A xuíza atráncalle a Feijóo o ventilador da Pokémon

Feijóo, con Rey Varela nun acto institucional © Xoán Crespo

Hai apenas dúas semanas a cúpula do PP galego, co presidente da Xunta á fronte, viña de executar o seu enésimo golpe de efecto. En pleno colapso do goberno municipal compostelán Alberto Núñez Feijóo deu en enviar un dos seus homes fortes, Agustín Hernández, a tentar poñer orde no caos de dimisións e condenas xudiciais que teñen a súa orixe, directa ou indirectamente, na operación Pokémon. Coa operación acaba de realizar o xefe do Executivo tivo que acudir á sesión de control parlamentario para, nunha das intervencións máis iradas dende que está á fronte da Xunta, disparar contra todos os grupos da oposición e esixirlles responsabilidades pola presunta trama corrupta. O líder da dereita activaba así un ventilador político no que o seu partido tentaba erguer a bandeira da exemplaridade, a mesma que a xuíza Pilar De Lara lle vén de arriar coa imputación por suborno do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.

Mesmo antes de iniciar a operación Hernández Feijóo xa tentou repartir responsabilidades. Tres días despois da condena por prevaricación para 7 dos 13 edís do PP compostelán Feijóo proclamaba dende o atril do Consello da Xunta que a "prioridade" era "non caer na situación do Concello de Lugo ou de Ourense". El, afirmaba ante as preguntas da prensa, "simplemente" se limitaba a "recordar" que nestas cidades "hai alcaldes varias veces imputados, con membros das corporacións tamén imputados, que levan durante anos proclamando a súa inocencia e tomando as decisións de continuar no cargo de forma evidente, dado que continúan e seguen continuando dende que se coñece a súa imputación".

Tras a designación de Hernández en Santiago o presidente puxo o foco nos alcaldes de Lugo e Ourense

A petición implícita de dimisión para os socialistas Xosé López Orozco e Agustín Fernández fíxose aínda máis evidente na devandita sesión parlamentaria, na que retou a PSdeG e BNG a "dar a cara" para propiciar o cesamento dos "imputados" Orozco e Fernández. Trátase, di, de aplicar a "política limpa" que defende o PP. Nos días seguintes o presidente mantivo o foco nos "alcaldes imputados" de Lugo e Ourense aínda que el, afirma, non se "escuda" nas "miserias alleas". Para o presidente estes casos son diferentes de, por exemplo, do número dous do Concello da Coruña, Julio Flores, tamén imputado na Pokémon. Obvia, ao tempo, a situación do rexedor do Carballiño, Argimiro Marnotes, igualmente imputado no caso. En calquera caso, a última providencia da maxistrada De Lara deixa esta pólvora política mollada para unha temporada.

Rey Varela nega que recibise 3.000 euros de Véndex

Mentres Feijóo segue de viaxe oficial en Alemaña quen ademais de alcalde de Ferrol é presidente da Fegamp e un dos homes de confianza do presidente segue a tentar xestionar a treboada política na que se atopa inmerso tras a súa imputación, vinculada, segundo fontes xurídicas, ao presunto pagamento de viaxes por parte de Véndex e, segundo transcendeu este martes, ao presunto cobramento de 3.000 euros por parte desta mesma empresa na súa etapa como concelleiro da oposición. As sospeitas, segundo recolle El País, proceden dun informe de Vixilancia Aduaneira que data esa entrega en días previos ás eleccións municipais de 2011 e sinala como receptores de cartos tamén ao presidente do PP de Lugo e voceiro do PP no Senado, José Manuel Barreiro (5.000 euros), José Luis Baltar (6.000 euros) o coruñés Julio Flores (5.000 euros), edís socialistas da Coruña e de Ferrol e do BNG na Coruña e Ourense.

Vixilancia Aduaneira recolle presuntos pagamentos de Véndex a Rey Varela, Barreiro, Baltar e edís de PSdeG e BNG

Neste contexto, Rey Varela asegura que "nunca" recibiu "nada" de Véndex se ben, en declaracións á prensa nun acto do Concello, admitiu que a súa "imaxe" e a cidade sofren un "dano grave" coa imputación, que "supón unha situación non desexable para ninguén". Así e todo, o alcalde ferrolán, que non confirma nin desmente se falou co presidente da Xunta tras a súa imputación, agarda que "este feito" non "merme" a "confianza" da cidadanía nel, toda vez que o seu "único patrimonio" é a "credibilidade". Mentres reitera que o Concello non ten na actualidade ningún vínculo contractual con Véndex os responsables locais de Esquerda Unida e BNG xa avanzan que esixirán a súa dimisión se, tras declarar o luns ante a xuíza, segue imputado.

O presidente, este martes en Alemaña co presidente de Seat © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.