No outono de 2012, apenas dúas semanas despois do estourido da operación Pokémon, un traballador do Acuario da Coruña, Antonio Pérez, dirixiuse á comisaría da Policía Nacional na cidade para "denunciar as irregularidades" que detectara nas contratacións do organismo, dependente do Concello coruñés. No entanto, non lle "recolleron a oportuna denuncia" nin "se puxo en coñecemento" do xulgado de Lugo que instrúe o caso. Quen relata estas circunstancias é a xuíza instrutora da operación, Pilar de Lara, que nun auto de casce 50 páxinas datadao no pasado día 9 lle outorga a este traballador, cuxo testemuño é "esencial" na póla coruñesa da presunta trama corrupta, a condición de testemuña protexida para frear o "acoso" que vén sufrindo por, asegura, colaborar coa Xustiza.
O infrutuoso achegamento á Policía en 2012 é só o primeiro episodio dos avatares sufridos por Antonio Pérez, quen se viu obrigado a coller a baixa no seu posto de traballo en febreiro do pasado ano pola "situación de acurralamento laboral que viña sufindo por causa de opoñerse a prácticas que consideraba ilícitas". "Non cabe dúbida", di a xuíza no auto, a cuxo contido tivo acceso Praza, "de que a situación de acoso laboral" está en "íntima relación" coa súa denuncia de prácticas irregulares no Concello coruñés e, "en todo caso, vinculada á trama urdida polo Grupo Véndex para, en connivencia con diversos funcionarios públicos e autoridades políticas da Coruña, conseguir a adxudicación" de contratos do Acuario. "Segundo obra na causa", quen agora é testemuña protexida "parecái ser unha importante traba" para os supostos líderes da trama.
Para a xuíza "non cabe dúbida" de que o traballador foi "acosado" polos seus superiores por colaborar na investigación
Nomeadamente, Pérez "opúxose ás pretensións de ilícita adxudicación do concurso do mantemento biolóxico" do Acuario a unha filial de Véndex, tras o que "foi obxecto dunha campaña de persecución e acoso" e de "represalias" dos seus "superiores xerárquicos" que, sempre segundo a investigación, continuaron mesmo tras a súa baixa, cando "apareceron forzados varios amarios do seu despacho" no propio Acuario. Ese incidente motivou que De Lara enviase a Policía Nacional ao despacho para investigar un posible delito de "obstrucción á Xustiza". Pero, "estrañamente", cando este corpo policial chegou ao Acuario xa estivera alí "interferindo na investigación" a Policía Local, "dependente directamente do alcalde e, máis concretamente, do tenente de alcalde", Julio Flores, "imputado na causa, entre outras cousas", lembra a xuíza, polas "manipulacións presuntamente urdidas" xunto ao responsable de Véndex en Galicia, José María Tutor, para "tratar de beneficiar a empresa" con contratos do propio Acuario.
"Contradicións" policiais sobre a detención en Ferrol
Ademais do acoso laboral, "confirmado por outras testemuñas", o suceso que levou o traballador a solicitar a protección xudicial foi, como xa relatou este diario, a detención que sufriu en Ferrol a finais de outubro, cando, tras baixar do autobús nunha parada equivocada, lle pediu a unha condutora se o podía achegar ao seu destino, noutro concello da comarca. Tras a detención e as múltiples versións existentes sobre ela De Lara solicitou informes sobre o acontecido tanto á Policía Local ferrolá como á Policía Naciona. "Pero os informes sucesivos, lonxe de aclarar a situación, escurecíana aínda máis ao adoecer de numerosas contradicións".
A maxistrada cre "relevante" que o actual xefe da Policía Local ferrolá estivo ata 2013 "baixo o mando" do tenente de alcalde da Coruña, imputado no caso
Así, dende o corpo policial ferrolán detalláronse o que a xuíza define como un "cúmulo de infortunios", tales como o suposto "fallo do sistema de gravación de chamadas" que impide coñecer as verbas da condutora que informou da presenza de Antonio Pérez na vía pública ou a "perda do parte de asistencia médica" da que foi obxecto tras ser detido, toda vez que, malia ter un brazo escaiolado e unha perna lesionada, foi esposado.
As "notables e flagrantes diverxencias" nas sucesivas "narracións" policiais súmanse, segundo a xuíza, ao "dato relevante" de que "o actual xefe da Policía Local de Ferrol (...) fose ata 2013 inspector principal da Coruña baixo o mando do tenente de alcalde, Julio Flores", e que ademais este mando policial "figura nas listas de Véndex como receptor de agasallos". A todo isto súmase, asemade, a "filtración" da detención dende Ferrol a un xornal coruñés, cuxa exposición dos feitos leva a De Lara a "entender que existe unha especie de conxura para prexudicar a testemuña, publicando información inveraz para desprestixialo publicamente e desacreditar tanto o seu testemuño como o resultado da instrución, aproveitando casualmente ou non", o "lamentable incidente" da detención.
"Insostible presión"
"Sinto como cidadá e como xuíz instrutora un enorme respecto cara ao sagrado dereito da liberdade de prensa", chega a escribir a xuíza. Pero "os medios de comunicación non deixan de ser empresas" que "en ocasións son perceptoras de subvencións públicas" ou de "publicidade de administracións e empresas", co "risco de que poidan rematar converténdose en medios auxiliares ou instrumentais de intereses políticos ou económicos que poden provocar que as súas actuacións non sempre estean guiadas polo obxectivo de informar".
A condición de testemuña protexida implica custodia e prohibición de difundir a imaxe do traballador
Nesta situación Pilar de Lara e "obvio" que Antonio Pérez, "pola soa condición de prestar declaración" na causa "padece unha insostible situación de presión, tanto no seu ámbito laboral como agora tamén no ámbito social". Así, pasa a ser unha testemuña protexida e "sempre que sexa preciso" poderá "ser conducido ás dependencias xudiciais" ou a outro lugar "en vehículos oficiais". Do mesmo xeito, cando estea nos xulgados permanecerá "nun local reservado" e "custodiado". Por outra banda, fica prohibido realizar fotografías "ou tomar a súa imaxe por calquera procedemento" agás que "o autorice expresamente" e os medios de comunicación tampouco poderán difundir a súa imaxe, "ben evitándoa ou pixelando integramente o seu rostro".