Xiro de relevancia na Operación Zeta, a investigación da presunta fraude en subvencións de cursos de formación que se vén instruíndo nun xulgado da Coruña. A maxistrada instrutora do caso vén de emitir un auto no que amplía en vinte e cinco nomes a lista de persoas investigadas -antigas imputadas- e entre eles figura o de Francisco Ramón de Lucas, Pachi de Lucas, o considerado 'conseguidor' da trama, a quen o principal, imputado no caso, Gerardo Crespo, situou no "círculo íntimo" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e en torno a quen a xuíza investiga dende o pasado marzo. Xunto a el, pasan a ser investigados os dous anteriores directores xerais de Formación e Colocación da Xunta: Pastor Fuenteseca, do bipartito, e Ana María Díaz, do PP.
Segundo o auto, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, están "confirmados con rotundidade" os "indicios" da policía que apuntaban a que Pachi de Lucas é o presunto autor dun delito de tráfico de influencias. Así, a maxistrada dá por constatado que as entidades de Crespo realizaban pagamentos regulares a De Lucas para intermediar con cargos políticos do PP.
Nomeadamente, a xuíza cita "unha mensaxe telefónica" na que De Lucas "informa a Gerardo [Crespo] dunha cita concertada para el" e para outra membro da súa entidade, Azetanet, "no despacho de Ana Pastor", actual ministra de Fomento en funcións, na sede do PP na rúa Génova de Madrid en 2011, meses antes de acceder ao Ministerio. Os pagamentos a De Lucas eran unha "prioridade" para Crespo, destacan os investigadores. O empresario investigado asistiu en varias ocasións xunto a Feijóo e outros cargos do PP á praza de touros de Pontevedra e, asemade, unha das mensaxes intervidas pola Policía alude á súa participación nun xantar co presidente en Bueu. Feijóo negou en diversas ocasións que De Lucas actuase no seu nome en ocasión ningunha.
Os dous anteriores de Formación da Xunta terán que declarar como investigados
Xunto a De Lucas terán que responder como investigados os devanditos exresponsables de Formación e Colocación da Xunta por presuntos delitos de prevaricación, nun marco de "total deixación" no control das subvencións. No caso de Fuenteseca, alto cargo entre 2005 e 2009 e actualmente fóra da política activa, é citado por intervir na concesión de axudas a Azetanet (45.000 e 9.000 euros, en dous expedientes de 2008).
Beatriz Mato é citada como testemuña
No que atinxe a Ana María Díaz é investigada por un motivo semellante e, ademais, pola suposta recomendación para a contratación dunha persoa. Díaz deixou o cargo o pasado outono para pasar a ocupar a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, agora dirixida pola extitular de Traballo, Beatriz Mato, a quen a investigación relaciona tamén con Crespo e que agora é citada en calidade de testemuña. No inicio da investigación Mato admitiu que chegou a recibir un bolso como agasallo de Azetanet e as escoitas da Policía revelan diversos alusións a ela.
Xunto a Fuenteseca e Díaz a xuíza cita nas mesmas condicións a Juan José Barrera Cerezal, ex director xeral de Economía Social do Ministerio de Emprego ata finais de 2011. No seu caso a xuíza cita informes favorables en adxudicacións e subvencións ás entidades investigadas.