A esixencia que habitualmente -sobre todo nos últimos anos- se lles fai aos partidos de que aparten dos altos cargos aos políticos imputados en casos de corrupción, cobraba no caso de Rogelio Martínez unha significación especial. Estaba xa imputado por presuntos delitos de malversación, fraude, falsidade documental e prevaricación continuada cando foi nomeado delegado da Xunta en Ourense. E así permaneceu, no posto e imputado, durante seis anos, pendente do inicio dun xuízo que se foi adiando, entre cambios de xuíz (ao redor de media ducia), recursos e novos informes.
Preguntado sobre se as respectivas imputacións influíron nos cambios, Núñez Feijoo, argumentou que "todo inflúe pero nada en exclusiva foi determinante. Tamén inflúen os ciclos políticos"
O Consello da Xunta decidiu este xoves a destitución de Rogelio Martínez como delegado da Xunta en Ourense. Será substituído por Marisol Diaz Mouteira. Tamén cesa a delegada en Vigo, María José Bravo Bosch, imputada recentemente na Operación Patos, relevada por Ignacio López-Chaves. En ambos os dous casos o Goberno galego asegura que os cargos cesados pediron ser substituídos. E, preguntado sobre se as respectivas imputacións influíron nos cambios, o presidente Alberto Núñez Feijoo, argumentou que "todo inflúe pero nada en exclusiva foi determinante. Tamén inflúen os ciclos políticos".
María José Bravo convértese na primeira vítima política da Operación Patos, un proceso no que foi imputada hai tres semanas por supostamente beneficiar o empresario Enrique Alonso Pais, e sobre o que deberá declarar o vindeiro 5 de novembro. A actualidade do caso colocou os focos sobre ela nas últimas semanas, pero máis rechamante era a permanencia no cargo de Rogelio Martínez, despois de que por dúas veces a instrución fose pechada e parecese encamiñarse cara á apertura de xuízo oral e o seu consecuente procesamento. Porén, o pasado mes de maio o procesamento de Martínez foi novamente freado, é espera dun informe que a fiscalía lle reclamou -xa en febreiro- á Axencia Tributaria.
O pasado mes de maio o procesamento de Martínez foi novamente freado, é espera dun informe que a fiscalía lle reclamou -xa en febreiro- á Axencia Tributaria
Os problemas de Rogelio Martínez coa xustiza iniciáronse en 2006 cunha denuncia presentada polo BNG. Foi acusado de apropiación indebida e fraude no uso de fondos europeos cando aínda era alcalde de Arnoia. Ao redor de 51 mil euros debían ter sido destinados á construción dunha planta de biomasa que finalmente non se chegou a realizar, pero que si foi certificada polo rexedor. En 2009 a Audiencia xa considerou probado o delito e condenouno por vía administrativa á devolución dos cartos. Porén, os recursos presentados pola defensa de Martínez foron adiando o inicio do xuízo.
Rogelio Martínez resistiu seis anos no seu posto, imputado e exercendo de home forte de Núñez Feijoo na provincia
Nos últimos anos en moitas ocasións foi destacada a dobre vara de medir que o PP empregaba co seu delegado en Ourense. A pesar de que xa en 2012 o partido modificou os seus estatutos, comprometéndose a abrirlles expediente informativo a todos os seus altos cargos imputados por corrupción, Rogelio Martínez resistiu no seu posto, exercendo de home forte de Núñez Feijoo na provincia, unha especie de contrapoder interno ao baltarismo, e sinalado polos grupos da oposición, que unha e outra vez esixiron o seu cese. Ata este xoves.