Dende a apertura dos colexios electorais en Galicia sucedéronse as denuncias polas carpetas empregadas polos interventores e interventoras do Partido Popular, nos que se podía ver con claridade o nome de Feijoo e o eslogan da formación na campaña electoral, elementos non permitidos ao redor das mesas de votación.
Minutos despois das nove da mañá, o líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Jácome, chegaba mesmo a ameazar con "impugnar todas as mesas da provincia", pola presenza desta propaganda política. A formación denunciou os feitos ante a Xunta Electoral. E tamén o fixeron outros partidos, como EnMarea na provincia de Pontevedra. A Xunta Electoral reaccionou con rapidez, dando indicacións a todos os presidentes e presidentas de mesa para que ordeasen a retirada desa publicidade non autorizada.
Nalgúns colexios, mesmo os axentes de policía destinados para a cobertura da xornada electoral, interviron para lembrar a prohibición. E, como denuncia Democracia Ourensana, nalgunha mesa os apoderados e apoderadas do PP "negáronse a ocultar as carpetas", motivando que o presidente detivese a votación ata que acatasen a orde da Xunta Electoral.
Foi, iso si, o único incidente salientable nun inicio de xornada moi tranquilo, sen outras sucesos destacables.
Por outra banda, a Xunta Electoral está mandando circulares ás mesas electorais da provincia da Coruña en relación coa posibilidade de que aparezan votos con papeletas de En Marea pola provincia de Pontevedra. Durante a campaña, houbo un erro nalgúns envíos do mailing da formación, chegando a algunhas casas a papeleta trabucada. Vai depender de cada mesa aceptar eses votos ou non