Os vindeiros días 29 e 30 de maio os gobernos de España e Portugal celebrarán en Vila Real a vixésimo novena Cimeira Ibérica. A apenas dúas semanas da cita que presidirán António Costa e Mariano Rajoy a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal xuntouse este luns en Braga para intercambiar "boas prácticas de cooperación na Eurorrexión" e mais para "abordar as perspectivas" da propia institución transfronteiriza nun acto no que serviu tamén para transferir á Xunta a presidencia rotatoria da entidade por un período de dous anos.
Nun contexto no que o Goberno de España pasou de desdeñar abertamente o Executivo portugués a condecoralo e estreitar relacións con el o titular da Xunta, xa tamén como presidente da Comunidade de Traballo, asegurou ante o plenario que os gabinetes de Rajoy e Costa xa contan "cunha lista de demandas conxuntas" galego-portuguesas en "distintos eidos". Segundo Alberto Núñez Feijóo algunhas destas demandas son as incluídas na lista histórica de peticións de entidades como o Eixo Atlántico, tales como a "necesidade de definir un plan territorial de emerxencias transfronteirizas" ou "estreitar a colaboración no ámbito sanitario".
Entre esas demandas, segundo Feijóo, está tamén a "reclamación" dunha "sensibilidade especial" para que "a liña ferroviaria de altas prestacións que xa une A Coruña e Vigo se estenda ata Porto". A Xunta non especifica, neste sentido, se conta con novas máis concretas por parte do Goberno de España, toda vez que o Executivo portugués xa ten en marcha os traballos de modernización da Linha do Minho e prevé ter rematada a electrificación ata Valença no ano 2019, polo que só restaría saber os prazos concretos da coñecida como saída sur de Vigo.
Feijóo defende que Galicia "ten que estar" no corredor atlántico da Rede Transeuropea de Transportes, cuxo trazado actual non pasa por territorio galego
No ámbito das infraestruturas o presidente galego enunciou tamén outro obxectivo tan ambicioso como pouco concreto, o vinculado ao corredor atlántico da Rede Transeuropea de Transportes. Segundo Feijóo, "Galicia e o resto de d do norte de España e a rexión norte de Portugal temos que estar" nesa "conexión loxística multimodal que unirá Irún con Aveiro", unha vía de transporte esencial en ámbitos como a exportación de mercadorías a toda Europa cuxo trazado, non obstante e malia a súa denominación, non pasa por Galicia.
Este encontro celebrouse despois de que o pasado xoves, ao termo do Consello da Xunta, Feijóo evitase concretar os asuntos a tratar nela. "Imos informar desposi da xuntanza para que poida haber rolda de prensa posterior, non creo que antes de que se produza unha reunión bilateral unha das partes deba dar conta do que imos tratar", respondeu a presuntas dos xornalistas sobre a orde do día do plenario. "Permítame que pense que as persoas que comparecemos nesa reunión sabemos de que imos falar", agregou.
Pola banda portuguesa a Comunidade de Traballo escoitou este luns voces como a do ministro portugués do Planeamento e das Infraestruturas, Pedro Marques, ou o do alcalde de Braga, Ricardo Rio, que apelou á elaboración dun "novo plano de cooperação transfronteiriça" e defendeu a necesidade "de continuar a potenciar os recursos existentes na região, quer do ponto de vista da investigação, quer do ponto de vista turístico". "Entendemos que o Norte de Portugal e a Galiza têm sido e poderão continuar a ser um exemplo de cooperação transfronteiriça no plano europeu", sinalou.