A Xunta destina 45.000 euros máis a un novo torneo de golf por varias autonomías

Imaxe corporativa do torneo © Turismo de Galicia

Dende 2011 a Xunta, primeiro a través de Turgalicia e despois por medio da súa sucesora, a Axencia Turismo de Galicia, vén organizando e financiando un torneo de golf en diferentes puntos do Estado. O financiamento público deste evento xa chegou ao Parlamento no ano 2012, cando o PSdeG censurou que o gabinete de Alberto Núñez Feijóo combinase esta decisión con recortes en áreas tan sensibles como sanidade ou educación. Malia ás críticas, Turismo seguiu apostando por este acontecemento ano tras ano e vén de poñer sobre a mesa ata 45.000 euros para celebrar a súa quinta edición.

Como en anteriores ocasións o organismo público que dirixe Nava Castro, con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta, xustifica a organización do torneo explicando que "o golf é saúde", unha "actividade deportiva e aeróbica" que "no caso de Galicia se materializa en campos totalmente integrados na natureza". A "este factor engadímoslle o da oferta de termalismo" e "complementámolo coa excelente gastronomía, que significa pracer, goce e actividade social entre amigos". Estes factores, di o mesmo documento, fan que Galicia teña "grandes fortalezas cara o segmento sénior do golf", o de xogadores e xogadoras d emaior idade, un "segmento de altos recursos económicos" no que "Galicia pode ir por diante", xa que "ningunha" autonomía "fixo un posicionamento neste segmento de demanda".

Así as cousas, Turismo proponse atraer mulleres maiores de 50 anos e homes maiores de 55 para "servir de enlace entre a industria do golf e a industria turística local" mediante un torneo baseado en termalismo como "símil de saúde e benestar", gastronomía e enoloxía como "símil do bo vivir" e o propio golf, "símil do pracer de gozar do ocio, do deporte e da natureza". En colaboración coa Asociación Galicia Destino Golf organizará un "mínimo" de "cinco probas clasificatorias" cun "mínimo" de "70 xogadores" nas que as persoas interesadas non terán que pagar máis de 30 euros por inscribírense. As "probas mínimas esixidas" terán que celebrarse en Asturias, "Cantabria ou A Rioxa", Euskadi, Navarra e Madrid. Caben tamén "probas adicionais", como unha segunda en Madrid e outra en territorios como o Norte de Portugal, Andalucía ou Catalunya.

O torneo celebrarase, como "mínimo", en Asturias, Cantabria ou La Rioja, Euskadi, Navarra e Madrid

Tras estas probas de clasificación, que inclúen "unha degustación de produtos enogastronómicos de Galicia", a Xunta promove unha "fase final en Galicia" que, ademais de competición deportiva, inclúe a "acollida dos finalistas e acompañantes" nun "hotel de categoría de 4 ou 5 estrelas". O programa desta fase, de catro días de duración, contempla uns "servizos mínimos" que pasan pola celebración dun "viño galego ou romaría típica de benvida", degustacións gastronómicas ou "un pack de accesorios de golf achegado por Turismo de Galicia". Todos os servizos de restauración teñen que "contar sempre con augas, cervexas, viños e licores" e, ademais, a empresa que se faga co contrato ten que "prover tres convites (sen custo) con acompañante" á propia axencia da Xunta.

Turismo indica que cada participante terá que recibir como "agasallo" un polo e tres bólas "personalizadas coa marca Galicia"

Tanto nesta fase final como nas probas previas cada participante gozará dun "agasallo de benvida" que conterá, "como mínimo", un "polo conmemorativo" que "deberá estar personalizado coa Marca Galicia, a marca do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago e a imaxe do Circuíto" e un "pack de tres bólas personalizadas coa marca Galicia". Asemade, "aos xogadores clasificados para a fase final, ao remate do programa entregaráselles un DVD" que conterá "unha reportaxe fotográfica das experiencias vividas no programa da fase final en Galicia". O organismo público que organiza este evento é o mesmo que sufraga a produción dun videoclip de Enrique Iglesias por máis de 300.000 euros.

Imaxe corporativa do torneo © Turismo de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.