PSdeG emitiu un comunicado no que confirmaba ter recibido esa resolución do PSOE asinada por Ascensión Godoy Tena, adxunta á Área de Organización da xestora en Ferraz, na que se lles trasladaba "a decisión de deixar sen efecto a competencia atribuída para poder convocar o congreso, e polo tanto as primarias, para elixir unha nova dirección do partido en Galicia".
A dirección galega insiste en celebrar primarias e congreso "a maior brevidade posible" pero Ferraz non permite facelo ata que se celebre o congreso federal
Ademais, lembran que desde que se constituíra a xestora federal solicitaron unha entrevista co seu presidente, Javier Fernández, para "consensuar e coordinar unha folla de ruta para a renovación dos órganos e a elección dunha nova dirección". A posición da dirección galega, din, segue a ser "poder celebrar unhas primarias e un congreso á maior brevidade posible".
"É unha posición que reiteramos", indican, tras advertir que a resolución federal advírtelles que “non procede celebrar” o congreso do PSdeG “ata a celebración do proceso congresual federal”. Ante isto, a xestora galega "reitera" a "absoluta necesidade de ter canto antes a reunión con Javier Fernández". "Para que nos informe das previsións de prazos e o procedemento establecido para poder darlle voz á militancia tanto en España como en Galicia e abrir os necesarios procesos congresuais", rematan.
A actual xestora do PSdeG está composta por Pilar Cancela, Luis Ángel Lago Lage, Manuel Mirás, Margarita Iglesias,Modesto Pose, Concepción Burgo, Ramón Alonso e Bibiana Iglesias.