A estrutura da Presidencia da Xunta foi variando ao longo da historia autonómica. Por diversos motivos, dependeron directamente do xefe do Goberno galego departamentos diversos, dende Política Lingüística a Igualdade ata, como na actualidade, Modernización Tecnolóxica ou Turismo. Todas estas variacións apenas afectaron á partida destinada ao persoal eventual de gabinete da Secretaría Xeral da Presidencia, cando menos na última década. Así, como vén informando Praza Pública, os 908.818 euros que os Orzamentos Xerais para 2013 dedican a esta partida non só supoñen un incremento de 123.584 euros a respecto do ano 2012, senón que constitúen o montante máis elevado destinado a este concepto nos últimos dous gobernos.
O incremento chegou este mércores ao Parlamento e a xustificación chegou a través do secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, que ao explicar no Parlamento as súas contas xustificou a suba nos cambios da estrutura gobernamental, nomeadamente, na incorporación da Secretaría Xeral do Turismo á estrutura do departamento e na transformación da Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica nunha axencia pública. O incremento "deriva da consignación de contías que antes se atopaban en capítulos distintos" e "non hai máis que acudir cunha certa experiencia aos anexos de persoal" dos Orzamentos "para comprobar que as cifras que se manexan aquí son correctas pola miña parte", di.
O BNG reclama unha "explicación máis críbel", xa que en 2012 Turismo "non tiña gastos de gabinete"
Os argumentos non convenceron as voceiras da oposición. Así, dende o BNG Tereixa Paz reclama unha "explicación algo máis críbel", xa que a "xustificación pola incorporación do persoal de gabinete correspondente a Turismo" non é, ao seu xuízo, real. En 2012, cando dependía da extinta Consellería de Cultura, na Secretaría Xeral de Turismo "non había gastos de gabinete", constata -en 2013 a partida ascende a 88.935,91 euros e en 2012 non existía-. Nun sentido semellante, a socialista Marisol Soneira censura que o PP "chegase a Monte Pío co discurso dos coches, dicindo que alí habitaba un sultán" pero agora "haxa máis persoal de gabinete con Núñez que con Touriño". "Non facían as fusións para aforrar?", pregúntase.
Presidencia perdeu as competencias en Igualdade, que supuñan 63.000 euros en persoal de gabinete
"Non hai ningún tipo de incremento", reiterou Valeriano Martínez que, ademais, subliña que o persoal de gabinete do presidente custa un 5% menos en 2013, unha vez restados os novos departamentos, "unha regra que se lle aplica a todo o persoal eventual de gabinete". Así e todo, se ben é certo que se incorporou Turismo á Presidencia non o é menos que este departamento perde, por exemplo, as competencias en materia de Igualdade, que pasan á Vicepresidencia e que en 2012 supuña 63.313 euros en gastos de persoal eventual de gabinete. Pola súa banda, o departamento de Modernización Tecnolóxica -antes secretaría xeral e agora axencia- pasa de gastar 93.616 euros en gabinete a quedar en 73.910 aínda que, segundo asegura a Xunta, agora xestiona toda as accións do Executivo en materia de tecnoloxía e informática. "Non demonicen este tipo de persoal", reclamou o secretario xeral.