A xuíza Lamela tentou convencer a Bélxica de que Puigdemont e os catro ex-consellers que o acompañan en Bruxelas son corruptos. A maxistrada da Audiencia Nacional xogou a esa carta o razoamento fundamental das ordes europeas de detención, coas que pretendía a extradición efectiva e exprés do cinco políticos cataláns.
Lamela xogou á carta da corrupción o razoamento fundamental das ordes europeas de detención para lograr unha extradición efectiva e exprés
Este trámite entre estados da Unión Europea resólvese de maneira inmediata se os delitos polos que se reclaman detencións figuran nunha lista con máis de 30 categorías. En ningunha delas figuran a rebelión ou a sedición. Así que Lamela non dubidou en marcar cun xe outra casa no formulario: "corrupción".
A xuíza marcou a casa de corrupción na orde europea de detención e entrega
No relato enviado a Bruxelas pedindo as detencións, Lamela fala de cinco delitos dos que acusa o Govern cesado (prevaricación, desobediencia, rebelión, sedición e malversación de caudais públicos). Con todo, nos seus autos de prisión, a mesma maxistrada só cita tres delitos (rebelión, sedición e malversación). Entre a orde de cárcere e a petición a Bruxelas, os delitos de Puigdemont e o seu equipo medraron de xeito inexplicable.
Entre a orde de cárcere e a petición a Bruxelas, os delitos de Puigdemont e o seu equipo medraron de xeito inexplicable
O detallado listado que a xuíza remitiu a Bélxica contrasta co escrito pola propia Carmen Lamela no auto no que admitía a querela presentada pola Fiscalía Xeral do Estado. Naquel auto, Lamela advertía de que o delito de rebelión "absorbería os delitos de sedición, desobediencia e prevaricación".
Ademais da profusión na listaxe de delitos que Lamela presenta ante Bélxica é destacable a orde que a maxistrada lle dá a estes. A prevaricación é o tipo delituoso elixido pola xuíza da Audiencia Nacional para encabezar a lista enviada na orde de detención e entrega.
Segundo ese escrito, "o Govern coas súas proclamas e a súa conduta de sistemática desobediencia ao Tribunal Constitucional foi alentando un movemento de insurrección activa entre a poboación fronte á autoridade lexítima das institucións do Estado co fin de conseguir o seu obxectivo secesionista, sabedor de que, pola súa ilegalidade, o referendo só podería celebrarse pola forza coactiva do xentío mobilizado a estes efectos".
Estratexia errada
O formulario dunha euroorde permite a quen a redacta explicar os feitos polos que pide a detención e traslado dun cidadán. Trátase dun documento que inclúe un importante apartado final: unha listaxe que os países solicitantes deben cubrir simplemente marcando cun xe nos cadriños axeitados aos delitos polos que persegue as persoas reclamadas. Esa listaxe (pactada entre os membros da Unión Europea) non inclúe ningún tipo delituoso relacionado cos feitos vinculados ao proceso secesionista. Lonxe de deixar en branco esa lista de cadriños, Lamela marcou cun xe o delito de corrupción.
As cualificacións do Govern de Puigdemont como un grupo de corruptos non foron tomadas en consideración pola xustiza belga
De estimar Bélxica a comisión dese delito por parte de Puigdemont e os seus consellers, a entrega sería inmediata. Con todo, a xustiza belga decidiu estudar en profundidade as acusacións xerais da xuíza española, desbotando a posibilidade de impulsar un trámite automático. Dito doutro xeito, as cualificacións do Govern de Puigdemont como un grupo de corruptos non foron tomadas en consideración pola xustiza da capital comunitaria.