Á Xunta quédalle apenas unha semana para decidir se opta por mergullarse nunha batalla legal na defensa do denominado decreto do plurilingüismo. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) invalidase ata en oito ocasións puntos clave da reforma lingüística de Feijóo, tales como a realización de consultas vinculantes ás familias ou a capacidade do alumnado para falar o idioma que considere oportuno con independencia da materia impartida, a Consellería de Educación realizou os trámites previos para presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero non sabe se o culminará. Iso é, cando menos, o que afirmou este martes no Parlamento o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
A preguntas do voceiro do PSdeG en materia de lingua, Francisco Caamaño, García explico que o feito de "que nos persoásemos" ante o alto tribunal "non quere dicir que agoar mesmo estea decidido presentar" o recurso "ou non". Entón, por que "efectuou o trámite de comparecencia, que é un aviso para poder presentar o recurso"?. O departamento que dirixe Jesús Vázquez "constatou que hai outras entidades" que van recorrer as resolucións do TSXG. "Unha xa o presentou", e non é outra que a asociación Galicia Bilingüe. "E a Real Academia Galega está a preparalo".
En calquera caso, segundo Valentín García interpreta, como o seus superiores no Goberno, que "tras oito sentenzas" o Tribunal Superior "apoia o modelo" lingüístico da Xunta e o que tomba "non é máis ca un 5%", "dous parágrafos" dun total de "trinta e tres artigos". E ademais, abonda, "así o corroboraron nas urnas os cidadáns de Galicia". "Se, como vostede di, o decreto non está tocado... Por que o recorren?", inquiriu Caamaño. "Por que prolongan a agonía da lingua?", pregúntase o socialista, en cuxa opinión o secretario xeral debera ser consciente de que "non é o mesmo" a posición dun colecetivo social "que a do Goberno de Galicia", ao que lle corresponde "dar exemplo".
"Se, como vostede di, o decreto non está tocado... Por que o recorren?", pregúntase Caamaño
Caamaño ten "só unha explicación" para a actitude da Xunta. "Recorren para presionar novamente á oposición", nunha caste de chantaxe segundo a cal "se non apoiades o que eu quero, vou seguir tendo a lingua nos tribunais", que é "o peor" que lle pode pasar", "unha mala noticia para todos os que queremos e defendemos a lingua". Segundo o secretario xeral quen "tende a man" é precisamente a Xunta, tanto á oposición como "ao colectivo Chamamento polo Galego, que ten difundido un manifesto para que non se materialice o recurso". Así e todo, xusto a continuación o alto cargo de Educación lanza unha andanada dialéctica contra o parlamentario socialista "Onde rompe o consenso" non é co decreto plurilingüe, "senón co anterior", isto é, o do bipartito, resolve.