O pasado outubro, catro días despois das eleccións autonómicas, saía á luz o contido do terceiro informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, realizado por expertos e expertas do Consello de Europa. Esa avaliación da situación dos idiomas cooficiais no Estado Español lanzáballe cumprimentos ao labor desenvolvido en Euskadi e Catalunya e supuña unha dura reprimenda ao Goberno galego. O ditame alertaba da "redución prgresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio" e ademais lamentaba a escasa colaboración da Xunta. A Consellería de Educación di agora que os autores e autoras do informe mentiron.
En marzo deste 2013 o BNG rexistrou unha pregunta escrita dirixida ao Goberno galego na que a deputada Ana Pontón preguntaba, entre outras cuestións, polo treito do informe no que o Consello de Europa sinalaba que "as autoridades non responderon ás peticións dunha información específica feitas polo Comité de Expertos nos seus informes anteriores". O pasado 26 de xuño o departamento que dirixe Jesús Vázquez rexistraba a súa resposta, un texto que comezaba cargando contra a propia autora da pregunta. Pontón referíase ao informe elaborado "recentemente" polo Consello, Educación sinala que o documento "está datado o 9 de agosto de 2012" -non foi público ata outubro-,"polo que non foi emitido tan recentemente", recrimina.
"É rotundamente incerto afirmar que a Xunta non colaborou co Comité de Expertos", asegura a Consellería de Educación
Segundo a interpretación da Consellería "dito informe (...) contén propostas de recomendacións para que sexan dirixidas polo Comité de Ministros do Consello de Europa a España". "Polo tanto", razoa, "o documento conv alidez legal é o adoptado o 24 de outubro de 2012" polo devandito comité e "nese documento non existe ningunha recomendación específica relativa ao sector educativo". En calquera caso, e como xa fixera o secretario xeral de Política Lingüística no Parlamento, a Xunta non perde a oportunidade para lanzar duras críticas aos autores do informe.
"Hai que sinalar que é rotundamente incerto afirmar que a Xunta de Galicia non colaborou co Comité de Expertos, afirmación moi estendida no informe, tamén ao caso doutras linguas", di o Goberno. Non obstante, xusto a continuación, asegura que "de acordo coas recomendacións do Consello de Europa", desde o Goberno galego "seguiremos traballando intensamente para actuar nesta materia, dentro dos ámbitos da nosa competencia e dentro do marco establecido polo Estatuto de Autonomía, a Lei de Normalización Lingüística" e o denominado decreto do plurilingüismo. "Por suposto", aseguran, Educación tamén aplica "a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, así como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega".