A Xunta, alumna avantaxada de Gallardón fronte ao aborto

Gallardón, nunha comparecencia con Feijóo © Xoán Crespo

Houbo un tempo no que o actual ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, foi considerado, en certos ámbitos da opinión pública e mediática, como un dos representantes do sector máis centrista do PP. Durante a súa etapa como presidente da Comunidad de Madrid, primeiro, e como titular da alcaldía madrileña, despois, ofrecía chiscadelas como amosarse a favor do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Ademais, o seu aberto enfrontamento con Esperanza Aguirre contribuíu aínda máis a forxar unha figura que comezou esvaer no momento en que obtivo asento no gabinete ministerial de Mariano Rajoy. Case dende o inicio do mandato Gallardón asumíu como propias as teses de grupos ultraconservadores en materias como a interrupción voluntaria do embarazo ou a igualdade entre homes e mulleres. Así, anunciou textualmente unha "contrarreforma" da normativa en vigor, baseada nos prazos e que permite interromper a xestación durante as primeiras 14 semanas. Tamén expuxo as súas teorías sobre "violencia estrutural" nunha intervención no Congreso e, por último, aproveitou unha entrevista no diario La Razón para anunciar que o recorte á cobertura legal do aborto chegará tamén aos casos nos que o feto poida estar afectado por algunha malformación. Antes de que todo isto suceda, Galicia xa deu pasos na dirección que agora marca o ministro.

Gallardón prevé que as malformacións no feto non sexan causa dabondo para un aborto

Como vén informando Praza Pública, boa parte das accións da Xunta encamiñadas a atrancar a decisión das mulleres neste ámbito teñen o seu sustento legal na Lei pola que se regula unha rede de apoio á muller embarazada ou, o que é o mesmo, na lei impulsada pola Red Madre, plataforma auspiciada á súa vez polo Foro Español de la Familia. Esta norma, xunto á Lei de Familia do Goberno galego, veñen tecendo dende o inicio da lexislatura autonómica unha arañeira de cambios normativos máis ou menos sutiles que, a xuízo de diversas organizacións de mulleres e tamén da oposición parlamentaria, supoñen un "retroceso" e unha concesión á dereita máis conservadora. Boa parte das reformas e do seu calendario de aplicación recóllense no Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada da Xunta, impulsado pola Consellería de Benestar e que agrupa accións a desenvolver pola práctica totalidade de departamentos do Executivo.

Emanado da propia lei do Foro de la Familia, deste plan xorde, por exemplo, a transformación dos centros Quérote de asesoramento afectivo-sexual creados pola antiga Vicepresidencia da Igualdade, agora inseridos nunha "rede de voluntariado de apoio ás mulleres xestantes" que, segundo ten manifestado o persoal dos propios centros, se apoia esencialmente na devandita Red Madre e, polo tanto, tamén nos seus postulados antiabortistas -representantes desta rede, como o presidente do Foro, Benigno Blanco, teñen rexeitado o aborto mesmo en caso de violación-. Do mesmo xeito, o plan contempla tamén a intención da Xunta de outorgarlles "subvencións" a estes colectivos, axudas que se engaden ademais á posibilidade legal de financiar campañas contra o aborto con fondos públicos.

A Xunta prepara unha guía que incluirá conceptos de "erótica conceptiva e aconceptiva" xunto a información sobre adopcións

Nas páxinas deste plan é posible atopar tamén outras decisións máis concretas, algunhas das cales xa en vigor. É o caso, por exemplo, do "protocolo de renuncia de bebés no hospital", que recibiu o visto e prace do Consello da Xunta o pasado maio. Presentado como "un procedemento para coordinar as actuacións dos profesionais sanitarios cando unha muller decide entregar o seu fillo en adopción", abonda con acudir ao plan para coñecer que o protocolo inclúe tamén a posta "á disposición das nais xestantes" de "información (...) sobre as medidas de apoio á maternidade e á crianza", así como das vías de "acollemento e adopción" no caso de que "manifesten, en calquera momento, que non poden facerse cargo da crianza tras o nacemento", explica. Trátase, abonda, de "favorecer que a nai decida libremente respecto a continuar co embarazo" e, neste punto, "garantir a confidencialidade no caso de decisión de renunciar ao seu fillo/a".

Parte destes preceptos estarán tamén incluídos noutra publicación que, segundo estipula o propio plan, terá que ver a luz antes do ano 2014. Trátase dunha guía que levará o título Decidindo sobre a planificación do embarazo. Destinada preferentemente á mocidade, non se centrará, como podería suxerir o seu título, na educación afectivo-sexual ou no uso correcto dos métodos anticonceptivos. Este será só un apartado tentro dun contido máis amplo, que abranguerá tamén a "erótica conceptiva e aconceptiva" as "prestacións á maternidade" que ofrece a Xunta e tamén cuestións relativas a "acollida e adopción".

Gallardón, nunha comparecencia con Feijóo © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.