Unha familia de tres membros: dúas persoas adultas e un fillo ou filla en idade escolar. As dúas persoas adultas cobran uns céntimos máis de 1.125 euros ao mes cada unha e, a partir do próximo curso, terán que adaptar a súa economía familiar a pagar uns 90 euros mensuais polo comedor escolar do seu fillo ou filla, que custará 4,50 euros ao día. Eses 4,50 euros son o prezo máximo fixado pola Consellería de Educación para prestar este servizo, un tope que en plena crise sobe un 40,2% a respecto do curso anterior, no que ademais o departamento que dirixe Jesús Vázquez revoluciona as regras que rexen os comedores, que ata agora eran de balde para o 91,82% do alumnado e nos que agora terá que pagar o 43,26%, segundo cálculos do propio Goberno galego.
O argumento ofrecido dende San Caetano é semellante ao lanzado antes de aplicar outros recortes, o da "sostibilidade", en palabras do secretario xeral da consellería, Jesús Oitavén, quen tamén sostén que a "gratuidade total" se mantén para "as rendas baixas". Este concepto de renda baixa é só aplicable, segundo a Xunta, para as familias cunha renda per cápita inferior a 7.000 euros anuais, isto é, por exemplo, unha parella cun fillo que non ingrese máis de 583 euros ao mes en total. De aquí en diante o Goberno galego xa non aplica o baremo creado para as devanditas "rendas baixas".
Unha familia de tres membros na que os dous adultos cobran pouco máis de 1.100 euros pagará uns 90 euros mensuais polo comedor
Así, nas familias de entre un e dous fillos en idade escolar con renda per cápita de entre 7.000,01 e 8.000 euros ao ano, o prezo do comedor será dun euro ao día -uns 20 euros ao mes-, o mesmo que para as familias numerosas que ingresen máis de 7000,01 euros per cápita. No caso das familias cun fillo ou dous en idade escolar e ingresos de 8.000,01 e 9.000 euros per cápita, o prezo diario por xantar no colexio chega aos 2,50 euros. De 9.000,01 per cápita en diante o prezo chega aos devanditos 4,50 euros ao día. A Xunta admite non saber cal será o volume total de cartos que obterá con esta suba, se ben asegura que a recadación permitirá que, no curso 2016-17, "sexan un total de 66.805 os usuarios que empreguen este servizo baixo a xestión da Consellería", un "fito" resultante de asumir "o 60%" dos comedores que actualmente xestionan as asociacións de pais e nais.
Feijóo sae en tromba na defensa da suba
Mentres sindicatos educativos como a CIG Ensino ou o STEG enmarcan estas medidas na "cruzada" da Xunta contra os servizos públicos e no seu carácter "inxusto, insensíbel" ou "insolidario", o propio presidente do Goberno galego realizaba este xoves unha acendida defensa do plan de Jesús Vázquez. Lonxe de asumilo como unha retallada, Alberto Núñez Feijóo presenta o incremento de prezos como unha vía para lograr "máis equidade", xa que, segundo a versión presidencial, "non lle cobramos a quen o necesita e si lle cobramos a quen pode". Malia á redución na porcentaxe de alumnado que xantará de balde, Feijóo insiste en que "o que era gratuíto segue sendo gratuíto" e "o que era máis barato segue sendo máis barto", dado que "o 60% non pagará por comer nun comedor escolar".
Segundo Feijóo, se o servizo fose universal se financiarían "cos cartos dos parados o comedor da xente que ten traballo e pode pagalo"
A xuízo de Feijóo "hai modelos que consisten en que paguen o mesmo os que teñen e os que non teñen" pero el aposta pola "xustiza social". Eses principios, afirma, non se cumpren ofrecendo un servizo universal de comedor escolar, porque iso implicaría "que en época de crise" e "cun paro enorme" se "siga financiando cos cartos dos parados o comedor da xente que ten traballo e pode pagalo". Por este motivo, di, o seu gabinete "corrixe as disfuncións do sistema de copagametno que implantou o bipartito". Asume, polo tanto, este cambio como un recorte?, preguntóuselle dende a bancada da prensa. "Evidentemente, non", retrucou.
Prezo por alumna/o | Fillas/os en idade escolar | Ingresos anuais per cápita |
---|---|---|
De balde | Indiferente | Menos de 7.000€ |
1€/día | 1 ou 2 | 7.000,01€ - 8.000€ |
1€/día | 3 ou máis | Máis de 7.000,01€ |
2,50€/día | 1 ou 2 | 8.000,01€-9.000€ |
4,50€/día | 1 ou 2 | Máis de 9.000,01 |