A Xunta Electoral prohibe que os interventores leven camisolas co logotipo do seu partido

Un intre da votación deste 20-D, nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

As persoas designadas polos partidos como apoderadas ou interventoras representan as forzas políticas nos colexios electorais. Segundo a lei electoral e as sucesivas normas que a desenvolveron, a súa función é a de velar polo desenvolvemento limpo do proceso electoral, son membros das mesas e poden asistir o electorado se este o require, función para a cal poden ir identificados como representantes dunha forza política determinada. No entanto, a Xunta Electoral Central vén de ditar unha limitación: esa identificación non pode estar estampada nunha camisola.

Na súa sesión do pasado día 8 a XEC abordou unha consulta formulada por Unidos Podemos sobre a "posibilidade de que a identificación de apoderados e interventores poida ir en soporte téxtil, en concreto impresa nunha camisola durante o día de celebración das eleccións xerais de 2016", no canto de portarse nun adhesivo ou nunha acreditación pendurada da roupa, por exemplo. A autoridade electoral vén de publicar a resolución da consulta indicando que non o permite.

"Non se pode acceder ao solicitado", porque "os interventores e apoderados poden ostentar emblemas ou adhesivos co nome e siglas do partido ou coalición e a palabra 'interventor' e 'apoderado'", pero aos "puros efectos da identificación", indican, remitíndose a acordos da XEC en 1987, 1991, 1994 e 1995. "A identificación ten que ser simple", sen que "poidan levar camisolas coas siglas, denominación ou logo da formación política".

A XEC permite os logotipos en adhesivos pegados á roupa, pero non en camisolas, porque as considera "propaganda electoral"

Para reforzar este argumento a Xunta Electoral advirte que, segundo o artigo 93 da lei electoral, está prohibido "que nin nos locais electorais nin nas inmediacións" se "poida realizar propaganda electoral de ningún xénero". "Esta prohibición inclúe portar camisolas coa denominación, o logo, ou as siglas dunha formación política", conclúe antes de resolver que, como corresponde, se traslade esta prohibición ás Xunta Electorais de Zona e destas, ás mesas electorais. Así as cousas, as presidencias de mesa terán que impedir que interventores e apoderados porten estas camisolas.

A cuestión das camisolas é recorrente dende hai tempo en procesos electorais. Así, por exemplo, nas eleccións de 2011 a Xunta Electoral de Madrid vetou que os membros das mesas puidesen empregar nesa xornada as camisolas verdes con lemas a prol do ensino público. Igualmente, no ano 2003 a XEC impediu, a raíz dunha consulta da Xunta Electoral de Valencia, que presidentes, vogais, interventores ou apoderados vestisen camisolas co lema 'Non á guerra', prohibición que, ademais, pairou sobre as camisolas de Nunca Máis, se ben a decisión ficara neste caso na presidencia de cada mesa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.