A Xunta asume agora que non se debe facer unha nova estrada de acceso ao Porto Exterior da Coruña

Emprazamento da nova estrada AC-15 que conectará o Porto Exterior coa Terceira Ronda (AC-14) Dominio Público BOE

Concellos e partidos de toda cor foron sumándose nos últimos anos á idea de aproveitar a AG-55 A Coruña-Arteixo xa existente en vez de construír unha nova infraestrutura

Excepto os técnicos do Ministerio de Fomento, administracións e partidos de toda cor xa asumiron nun ou noutro momento que en vez de construír unha nova estrada de acceso ao Porto Exterior da Coruña é mellor aproveitar as infraestruturas xa existentes, en particular a autoestrada autonómica AG-55 no seu primeiro treito entre A Coruña e Pastoriza, en Arteixo. A esa postura vén de sumarse agora a Xunta. Porén, as diferenzas canto a como materializar esa opción ameazan con impedir unha fronte común que exerza a suficiente forza como para deter a maquinaria dun ministerio que leva anos planificando duplicacións de infraestruturas, como xa está a suceder coas novas autovías paralelas xa en construción no eixo Vigo-Pontevedra-Vilagarcía ou coas planificadas entre Ourense e Valdeorras e Monforte e Chantada.

O fondo da cuestión do acceso ao Porto Exterior está na esixencia de que todo porto de interese xeral teña un acceso directo á rede de estradas estatal. No caso da Coruña, as máis próximas son a autovía A-6 e a Terceira Ronda (AC-14), pero a estrada de alta capacidade máis próxima aos peiraos é a autonómica AG-55, pola que xa veñen circulando os camións por un treito de pouco máis de 3 quilómetros ata enlazar en Arteixo coa A-6. 

A solución de que as administracións pagasen a peaxe dese treito da AG-55 para os tráficos portuarios acordada hai uns anos entre Xunta e Fomento non acabou de convencer no ministerio, que insiste en construír unha nova estrada que conecte directamente o porto coa rede estatal, en concreto coa Terceira Ronda á altura do polígono de Pocomaco. Sería unha estrada que atravesaría unha das poucas zonas non urbanizadas da periferia da Coruña e que non solucionaría os problemas de mobilidade doutros tráficos distintos aos portuarios existentes na zona, polo que nos últimos anos foron aumentando as voces de apoio a algún tipo de solución que pase por aproveitar a AG-55 xa construída en vez de executar a nova infraestrutura.

Detalle da nova estrada a construír, en azul, para conectar o acceso ao Porto Exterior (AC-15) coa Terceira Ronda (AC-14) © Ministerio de Fomento

O Concello de Arteixo, do PP, puxo en marcha un pleito xudicial contra Fomento, daquela tamén en mans populares, en contra da nova estrada

Unha das posturas máis belixerantes contra a nova estrada é a do Concello de Arteixo, gobernado polo PP pero ao que non lle importou iniciar un pleito xudicial contra o Ministerio de Fomento daquela gobernado tamén polos populares. Ademais de argumentar que a nova estrada tería un gran impacto, o que está por tras da proposta de Arteixo é o seu desexo de eliminar a peaxe da AG-55, a principal vía de comunicación do concello. 

Xunta e Arteixo cuantifican nuns 20 millóns o rescate da concesión dese treito da AG-55 pero Fomento elévao a 61 millóns

Pero se cando o PP estaba á fronte de Fomento a Xunta mantiña un perfil baixo sobre esa cuestión, esta semana a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, vén de sumarse á idea de Arteixo e, xunto co alcalde, presentou unha proposta para que o ministerio asuma a titularidade dese primeiro treito da agora autonómica AG-55 (o que permitiría cumprir co criterio de conectar o porto por unha vía estatal) e se faga cargo tamén do custe de rescatar a súa peaxe, uns 20 millóns que se repartirían en pagamentos de 3,81 millóns durante cinco anos. A cambio, a Xunta limitaríase a autorizar ese cambio de titularidade e os prazos financeiros do rescate, mentres que o Concello de Arteixo renunciaría aos impostos locais sobre a autoestrada. O custo, sinalan Xunta e Concello, sería inferior aos 32 millóns en que está orzamentada a nova estrada. Pola contra, Fomento xa discrepara deses cálculos e estima o rescate da AG-55 nuns 61 millóns.

A conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Arteixo na presentación da súa proposta para a AG-55 CC-BY-SA Xunta de Galicia

PSdeG, Marea Atlántica e BNG reclamaron que fose a Xunta quen suprimise a peaxe da AG-55 e agora o BNG critica que o Goberno galego estea disposto a trasferila ao Estado

Fronte á proposta do Goberno galego, PSdeG, Marea Atlántica e BNG impulsaron a nivel provincial unha moción na que reclamaron que fose a Xunta a que suprimise a peaxe da AG-55, o que non paliaría por si só a esixencia de Fomento de que o acceso ao porto sexa por unha vía de titularidade estatal. Agora, ao ofrecer a Xunta a súa transferencia, o BNG xa se pronunciou en contra considerando un agravio que o mesmo Goberno galego que leva unha década sen recibir unha soa transferencia de competencias do Estado estea agora disposo a entregarlle a competencia sobre a autoestrada

O propio Ministerio de Fomento salienta a limitada utilidade da nova estrada: “O vial de acceso deséñase para atender unicamente a demanda do tráfico portuario”

E ese, o da competencia sobre a estrada, segue a ser o principal obstáculo para Fomento. Na avaliación ambiental da nova infraestrutura proposta sinálase que o menor impacto sería non facer a estrada e aproveitar a AG-55, pero o principal argumento de Fomento é que o resto de administracións non están capacitadas para opinar: “Compete ao Ministerio de Fomento o adecuado acceso dun Porto de Interese Xeral do Estado á Rede de Estradas do Estado”, sinala o ministerio nunha declaración de impacto ambiental na que admite a limitada utilidade desa nova infraestrutura: “O vial de acceso deséñase para atender unicamente a demanda do tráfico portuario”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.