A Xunta anuncia por cuarta vez a Axencia Tributaria Galega, agora para 2013

Elena Muñoz, conselleira de Facenda © Xunta

"En 2011", "en abril de 2012", "antes do verán" e agora, "o 1 de xaneiro de 2013". Son os catro prazos que ata o momento ofreceu a Xunta para a creación da Axencia Tributaria de Galicia, o organismo autónomo que substituirá a dirección xeral de Tributos -departamento da Consellería de Facenda- e que está chamado a ocuparse da xestión de todos os impostos que son competencia do Goberno galego. A primeira vez que o actual presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este proxecto foi a finais de 2010. Na presentación dos Orzamentos Xerais para o ano seguinte Feijóo presentaba a axencia como unha "aposta firme contra a fraude" e unha vía para "profundar no autogoberno constitucional responsable" sen "incrementar custos". Dous anos despois, o organismo aínda é só un proxecto de decreto que estivo sobre a mesa do Consello da Xunta como informe, isto é, como documento que permite ao Goberno colocar asuntos na actualidade pero sen valor executivo ou legal ningún.

A creación dunha Axencia Tributaria propia non é unha idea orixinal do Goberno do PP. Ben ao contrario, xa a mediados da pasada lexislatura o daquela presidente, o socialista Emilio Pérez Touriño amosaba a súa intención de tomar unha decisión semellante para afondar no autogoberno e ademais "gañar en eficacia na xestión tributaria". Pero o tempo pasou e o proxecto quedou no caixón ata o devandito anuncio de 2010, xa con Feijóo, quen semellou esquecer a iniciativa ata marzo deste ano, cando no debate de política xeral do Parlamento o presidente aseguraba que a axencia funcionaría xa en abril. Non obstante, a finais do propio mes de marzo a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, fixaba o horizonte "nos próximos meses". En maio, tras un Consello, Feijóo movía de novo o calendario e puña o prazo de "antes do verán".

Feijóo asegurou que logrará recadar 20 millóns máis en impostos ao transformar a dirección xeral de Tributos en Axencia

Con este pano de fondo chega a nova data de referencia. A un mes do inicio da campaña electoral Feijóo mantén que, agora si, o vindeiro 1 de xaneiro botará a andar unha acción máis técnica que política coa que, asegura, se logrará recadar máis impostos pero sen subir o seu importe, senón pola vía da loita contra a fraude. Nomeadamente, asegura, as arcas autonómicas engordarán en 15 millóns ao ano -en maio fixou esa previsión en 20 millóns- e farao sen ter que realizar ningún investimento previo. A Axencia, mantén, logrará aforrar un 20% a respecto do custo da actual estrutura administrativa grazas á "austeridade" e á "simplificación". 

Así e todo, esta redución da estrutura administrativa é menor do que pode semellar nunha primeira ollada. Atendendo aos anuncios realizados durante estes dous anos a Axencia Tributaria traerá consigo a "desaparición das cinco xefaturas territoriais da Consellería de Facenda", pero a creación doutras tantas oficinas do novo organismo, que terán como "directores" aos actuais xefes e xefas territoriais, ubicados nas catro capitais de provincia e mais en Vigo. Do mesmo xeito, as actuais 42 oficinas liquidadoras de impostos perden a competencia de "liquidación", pero non a de "presentación" e poranse en marcha ademais áreas de "información e asistenica en cada unha das cinco cidades" nas que terá sede a Axencia. 

Feijóo, cun asesor polos corredores de San Caetano © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.