A Xunta anuncia o nacemento da Rede Galega de Parques Naturais, creada en 2007

Decreto de creación do Consello da Rede de Parques Naturais, aprobado en 2007 CC-BY-SA Praza Pública

O Consello da Xunta aprobou o pasado xoves o decreto que regulará a Rede de Parques Naturais de Galicia. Ao remate da xuntanza o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciou ante a prensa o nacemento da "primeira Rede de Parques Naturais de Galicia", que "permitirá unha xestión coordinada" destes espazos e "garantirá a súa conservación". Se ben o decreto trae consigo, evidentemente, unha regulamentación nova, isto non implica que a rede, como tal, sexa unha novidade. De feito, existe dende hai case unha década, dende o ano 2007, o que leva a unha das entidades ambientalistas máis veteranas do país, a Sociedade Galega de Historia Natural", a ironizar con este anuncio, cualificándoo de milagreiro "renacemento".

As orixes desta rede non están na xuntanza do Goberno da pasada semana, senón noutro Consello de hai máis tempo, concretamente, ao do 19 de xullo de 2007. Aquela xuntanza, baixo a presidencia de Emilio Pérez Touriño, aprobou o decreto de creación do Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia, cuxa reunión constitutiva se produciu ao ano seguinte, en xullo de 2008, na que se avaliou un primeiro informe de situación. Nacía, daquela unha rede cuxa denominación, Rede de Parques Naturais de Galicia, foi rexistrada como marca pola Xunta o 31 de xullo de 2007, identificada cunha identidade corporativa que fora publicamente presentada pola daquela Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A SGHN pregúntase se "por descoñecemento ou porque está mal informado", Feijóo fai un anuncio "que non se axusta á verdade"

A existencia previa da rede, con independencia de que agora se reforme ou se lle dea un novo impulso, leva a SGHN a preguntarse se "por descoñecemento ou porque está mal informado", Feijóo realiza un anuncio "que non se axusta á verdade". Non en van, lembran, alén do devandito decreto, a rede fora abordada tamén no Parlamento nunha comparecencia do na altura conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, cando o actual presidente era xa líder da oposición. "Que o presidente e, sobre todo, os responsables da dirección xeral de Conservación da Natureza descoñezan a escasa normativa sobre espazos naturais de Galicia resulta moi preocupante" pero "non sorprende", di a SGHN, xa que "nos últimos sete anos as políticas relativas a espazos protexidos estiveron cheas de actos pouco racionais, como o adiamento sine die das propostas para a creación de novos parques", como o do Monte Pindo.

Unha "etapa gris"

Illa de Ons, no Parque das Illas Atlánticas

O que esta entidade define como "etapa gris" culminou, a xuízo da sociedade, coa disolución do devandito Consello da Rede de Parques Naturais de Galicia mediante un decreto do pasado febreiro orientado a "racionalizar" os "órganos colexiados" da Xunta en aras da "austeridade". "Agora, froito se cadra do proceso de cadeiras xiratorias que leva a postos clave da Administración a persoas sen solvencia para o cargo, o que antes se eliminaba por irracional agora 'créase' cun halo ficticio de novidade, sen explicar á opinión pública este cambio de parecer", sinalan.

O Consello da Rede de Parques Naturais foi eliminado a comezos deste ano

Así, a xuízo da SGHN, o anuncio gobernamental a respecto da rede e do propio impulso dos parques non se corresponde "coa eliminación da figura de director de parque natural", decidida hai poucos meses, ou "cun novo modelo de xestión para os parques minimalista e totalmente centralizado", na que "toda a xestión ordinaria" destes espazos protexidos "recae nun único funcionario con categoría de xefe de servizo", segundo o estipulado no decreto que, a finais de 2015, regulou a estrutura da nova Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Isto implica que os parques "se xestionen dende un despacho" en Santiago "sobre un mapa de estradas".

Os parques dependen na actualidade da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

Dadas as circunstancias, a Sociedade Galega de Historia Natural pregúntase "quen son os responsables deste desatino". "Por acción ou omisión, o presidente ten unha responsabilidade obvia", afirman, así como as conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, quen ata finais de 2015 tiña tamén competencias ambientais. Non obstante, din, "semella máis lóxico buscar os responsables nun chanzo máis abaixo, na dirección xeral de Conservación da Natureza -dirixida por Ana María Díaz, antes alto cargo de Emprego- e no flamante servizo de Parques Naturais que, cunha manifesta incompetencia, veñen de deixar publicamente en ridículo ao propio presidente".

Neste contexto, a SGHN lamenta o que considera un novo episodio de "plaxio de ideas" e de "crear e suprimir ciclicamente as mesmas estruturas para seguir caendo nos mesmos erros", o que non é, precisamente, "un referente de bo goberno". Cabe preguntarse, asemade, se "sen que sirva de precedente, veremos o cese fulminante dos responsables deste cómico sainete".

Anuncio de creación da rede, tras o Consello deste 19 de maio CC-BY-SA Praza Pública
Logotipos da Rede de Parques, presentados pola Xunta en 2008 CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.