Unha medida para o sistema sanitario público galego: a "utilización de madeira no acondicionamento de consultas e salas de espera dos centros de saúde públicos, especialmente nas zonas de pediatría, co obxectivo de favorecer o benestar dos usuarios ao tempo que se promove a utilización deste material autóctono e sustentable". Esta foi unha das iniciativas que aprobou este xoves o Consello da Xunta en relación ao Sergas, en conflito permanente desde hai meses polas denuncias sobre falta de persoal e medios, saturación en Urxencias ou precariedade laboral.
A Xunta prevé o uso de madeira autóctona para "humanizar" os espazos e aumentar o "benestar" dos usuarios
Poucos días despois de que outra masiva manifestación clamase "contra a deterioración" da sanidade pública, o Goberno galego anuncia o que considera unha aposta pola "humanización" dos espazos sanitarios que axudará tamén ao "fomento do uso da madeira, sobre todo local, na construción".
Eventuais en Loita lamenta que "a meirande parte dos investimentos da Xunta para mellorar os servizos e humanizar non contemplen a contratación e estabilizacion de persoal"
As reaccións non tardaron en chegar. Enfermeiras Eventuais en Loita, colectivo que agrupa milleiros de profesionais contra as condicións laborais do Sergas, di "lamentar profundamente que a meirande parte dos investimentos que realiza a Xunta para mellorar os servizos e humanizar e facilitar o acceso á sanidade non contemplen a contratación e estabilizacion de persoal que poida atender de maneira adecuada a poboacion. senón que se basean sempre nun acondicionamiento estructural que pode ser necesario, pero desde logo, moito menos prioritario".
O colectivo lamenta que a Xunta "considere máis sinxelo acomodar os usuarios que teñen que esperar a súa quenda, no canto de contratar máis pediatras e enfermeiras que disminúan os tempos de espera na Atención Primaria".
Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) consideran que "gastar os cartos neste tipo de temas e non usalos en poñer persoal que de verdade humanice as consultas é infumable". O colectivo lembra os gastos millonarios, tamén necesarios en material ou mobles "que ninguén pediu" e a falta de achegas para "humanizar os centros de saúde con persoal que pioda facer atención continuada ou que impida o bloqueo de axendas".
"É unha verdadeira pena que os xestores da sanidade publica galega teñan tan pouca humanidade coas necesidades reais dos cidadáns", insiste a AGDSP.
Segundo informa a Xunta, a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) colaborará co Sergas mediante un protocolo que van asinar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Consellería de Sanidade no que se prevé tamén "utilizar a madeira como
elemento estrutural na construción de novos edificios".
“Imos actuar ao longo do ano en sete centros, un por cada cidade galega”, anuncia Feijóo
O anuncio do emprego da madeira nos centros sanitarios para “humanizar” as salas de espera foi un dos principais realizados polo propio Feijóo tras un Consello no que a Xunta aprobou un decreto para facilitar os trámites dos aproveitamentos forestais. Segundo salientou o presidente, a madeira empregarase polo Sergas “especialmente nas zonas de pediatría, zonas de maternidade”. “Imos actuar ao longo do ano en sete centros, un por cada cidade galega”, precisou o presidente galego, quen sinalou que o primeiro lugar será “a área de muller e o neno do Centro de Saúde de Concepción Arenal de Santiago”.
Feijóo asegurou que o impulso do uso da madeira por parte da Xunta non se limita a fins decorativos senón que tamén se están a planificar obras estruturais con ese material, e puxo como exemplos o Punto de Atención Continuada da Laracha, “todo en madeira”, ou “o futuro Centro de Saúde do Porriño”. Son actuacións, dixo, que amosan o desexo do Goberno galego de “comprometernos coa industria forestal”.